Mentres W. Bush exerce o moi socialista intervencionismo de Estado para salvar os xigantes das finanzas estadounidenses, non só Wall Street treme: se cadra tamén o republicano McCain e o demócrata Obama, candidatos á presidencia de EE.UU. Quen e como lles seguirá achegando fondos precisamente agora, a pouco máis de tres semanas das eleccións?
Non é unha pregunta ociosa. Por exemplo e entre outras cousas: o responsábel da campaña presidencial do republicano cobra 15.000 dólares por mes como presunto asesor da firma Freddie Mac, unha das que orixinaron o caos.
Gran parte dos bancos e os despachos de Wall Street a piques de crebaren, que o presidente estadounidense propón socorrer, financiou abondosamente as precampañas de ambos. Unha investigación do Centro de Políticas Responsables (CFRP, polas súas siglas en inglés), prestixiosa institución independente que pescuda na influencia do diñeiro nas eleccións e as políticas norteamericanas, revela que os bancos comerciais e de investimento, as compañías de seguros, as inmobiliarias, grandes firmas de avogados e círculos financeiros veñen sostendo tanto ao republicano como ao demócrata con non pequenas sumas. Isto non é novo no país do Norte: estímase que os dous partidos recibiron desas fontes máis de 1.600 millóns de dólares desde 1997.
Os sectores inmobiliario e financeiro, entre outros, arrimáronlle –até o de agora- polo menos 30 millóns de dólares a McCain. O CFRP non puido determinar con exactitude o monto do que Obama recibiu porque o equipo da súa campaña se negou a responder as preguntas do Centro, pero este puido determinar que lle achegaron máis de 13 millóns, aos que se sumaron 9,5 millóns procedentes da banca investidora, despachos de avogados e outros (www.opensecrets.org, 19-9-08). Desinteresadamente, por suposto.
Os dous candidatos claman agora contra Wall Street pola crise -que sacode a EE.UU. no medio dunha guerra que dura xa 5 anos e do constante aumento dos prezos no mercado interno- e reclaman medidas regulatorias para ordenar as marabillas do libre mercado. Cómpre dubidar da súa sinceridade. A banca investidora doou 9,9 millóns de dólares a Obama e 6,9 millóns a McCain; os bancos comerciais, 2,1 millóns e 1,9 millóns respectivamente. Menos dá unha pedra. Lehman Brothers, Goldman Sachs e outras compañías que contemplan o abismo son as que máis contribuíron á campaña de Obama. Merrill Lynch, Goldman Sachs e Citigroup, á de McCain (phoenix.biz journals.com, 16-9-08).
Regular o mercado parece unha misión imposíbel. As elites empresariais estadounidenses -e non só- lograron que a desregulación impere e o capital especulativo domine. Demócratas e republicanos comparten responsabilidades políticas na materia: en 1999, o Congreso derrogou a lei Glass-Steagall, de 1933, que separaba a banca comercial da banca de investimento e dalgún xeito protexía os depositantes da especulación e dos investimentos de risco. Foi o resultado dun traballo de clientelismo que durou dúas décadas. A revogación desa lei foi aprobada de xeito esmagador: 90 contra 8 no Senado, 343 contra 86 na Cámara de Representantes. Dos 45 senadores demócratas, 38 votaron a favor; dos 207 representantes do mesmo partido, só 69 en contra. É confusa a liña divisoria entre os uns e os outros. Se realmente existe.
O Congreso demócrata/republicano aproba con poucas modificacións, se algunha, as continuas demandas orzamentarias da Casa Branca, que insiste na súa misión de “democratizar ao mundo” empezando por Iraq e Afganistán. O Premio Nobel de Economía, Joseph Stiglitz, e a catedrática Linda Bilmes calcularon en febreiro deste ano que o custo directo desas guerras -sen ter en conta a atención de saúde dos veteranos- decuplican o da primeira Guerra do Golfo, triplican case o da guerra de Vietnam e duplican o da Primeira Guerra Mundial (www.timesonline.co.uk, 23-2-08). O gasto por cada efectivo na Segunda Guerra Mundial foi inferior a 100.000 dólares de 2007. En Iraq é superior aos 400.000 e a factura total sería de 3000 millóns de millóns a fins deste ano. É imposíbel imaxinar os quilómetros de altura que tería esa cantidade amoreada en billetes de 100 dólares.
O “soño americano” de converter a EE.UU. en xendarme do mundo, baixo o pretexto da chamada “guerra antiterrorista”, ten pés de barro. A pregunta é que curso tomarán as cousas en EE.UU. A Casa Branca insistirá coa estratexia da fuga cara a adiante e abrirá outras frontes de guerra, en Irán se cadra? Iraq e Afganistán non o aconsellan. Claro que, dicía Alexandre Dumas, un consello só serve para non o ter en conta.
[Artigo tirado do sitio web do xornal arxentino ‘Página 12’, do 28 de setembro de 2008]