Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/12/2010

James Petras (nado en 1937) é profesor emérito de socioloxía na Universidade de Binghamton, Nova York. Traballou co Movemento dos traballadores sen terra do Brasil e co Movemento dos parados da Arxentina. É autor de diversos libros, entre os que salientan: The Power of Israel in the United States (2006), Social Movements and State Power: Argentina, Brazil, Bolivia, Ecuador, con Henry Veltmeyer (2005) e Globalization Unmasked: Imperialism in the 21st Century, con Henry Veltmeyer (2001).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estados Unidos: Sacrificar os traballadores para salvar os ricos

Os programas sociais e fiscais máis importantes e populares de Estados Unidos vense ameazados por unha autodenominada «Comisión Nacional de Responsabilidade Fiscal e Reforma», bipartidista. Foi creada polo presidente Obama o 18 de febreiro de 2010 e está copresidida por quen desde hai moito tempo son dous adaíles de Wall Street: o ex senador Simpson (republicano, por Wyoming) e Erskine Bowles, antigo Xefe de Gabinete da Casa Branca con Clinton.

 O informe emitido pola comisión o 10 de novembro propón recortar drasticamente os pagamentos da seguridade social (sumindo con iso aos perceptores na pobreza), elevar a idade de xubilación aos 69 anos (asegurando con iso que millóns de traballadores morrerían antes de xubilarse, ou que se xubilen estando xa gravemente enfermos), ou reducir ou conxelar os incrementos do custo da vida mediante uns índices de inflación que subestimen nun cincuenta por cento os aumentos do prezo de alimentos, gasolina, gastos sanitarios e educación.

 A comisión propón recortes importantes en Medicare, aumentar o copago en Medicaid e recortar a formación médica universitaria en 54.000 millóns de dólares. A comisión propón eliminar deducións fiscais, incluídas as correspondentes ao pagamento de xuros de hipotecas de vivenda e gravar os seguros médicos proporcionados aos traballadores polos empresarios.

 Ese mesmo informe da comisión propón reducir os beneficios do capital e os impostos da renda aos ricos deica un 24 por cento.

 O presidente Obama e a dirección dos republicanos eloxiaron á Comisión e pretenden «deixarlles marxe para traballar sobre iso».

 A denominada crise da seguridade social é consecuencia do desvío de fondos para pagamentos destinados ao fondo xeral por parte dos gobernos republicano e demócrata. O déficit vindeiro (2030) pódese remediar facilmente elevando o teito fiscal dos ricos para gravar todas as rendas obtidas.

 O custo sanitario pódese reducir nun 50 por cento substituíndo os lucrativos seguros médicos empresariais e as empresas farmacéuticas por un sistema sanitario nacional non lucrativo, semellante aos réximes sanitarios de Europa e Canadá, que tan ben funcionan. Tanto os plans sanitarios como a seguridade social pódense financiar facilmente instaurando un imposto do 1 por cento sobre a venda de accións e bonos.

 As propostas de aumentar o déficit promovidas pola comisión bipartidista de Obama ameazan con expulsar a un terzo dos xubilados que dependen principalmente dos ingresos que perciben da seguridade social e abocalos aos comedores benéficos ou á indixencia.

 O custo engadido e a redución da atención sanitaria incrementará a taxa de mortalidade entre as familias de clase traballadora. O aumento da idade de xubilación traducirase en «traballa até que morras», sen tempo para o lecer, para viaxar ou para os netos. Chegou o momento de enviar unha mensaxe a Washington: recorta a seguridade social e Medicare e as dedución polos xuros no pagamento de vivendas e estarás en Washington fóra do horario de traballo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 3 de decembro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com