Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
29/8/2012
Secretario nacional da Federación da Banca.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Restruturación bancaria: Salvarás a Bankia sobre todas as cousas

Un medio de comunicación filtrou o texto do novo decreto do FROB que o goberno podería aprobar o venres 31. A liquidación de entidades inviables, agás Bankia, a transformación da débeda privada en pública e unha quita para os posuidores de débeda subordinada son os efectos inminentes.

Unha vez mais o goberno do Partido Popular optou por aprobar un Real Decreto, obviando así o debate parlamentar sobre unha cuestión tan trascendental coma a reestruturación do sistema financeiro con cargo ao erario público. Ao mesmo tempo esta previsto que aprobe o recorte da axuda de 400 euros á maior parte das persoas desempregadas, nun novo recorte social.

Cando o Comisario da Competencia, Joaquín Almunia, anunciou que o rescate bancario pactado por Rajoy levaba aparellada a liquidación de entidades non viables, erguéronse numerosas voces ante o que consideraron unha saída de ton. A CIG reclamou daquelas coñecer si o que dicía Almunia era certo, si iso formaba parte do acordo ao que chegou Mariano Rajoy, tal e como agora quedou demostrado.

O Real Decreto establece que será o FROB o que se encargue coma ata o de agora da reestruturación do sistema, pero deixando claro que a dotación será contra os ornamentos do Estado. Tal e como temos denunciado estamos ante unha transformación da débeda privada, en débeda pública. Así mesmo o proceso de venda dos activos que reciba o Estado como contrapartida poderá realizarse de xeito opaco a través de terceiros. Quere dicir que o Estado comprará activos das Entidades, que posteriormente outros venderan incluso para beneficio propio. Algo especialmente grave e doloso, dado que o Estado pode transformarse no maior terratenente e no maior propietario de vivenda de Europa (a este respecto haberá que agardar a lexislación específica do denominado “Banco Malo”).

O Decretazo establece polo miúdo a liquidación das entidades consideradas non viables, agás claramente no caso de Bankia (o Banco vinculado ao Partido Popular de Madrid)  Entidade que a priori ten a consideración de sistémica. Para o resto deixa aberta a incerteza provocando, como non, unha maior desvalorización das mesmas. Poderán tamén ser liquidadas entidades que formen parte dun grupo bancario sen liquidar este, unha medida que a priori favorece tamén a Bankia, poderase liquidar o Banco de Valencia sen que afecte ao resto do Grupo. Polo visto Esperanza Aguirre ten maior grado de interlocución que Feijoo dentro do PP.

O proceso de liquidación esquece conscientemente aos traballadores e traballadoras que de xeito directo ou a través de subcontratas traballan para as entidades que podan ser liquidadas. Aí a CIG está atenta a calquera movemento por parte do goberno na defensa dos postos de traballo.

Dentro das distintas modalidades de liquidación á carta, o goberno aprobou a creación do que denominan Banca Ponte, o que se traduciría nunha macrofusión de entidades a priori non viables en solitario, dando lugar a un novo macro Banco que podería ser vendido o liquidado no prazo de cinco anos. Unha vez mais privatización e fusión como solución aos problemas do sistema financeiro.

O futuro de novagalicia banco continua no aire, a incerteza na que vivimos as 6.000 persoas que traballamos na entidade non rematou. A estas alturas cabe preguntarse si os inxentes recursos públicos dedicados ata o de agora e no futuro para sanear entidades privadas, non deberían levar a conversión das mesmas nunha Banca Pública competencia das comunidades autónomas no caso das entidades sistémicas para unha Comunidade Autónoma e nunha banca pública estatal no caso de Entidades Sistémicas.

cig.prensa@galizacig.com