Na votación do domingo, os cidadáns ecuatorianos elixiron entre dous mundos, dous modelos de desenvolvemento económicos, social, político e ambiental diferentes. América Latina espera que coa institucionalidade que marcou a nova carta magna se estabeleza o comezo dun posíbel cambio nas estruturas neoliberais.
Unha xornada de vigor democrático se viviu en Ecuador este domingo. O mandato do pobo foi depositado nas urnas e só resta que os camiños novos para este país empecen a ser transitados.
O presidente ecuatoriano Rafael Correa días previos ás eleccións advertira que renunciaría se o Non gañaba, seguro da pouca probabilidade de que ese prefacio se cumprise. Nun referendo controlado pola Organización de Estados Americanos (OEA) e outras organizacións internacionais, o “Si” pola nova constitución logrou imporse con máis do 60 por cento, sobre o 20 do “Non”.
En efecto, semanas antes do triunfo do Si, Rafael Correa expresara que de non se aprobar a Constitución "tería que regresar o Congreso", actualmente en receso, que pediu a súa destitución. Para o mandatario unha eventual vitoria do Non significaría que Ecuador se torne "ingobernábel" e xerase unha inestabilidade "con consecuencias impredicíbeis". Así mesmo, regresaría o Superintendente de Bancos e teríanse que devolver os bens incautados pola AGD (Axencia de Garantías de Depósitos)".
O triunfo deste domingo coloca a Ecuador na lista histórica de países pioneiros na desarticulación do modelo de desenvolvemento neoliberal. Agora, os ecuatorianos serán convocados novamente ás urnas para eleccións lexislativas e presidenciais.
A necesidade de instituír unha nova Carta Magna cobrou forza coa chegada de Correa á presidencia polo movemento Alianza País, logo de que gañase en segunda volta fronte ao candidato e magnate bananeiro Álvaro Noboa, do Partido Renovador Institucional de Acción Nacional (PRIAN).
Tras asumir o seu mandato o 15 de xaneiro de 2007, unha das primeiras medidas de Correa foi convocar a consulta popular para a creación dunha Asemblea Constituínte de plenos poderes. O referendo levouse adiante o 15 de abril dese ano e un 81,72 por cento de votantes dixo "Si" á Asemblea. O 30 de setembro elixíronse os 130 integrantes da Asemblea Constituínte que redactaron o proxecto de Constitución. En xullo, esa Asemblea Constituínte creou o texto fundamental co cal o Goberno busca refundar o país baixo a consigna do "Socialismo do século XXI".
Para Correa, a aprobación da nova Constitución significaba “a última oportunidade dun cambio pacífico no Ecuador”. “Hai que dicir si ao futuro, sen medo, sen os medos ancestrais á sotana ou á vinganza final de Lucifer”, manifestara en alusión aos pronunciamentos da Conferencia Episcopal que en temas como o aborto, o matrimonio entre homosexuais e a educación recollidos no texto constitucional “existían elementos irreconciliábeis coa fe católica”.
A campaña opositora estivo argallada polo alcalde socialcristián de Guayaquil, James Nebot, promotor da escisión en Ecuador e de esquemas neoliberais e non centralistas. Nebot acusara a Correa de “dividir o país enfrontando a cristiáns entre si, ricos contra pobres, cidades pequenas con cidades grandes” e de “desdolarizar a nación”.
Agora haberá que agardar se se cumpren as ameazas de Nebot. Durante a campaña o alcalde afirmara que de gañar o Si non volvería ser candidato á Alcaldía. Ademais, cargou sobre o presidente a responsabilidade se Guayaquil segue os pasos de Santa Cruz de la Sierra, a provincia de Bolivia que encabeza os procesos separatistas de cinco departamentos orientais do país.
“A autonomía é unidade na diversidade, e o separatismo é soberanía”, dixera Nebot no seu peche de campaña en Guayaquil. Nese contexto, o sábado, Correa alertou sobre as intencións maliciosas da oligarquía que confunde o fortalecemento do Estado cun suposto "hiper-presidencialismo". E nese sentido, asegurou que a oposición non conforme coa derrota, buscaría desestabilizar o país, por iso solicitou á OEA que lexitimase o seu triunfo.
A Carta Magna contén unhas 30 disposicións transitorias e 444 artigos, entre os que se atopan aqueles vinculados coa soberanía territorial, os principios e dereitos fundamentais da función electoral, a propiedade, soberanía popular, alimentaria e económica.
Así mesmo, o texto constitucional pon fin á polémica presenza de forzas militares estadounidenses en chan nacional, aceptada en 1999 polo daquela presidente ecuatoriano Hamid Mahuad. Nesa orde, desterra o modelo neoliberal, abre as portas ao modelo social e solidario e invalida a presenza ou instalación de bases estranxeiras no país. Correa xa dera un primeiro paso ao non renovar o convenio para que a base militar de Manta continúe operando en Ecuador.
Doutra banda, o documento inclúe artigos relacionados coa defensa da natureza, a seguridade alimentaria, o recoñecemento da interculturalidade e plurinacionalidade; e incorpóranse como idiomas oficiais o quichua (variedade do quechua que se fala en Ecuador) e o shuar.
Ao redor dos recursos naturais, prohíbese a súa privatización, incluída a auga. Promóvese ademais a eliminación do latifundio e declara ao Estado como dono exclusivo dos recursos naturais.
Na votación do domingo, os cidadáns ecuatorianos elixiron entre dous mundos, dous modelos de desenvolvemento económicos, social, político e ambiental diferentes. América Latina espera que coa institucionalidade que marcou a nova carta magna se estabeleza o comezo dun posíbel cambio nas estruturas neoliberais e como sinalou Rafael Correa se xere unha "revolución cidadá: un proceso radical, profundo e rápido de cambio”.
[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 29 de setembro de 2008]