Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/10/2012
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Obama II

Intelectualmente brillante, o primeiro presidente negro de Estados Unidos non conseguiu transformar o seu país. O diñeiro segue dominando a vida política, as institucións seguen paralizadas polos bizantinismos do Congreso, a economía segue trenqueleando, e a hexemonía planetaria de Washington está máis cuestionada que nunca.

 Tres eleccións decisivas dan en celebrarse nas próximas semanas o resultado das cales debuxará o novo rostro do mundo. A primeira é a do 7 de outubro en Venezuela. Se -como o prevén as sondaxes- gana Hugo Chávez, será unha gran vitoria para todo o campo progresista en América Latina, e a garantía de que os cambios continuarán.

 A segunda, a mediados deste mes, ten lugar no marco do XVIII Congreso do Partido Comunista de China, onde con case toda seguridade, Xi Jinping será elixido novo secretario xeral do Partido, en substitución de Hu Jintao, primeiro paso cara á súa probábel elección, dentro duns meses, como próximo presidente de China e, en consecuencia, líder da segunda economía mundial, da principal potencia emerxente e rival estratéxico de Washington.

 A terceira, o 6 de novembro, decidirá o mantemento do demócrata Barack Obama na presidencia de Estados Unidos ou a súa substitución polo republicano Mitt Romney. Aínda que está demostrado que un cambio de mandatario non afecta demasiado ao poder financeiro (que é quen decide en última instancia), nin modifica as opcións estratéxicas fundamentais da potencia estadouniense, non hai dúbida de que estas eleccións, no contexto internacional actual, resultan determinantes.

 A priori, Barack Obama saía con poucas esperanzas de renovar o seu mandato. Mais o asasinato de diplomáticos estadounidenses en Libia e os ataques contra a embaixada estadounidense en Exipto o pasado 11 de setembro -xusto once anos despois dos atentados contra o World Trade Center en 2001- fixeron entrar de súpeto os temas da política exterior na campaña electoral. Podería isto favorecer a reelección de Obama?

 Ningún candidato gañou endexamais baseándose nun proxecto (ou un balance) de política exterior. Porén, pódese afirmar que eses tráxicos sucesos recentes non desfavoreceron a Obama na medida en que, por contraste, o seu rival republicano Mitt Romney deu, nesa ocasión, unha imaxe de político superficial e irresponsábel. Moi afastada, en todo caso, da imaxe que a opinión pública ten dun verdadeiro home de Estado.

 Se engadimos a iso o efecto devastador que provocou, días despois, a difusión dun vídeo “clandestino” no cal Romney declara con desprezo que a metade do país -os electores de Obama- se compón de “vítimas”, de “perdedores” e de “asistidos”, podemos afirmar que o presidente saínte recobra, a poucas semanas do escrutinio, posibilidades de gañar.

 Non era evidente. Porque, tendo prometido moito durante a súa campaña de 2008, Barack Obama decepcionou na mesma proporción. El mesmo admitiu vender demasiados soños. E a súa popularidade caeu desde moi alto. Tanto que é ben preguntarse como un home que deu en atraer a dous millóns de persoas o día da súa toma de posesión en Wáshington en xaneiro de 2009, e que ten máis de trece millóns de seguidores en Twitter, puido perder tan brutalmente a súa maxia?

 Intelectualmente brillante, o primeiro presidente negro de Estados Unidos non conseguiu transformar o seu país. O diñeiro segue dominando a vida política, as institucións seguen paralizadas polos bizantinismos do Congreso, a economía segue trenqueleando, e a hexemonía planetaria de Washington está máis cuestionada que nunca.

 Tamén é certo que, ao chegar á Casa Branca, o novo presidente viuse enfrontado a unha crise financeira, industrial e social dunha gravidade só comparábel coa Gran Depresión. O país perdera oito millóns de empregos... Así e todo, Obama deu a impresión de non se decatar de que o barco se afundía. Seguiu co seu papel de Gran Engaiolador da campaña electoral. Non viu vir o naufraxio. E errou durante a primeira parte do seu mandato.

 Tiña que se ter apoiado na súa gran popularidade para atacar -inmediatamente- os excesos irracionais das finanzas e da banca, restablecendo a prioridade da política sobre a economía. Non o fixo. E a súa presidencia arrincou sobre unha base errada.

 Obama debeu tamén utilizar o apoio da nación para bater de inmediato no Partido Republicano e ampliar a fronte das reformas. Debeu dirixirse directamente ao pobo para presionar ao Congreso. E obrigalo a votar as leis sociais e fiscais que permitisen reconstruír o Estado de benestar e restablecer a felicidade social. Tampouco o fixo. Escolleu a prudencia. E foi outro erro.

 Non hai dúbida de que as súas reformas da sanidade e das regras de Wall Street foron importantes. Pero obtívoas moi rebaixadas. A lei sobre a reforma da sanidade elaborouse de xeito moi conservador, e a consecuencia é que millóns de estadounidenses tiveron que recorrer ao sector privado dos seguros de saúde. A reforma das regulacións do mercado financeiro tampouco non tivo un alcance suficiente para poñer fin aos peores costumes do sector especulativo e bancario. En fin, a Casa Branca non promoveu suficientemente o Employee Free Choice Act que garantise aos traballadores a posibilidade de crearen máis sindicatos.

 Pero, ademais, Obama prometera cambiar o modo de funcionamento da vida política estadounidense, en particular no Congreso. Igual que fixo Franklin D. Roosevelt nos anos 1930, Obama debeu mobilizar o pobo e utilizalo como unha arma no seu combate lexislativo. Tampouco non o fixo. E acabou por parecerse ás momias políticas de Washington que tanto criticara. E que os cidadáns detestan. Consecuencia: foron os republicanos os que se dirixiron directamente ao pobo...

 En principio, os demócratas dispuñan de todo o necesario para gobernar. Controlaban os poderes executivo e lexislativo: a presidencia, a maioría na Cámara dos Representantes e a maioría no Senado. Normalmente, o control desas dúas alavancas esenciais abonda para dirixir un país. Pero xa non nas nosas sociedades post-democráticas.

 En realidade, malia a súa lexitimidade democrática, Obama e o Partido Demócrata, só dispuñan dunha baza. Cando hoxe se necesitan polo menos tres para gobernar. Faltábanlle pois dous máis: os grandes medios de comunicación de masas (os republicanos teñen a cadea Fox) e un poderoso movemento popular xurdido da rúa (os republicanos teñen o Tea Party). Obama e os demócratas non tiñan nin os uns, nin o outro. E constataron a súa impotencia...

 De tal xeito que -algo insólito- se viron ultrapasados pola dereita en pleno período de crise económica e social... A dereita estadounidense tivo o monopolio das manifestacións na rúa, das loitas contra o Goberno e mesmo da batalla das ideas... Consecuencia: nas eleccións de medio mandato, en novembro de 2010, os demócratas perderon a maioría na Cámara de representantes.

 Houbo que esperar aos albores da campaña electoral para que Obama entendese por fin que debía saír da lameira politiqueira de Washington e apoiarse nunha estratexia orientada cara aos movementos populares. En Denver, en outubro de 2011 -por primeira vez desde que chegou á Casa Branca-, Obama mobilizou directamente a súa base popular lanzándolle unha chamada de socorro: “Necesítovos. Necesito que protestedes. Necesito que vos mobilicedes. Necesito que sexades activos. Necesito que vos dirixades ao Congreso para lle berrar: “Facede a vosa tarefa!”.

 Esta nova estratexia resultou eficaz. Os parlamentarios republicanos tiveron de súpeto que se poñer á defensiva. Un novo Obama máis atacante e en plena progresión nas sondaxes empezou a emerxer. E mesmo tivo novas audacias: declarouse en favor do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e en favor doutra política cara aos inmigrantes que puxese fin ás expulsións indiscriminadas dos sen papeis. A súa popularidade aumentaba.

 Entre mentres, os republicanos elixían para representalos na carreira á Casa Branca ao multimillonario Mitt Romney. Este concentrou inmediatamente as súas críticas contra Obama denunciando o “balance catastrófico do mandato” do presidente: 23 millóns de parados ou precarios; un déficit orzamentario nunca visto en Estados Unidos; e unha débeda nacional en aumento do 50% en catro anos e equivalente ao PIB estadounidense.

 Romney confiaba nunhas enquisas segundo as cales o 54% dos electores declaraban que Obama non merecía un segundo mandato; e un 52% estimaban que vivían “peor hoxe que “ai catro anos”.

 O candidato republicano non paraba de repetir iso ao longo da súa campaña, esquecéndose de sinalar que as sondaxes tamén dicían que o propio Romney non conseguía convencer os electores da súa sinceridade e do seu interese pola xente. As enquisas tamén revelaban que unha maioría de estadounidenses estaba de acordo con Obama sobre case todos os grandes problemas: desde a reforma da sanidade até a política fiscal. En calquera caso, pensaban que Barack Obama os defendería mellor que Mitt Romney.

 Este tivo entón a idea de designar o moi conservador Paul Ryan -presidente da Comisión do orzamento da Cámara de Representantes­ como candidato á vicepresidencia. Cousa que estimulou a Obama porque, a partir dese momento, decidiu inverter os papeis habituais dunha campaña presidencial. Chantouse como opositor ofensivo no canto de defender o seu balance. Xa non foi el quen se xustificou polas súas dificultades para relanzar a economía, senón que obrigou os republicanos a explicaren o seu impopular plan de recortes do orzamento nacional, a súa promesa de “redución dos impostos dos millonarios” e de supresión das axudas ás familas modestas. Dese xeito, Obama transformábase en campión das clases medias, segmento principal da poboación estadounidense e por conseguinte do electorado.

 Feito significativo, no seu discurso do 6 de setembro pasado ante a Convención demócrata, o presidente non defendeu o seu balance, agás en política exterior. Recordou a morte de Osama Ben Laden, a retirada militar de Iraq e a súa decisión de retirar as tropas tamén de Afganistán.

 Habería moito que dicir sobre o balance da súa política exterior que é globalmente moi decepcionante. Tanto en América Latina (Cuba, Venezuela, golpes de estado en Honduras e Paraguai, etc.) como en Oriente Próximo (primaveras árabes, Libia, Siria, Irán, Palestina...). Mais, xa o dixemos, o resultado da elección non o determinará a política exterior.

 Todo se ha xogar en cuestións económicas e sociais. E estas, nos últimos meses, melloraron netamente. O crecemento, por exemplo, volve ser positivo (0,4% de media por trimestre). A situación do emprego mellorou moito (un millón de empregos creados nos últimos seis meses). Salvada da creba grazas ao Estado, a General Motors recuperou o primeiro posto (no canto de Toyota) na lista dos principais fabricantes de automóbiles do mundo. A construción de vivendas tamén vai mellor. A Bolsa progresou máis dun 50% desde 2009. E o consumo dos fogares volve estar en alza.

 Será esta recente melloría suficiente para garantir a reelección de Barack Obama?

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 204, de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com