Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/11/2008
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Impacto global

O modelo de capitalismo, deseñado polos Estados do Norte para o maior proveito dos países ricos, morreu. A nova arquitectura de economía social de mercado definirana, a partir da reunión do 15 de novembro en Washington, non só os Grandes do G8 senón tamén, por primeira vez, potencias do Sur como Arxentina, Sudáfrica, Brasil, China, a India e México.

A apocalipse financeira non rematou. Estase transformando en recesión global. E todo indica que imos cara a unha Gran Depresión. Por espectaculares que sexan, as medidas adoptadas en Europa e en Estados Unidos non van provocar o final das dificultades. Admitiuno o propio Henry Paulson, Secretario do Tesouro estadounidense: "Malia o noso gran plan de rescate, máis institucións financeiras van ir á creba".

Nun informe sobre as crises dos últimos trinta anos, o Fondo Monetario Internacional (FMI) confirma que as que teñen aos bancos e ao sector inmobiliario como protagonistas son especialmente "intensas, longas, profundas e daniñas para a economía real". Os efectos xa se estenden polos cinco continentes: nunhas semanas, o real brasileiro perdeu o 30% do seu valor; o zloty polaco, un 22%; a rupia india, un 10%; o peso mexicano, un 14%. Presións similares afrontan Indonesia, Filipinas ou a República Checa.

As autoridades estadounidenses xa inxectaron máis de billón e medio de euros (equivalente ao dobre do que custou, desde 2001, as guerras de Afganistán e de Iraq) nos seus diferentes plans de rescate de bancos, caixas de aforros e compañías de seguros. E os grandes bancos do mundo aínda necesitan varios milleiros de millóns de euros..., o cal os leva a restrinxir o crédito ás empresas e aos particulares. Coas consecuencias moi negativas que iso está tendo na economía real.

Os países avanzados, entre eles España, que recorreron á innovación financeira para garantir altas rendibilidades aos investidores, son os que encaixan o golpe máis duro. O FMI estima que a economía deses países terá o avance máis débil desde hai 27 anos. O mundo vai camiño de sufrir o seu peor pesadelo desde 1929.

Polas súas inéditas dimensións, esta crise pon fin ao período neoliberal baseado nas teses monetaristas de Milton Friedman que dominaron, durante tres décadas, o campo capitalista. E encandearon tamén á socialdemocracia internacional. A repentina derruba dese credo deixa a maioría dos dirixentes políticos desamparados. O patético espectáculo de responsábeis multiplicando de xeito disparatado as reunións e as "medidas de rescate" dá unha idea do seu descoido.

En Estados Unidos, os bancos traballaron nunhas condicións de liberdade absoluta concedidas en nome de fundamentos ideolóxicos. Por iso, a clase política norteamericana ten a responsabilidade do caos actual. O dogma do mercado infalíbel autodestruíuse. En cambio, o modelo dos países que mantiveron algún tipo de control de cambio -China ou Venezuela, por exemplo- vese agora reivindicado. E aínda que o impacto da crise se vai facer sentir en todo o planeta, esas economías que non adoptaron a desregulación ultraliberal sairán mellor paradas. Algúns analistas salientan, para América Latina, o interese de mecanismos como a Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA), o Banco do Sur, ou a idea dun banco da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) recentemente proposta polo presidente venezolano, Hugo Chávez.

É un momento histórico (1). Derrúbase non só un modelo de economía senón tamén un estilo de goberno. Iso altera o liderado de EEUU no mundo. En particular a súa hexemonía económica. As súas finanzas dependen de que sigan entrando fortes sumas de capital estranxeiro. E os países de onde procede ese diñeiro -China, Rusia, petromonarquías do Golfo- van agora influír no seu futuro.

En 2006, China e Oriente Próximo financiaron, a partes iguais, o 86% do déficit dos países industriais. En 2013, o superávit chinés excederá a totalidade do déficit dos países industriais. Todo iso outorga a Pequín un papel decisivo no mantemento da estabilidade do sistema financeiro internacional. E é probábel que, a cambio, China trate de obter concesións en asuntos como os de Taiwan ou o Tíbet.

O declive da economía anuncia, en xeral, a decadencia dos imperios (2). Poderá a debilitada economía estadounidense seguir asumindo a custosísima guerra de Iraq? O conflito de Vietnam acabou coa equivalencia entre o dólar e o ouro, e fixo abanear o sistema de Bretton Woods. A guerra de Iraq, polo seu custo, provocou unha transferencia de riqueza de EEUU aos seus competidores. A influencia dos fondos soberanos e de China reforzouse. A crise actual reforza ese movemento, e provoca un reequilibrio fundamental: o centro de gravidade do mundo desprázase de Occidente cara a Oriente.

Pero tal desprazamento desencadea consecuencias en fervenza como as que expón o ensaísta británico John N. Gray: "Se EEUU se retira de Iraq, Irán quedará como vencedor rexional. Como reaccionará Arabia Saudita? Haberá máis ou menos probabilidades dunha acción militar para impedir que Irán adquira armas nucleares?" (3). É evidente que Washington está perdendo poder. A guerra de Xeorxia, en agosto pasado, mostrou a Rusia redeseñando o mapa xeopolítico do Cáucaso, sen que EEUU puidese facer nada.

A situación económica é tan grave que moitos Gobernos botan pola borda as súas crenzas ideolóxicas, e están dispostos a adoptar medidas que eles mesmos cualificarían de heréticas hai pouco. Por exemplo, aumentar o gasto público. E relanzar os investimentos en obras de infraestrutura importantes como estímulo económico. O propio FMI avoga por unha intervención pública máis radical.

O modelo de capitalismo, deseñado polos Estados do Norte para o maior proveito dos países ricos, morreu. A nova arquitectura de economía social de mercado definirana, a partir da reunión do 15 de novembro en Washington, non só os Grandes do G8 senón tamén, por primeira vez, potencias do Sur como Arxentina, Sudáfrica, Brasil, China, a India e México. Non era sen tempo.

__________________________________________________________

Notas:

(1) John N. Gray, "Mucho más que una crisis financiera", El País , Madrid, 11 de outubro de 2008.

(2) Paul Kennedy, Auge y caída de las grandes potencias , Debolsillo, Barcelona, 2004.

(3) Op. cit .

__________________________________________________________

[Artigo tirado da versión española de ‘Le Monde Diplomatique’, número 157, de novembro de 2008]

cig.prensa@galizacig.com