Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: Gadafi : : guerra : : imperialismo : : Libia : : OTAN :
O asasinato de Gadafi

Hai uns días podíamos ver as imaxes dos últimos momentos na vida de Muamar El-Gadafi ao abrir calquer xornal ou sintonizar unha canle de televisión, e con sospeitosa unanimidade unha palabra estaba ausente da información que nos ofrecían, esa palabra era “asasinato”; xa nolo dicía nas súas declaracións sobre este feito a ministra española de asuntos exteriores: “Gadafi morreu”.

 Poderemos tardar meses ou anos pero está claro que a verdade sobre o apresamento e posterior asasinato de Gadafi saberémola antes ou despois, unha verdade que non terá nada a ver coa versión oficial e case unánime que nos están a contar sobre “un encontro casual con milicianos da resistencia libia que de xeito incontrolado e levados pola xusta rabia de ter diante ao maior ditador e asasino da historia, ao sátrapa que lles negou a liberdade, acaban matándoo”. Unha verdade á que non lle van adicar tanto tempo de televisión nin tanto espazo de prensa como tivo esta montaxe.

 A estas alturas da película hai xa suficientes indicios que nos permiten albiscar unha típica operación dos servizos secretos occidentais preparando o terreo para poder rodar a segunda parte desta película de bos e malos; como di o refrán “morto o can acabouse a rabia” e neste caso o asasinato de Gadafi dá paso a unha suposta liberación do pobo libio e á posterior apertura dun “proceso democrático” que permite respirar aliviados aos gobernantes norteamericanos, británicos, francés, italianos, etc… ao poder manter os seus negocios e calar para sempre a quen co tempo pasara de estar na lista dos maiores inimigos de occidente a ter abertas as portas dos países occidentais nos que era recibido e homenaxeado. Pero para eles Gadafi era un problema, ao ser un perigoso socio posuidor de demasiada información comprometedora.

 Non é casual que a secretaria de estado norteamericana Hillary Clinton estivera en Trípoli o día 18, dous días antes do asasinato, nunha estrana e inesperada visita sen axenda coñecida e na que se parabenizou pola “vitoria do pobo libio sobre a ditadura”, está claro que á señora Clinton escapóuselle esa declaración ao igual que se lle escapou dous días despois cando lle comunicaron a nova estando ela no Afganistán o de “viñemos, vimos e el morreu”.

 Tampouco é casual que os vídeos dos últimos momentos de Gadafi fosen facéndose públicos por capítulos e acompañados de informacións confusas perfectamente fabricadas para darnos a impresión de que ás potencias occidentais colléraas de sorpresa o apresamento; no mesmo día díxose que o apresara un comando da OTAN, que o apresaran os milicianos, que estaba agochado nun bunquer, que ía nun comboio fuxindo de Sirte, que morrera no bombardeamento, que o apresaran ferido, que o apresaran ileso, que estaba morto, etc…

 O asasinato de Muamar El-Gadafi engrosa a lista dos crimes impunes do imperialismo, un imperialismo que intencionadamente exibe o cadáver para amosar o seu poder, o mesmo imperialismo que tivo todo o coidado para impedir no mes de maio a filtración de calquera imaxe doutro asasinato, o de Osama Bin Laden ao que eliminaron saltándose a legalidade internacional e a soberanía dun estado.

 A fin de contas Gadafi era só un socio incómodo mentres Bin Laden era o fillo descarriado, e por moi mal que se tivese portado un fillo é sempre un fillo e non se debe expor a escarnio público.

 Moitas persoas que se consideran progresistas ou de esquerdas pensan que o de Gadafi estivo ben feito e que non había outro camiño, non se decatan de que onte foi el e mañá pode ser calquera de nós se resultamos incómodos aos intereses do imperialismo, pois deixando de lado o que cada un pense sobre Gadafi, e eu xa din a miña opinión nun artigo anterior, o que hai en Libia é una intervención imperialista non un combate pola liberdade e a democracia.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Terra e Tempo’, do 1 de novembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com