Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/11/2010
Escritor arxentino.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estados Unidos: A hora do Tea

O Tea Party autopreséntase como un movemento popular, pero non coñecería o seu ascenso súbito sen as fortunas do billonario petroleiro David H. Koch e de Rupert Murdoch, dono do estendido imperio mediático News Corporation, que conta co grupo de canles Fox e Sky, os xornais The Wall Street Journal, The Sun, Times e un centenar máis...

 Esa frase [a hora do Tea] adoitaba evocar mansións inglesas, reunións de británicos distinguidos arredor dunha mesa de té servido en porcelanas, un mordomo seguramente chamado James. Xa non. Agora xorde na mente o Tea Party, o sector máis ultradereitista de EEUU, cun think tank que espalla pensamentos bastante antigos. Denomínase Liberty Central (LC, polas súas siglas en inglés) e, para honrar o seu nome, promove con fachenda a intolerancia, o racismo, o non ao aborto, o non aos matrimonios gai. Diríxeo Ginni Thomas, esposa do xuíz Clarence Thomas, membro da Corte Suprema, e abeira a 54 “agrupacións amigas” como a ultracatólica Tradición Familia e Propiedade (TFP), unha réplica independente da TFP que en 1960 fundou en São Paulo o político, xornalista e escritor Plínio Correa de Oliveira.

 Este Plínio odiaba a Revolución Francesa, o protestantismo, o catolicismo liberal, o marxismo, abofé, e opinaba que a Inquisición española era “a páxina máis bela da historia da Igrexa” porque, mentres durou, a Igrexa católica se expurgou de herexes a si mesma”. A TFP estadounidense non queda atrás: na súa lista de amigos figuran Propietarios de Armas de EEUU -organismo que insiste en que cada cidadán estadounidense debe ter a súa metralladora ou polo menos un revólver-, Proxecto de Soberanía de Missouri -que propugna a insurrección armada para derrubar o goberno- e 52 adictos máis (www.libertycentral.org). Sempre estivo vinculada coa dereita máis extrema, incluída a Fundación Internacional pola Liberdade (IFF, polas súas siglas en inglés).

 A IFF creouse nos anos de Reagan e é sobre todo coñecida polo apoio que prestou ao réxime de apartheid sudafricano. Pero o seu activismo ocupou outras frontes: segundo o investigador Richard Bartholomew, “TFP xogou un papel no golpe de estado brasileiro de 1964 e alégase que en Uruguai recibiu explosivos do agregado militar da Embaixada de Brasil para atacar locais comunistas. O director da revista chilena de TFP, Jaime Guzmán, converteuse no ideólogo do réxime de Pinochet” (//barthnotes.wordpress.com, 25-2-08). A homónima arxentina foi fundada por Mario Amadeo e o seu líder máis famoso foi Cosme Beccar Varela.

 TFP/EEUU dedícase, entre outros mesteres, a recrutar mozos mediante prácticas curiosas como as militares da Idade Media. En xullo pasado promoveu un “Chamado á fidalguía cabaleiresca” nuns eidos de Louisiana. Segundo o sitio web do grupo, “ensináronse algunhas técnicas novas como o uso da lanza e a arquería medievais. Os combates con espadas de utilería tiveron moito éxito, así como os simulacros de guerra no bosque tropical que arrodea a propiedade” (www.tfpstudentaction.org , 18-7-10). Non se aclara que estes exercicios son brutais nin se especifica o número de brazos e pernas rotos durante o seu transcurso.

 O Tea Party autopreséntase como un movemento popular, pero non coñecería o seu ascenso súbito sen as fortunas do billonario petroleiro David H. Koch e de Rupert Murdoch, dono do estendido imperio mediático News Corporation, que conta co grupo de canles Fox e Sky, os xornais The Wall Street Journal, The Sun, Times e un centenar máis que teimaron no seu apoio a uns 150 candidatos republicanos de ultradereita nas recentes eleccións intermedias. Todos eles se opoñen ao aborto, algúns mesmo en casos de violación, e sobre todo queren unha política máis dura en todos os planos, máis liberdade de mercado, menos impostos, recortes dos poderes do goberno e do orzamento federal. Sharron Angle, unha deles, esixiu que desaparecesen o Departamento de Educación e o Organismo de Protección Ambiental.

 O sostén aos candidatos do TP non só foi mediático. Koch, cunha fortuna persoal de 3.600 millóns de dólares e propietario co seu irmán Charles do megapolio Koch Industries, cuns ingresos anuais estimados en 100.000 millóns de dólares (www.newyorker.com, 30-8-10), canalizou inxentes sumas de diñeiro por medio da fundación Americans for Prosperity, que preside, e da Freedom Works que financia para alimentar as campañas electorais dos candidatos do TP. Todos enarboraron a bandeira republicana e cabe supor que forman parte dunha pugna interna polo control do partido.

 O ex xuíz e pastor da igrexa New Millenium de Little Rock, Wendell Griffen, definiu así a ideoloxía do TP: o seu “patriotismo” consiste nun “ataque constante á idea de que EEUU acolla as persoas de calquera nacionalidade, crenza e orixe étnica”; o seu supremacismo branco subliminar é un vello cancro do país, nunca eliminado porque en todas as épocas da historia estadounidense, os políticos usárono para gañar o apoio da maioría branca (//ethicsdaily.com, 1-11-10). As crises económicas orixinan ás veces a expansión de movementos populistas. Non todos son de esquerda.

 

 

[Artigo tirado do xornal arxentina ‘Página 12’, do 3 de novembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com