marco
3/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
As pensións son viábeis

Desde hai décadas vén anunciándose que as pensións non se han poder manter como agora no futuro, e que hai que tomar medidas para evitar o seu colapso en poucos anos. Vicenç Navarro demostra, porén, de xeito simple e clarificador que esas voces agoireiras están erradas. Ou, máis probabelmente, que fan trampas a mantenta: atrasar a idade de xubilación a toda a poboación traballadora sen máis, é unha medida que prexudica as clases populares para beneficiar as clases de maiores rendas que viven máis anos.

Graves erros metodolóxicos feitos polos economistas (e os medios de información e persuasión) liberais nos seus diagnósticos do colapso das pensións. Recentemente vimos unha enxurrada liberal que ten como obxectivo alarmar a poboación facéndolle crer que as pensións non son viábeis. A Comisión Europea, o Banco de Estado español, o BBVA e o Partido Popular Europeo (do cal o PP español forma parte) publicaron informes e documentos que alertan a poboación española de que hai que reducir as pensións porque o sistema de Seguridade Social que as financia non é sostíbel. En defensa das súas posturas presentan datos e información empírica que asumen que apoian as súas alarmas sobre as cales basean as súas recomendacións. Todos estes documentos teñen erros graves que invalidan as súas conclusións, transformando tales documentos en manifestos políticos en lugar de informes científicos. Vexamos tales erros.

1. Asumir que a esperanza de vida mide os anos que unha persoa vive

Tales documentos asumen erroneamente que o feito de que a esperanza de vida media do Estado español Estado español pase de ser 76 anos a 80 anos en vinte e cinco anos (1980-2005) quere dicir que a media española vive agora catro anos máis. Iso non é certo. Hai que saber que quere dicir esperanza de vida e como se calcula. Supoñamos que o Estado español tivese só dous habitantes. Un, Pepito, que morre ao día seguinte de nacer, e o outro, a Sra. María que ten 80 anos. A esperanza de vida media de Estado español sería 0 anos máis 80 anos, dividido entre dous, é dicir, corenta anos. Pero supoñamos que nun país imaxinario veciño, hai tamén dous cidadáns, un, Juan, que en lugar de morrer ao día seguinte de nacer, como Pepito no Estado español, vive vinte anos, e a outra persoa é a Sra. Victoria que ten tamén 80 anos como a Sra. María. Neste país imaxinario, a esperanza media de vida é de 20 máis 80, dividido entre dúas, é dicir 50 anos, dez anos máis que no Estado español. Iso non quere dicir (como constantemente se malinterpreta este dato) que a cidadá media daquel país viva dez anos máis que no Estado español: o que o dato di é que hai dez anos de vida máis na media daquel colectivo de dúas persoas sen clarificar que iso se deba a que a Sra. Vitoria viva dez anos máis que a Sra. María (o cal non é certo), ou que sexa Juan o que vive vinte anos máis que Pepito. Todos os documentos que favorecen a redución das pensións conclúen que a Sra. María vive dez anos máis, o cal, repito, non é así.

O que estivo ocorrendo no Estado español (e en Europa) é que a mortalidade infantil foi diminuíndo dun xeito moi marcado, co cal a esperanza de vida foi aumentando, pasando de 76 anos a 80 anos. Iso non quere dicir, como habitualmente se asume, que o cidadán español medio viva catro anos máis agora que hai vinte e cinco anos. A mortalidade por cada grupo etario foi descendendo (incluíndo entre os anciáns), pero os anos de vida que o cidadán medio vive agora non é de catro anos máis que en 1980. Calcular as pensións con base nesta lectura errónea dos datos penaliza a poboación pois asume que a xente vive máis anos do que en realidade vive.

2. As medias non son sensíbeis ás diferenzas por clases sociais

Outro gran erro é malinterpretar o significado de media. Unha persoa pode afogar nun río que ten como media só dez centímetros de profundidade. Tal río pode ir seco ao longo de moitos quilómetros pero nalgunhas zonas este pode ter tres metros de profundidade, e é aí onde o lector pode afogar. Unha media en si non nos di moito se non sabemos tamén as variacións da media. O dito ten especial importancia no cálculo da esperanza de vida e na estimación da lonxevidade (os anos que unha persoa vive). As diferenzas en lonxevidade por clase social son enormes. Así, a diferenza nos anos de vida existente entre unha persoa pertencente á decila de renda máis baixa do país (os máis pobres) e a decila superior (os máis ricos) no Estado español é nada menos que de dez anos (leu ben, dez anos). En EEUU son quince e na media dos países da UE-15 son sete. Estas diferenzas en lonxevidade débense a que o nivel de saúde da poboación depende, sobre todo, da clase social á cal se pertence. Un traballador non cualificado (en paro frecuente durante máis de cinco anos) ten, aos sesenta anos, o nivel de saúde que un banqueiro ten aos setenta anos. Este último sobrevivirá ao primeiro dez anos. É profundamente inxusto pedirlle ao primeiro que continúe traballando dous (e algúns piden cinco) anos máis para pagar as pensións do segundo que lle sobrevivirá dez anos. A insensibilidade cara a esta realidade amosada por estes informes é abafadora. Atrasar a idade de xubilación a toda a poboación traballadora sen máis, é unha medida que prexudica as clases populares para beneficiar as clases de maiores rendas que viven máis anos.

3. O erro do argumento alarmista: o crecemento da porcentaxe do PIB gastado en pensións é excesivo

Este é un dos erros metodolóxicos máis importantes e frecuentes que aparece no informe da Comisión Europea, e que foi reproducido en gran número de artigos e editoriais. Tal argumento indica que a porcentaxe do PIB en pensións subirá dun 8,4% no ano 2007 a un 15,1% do PIB no ano 2060, unha porcentaxe que estes informes sinalan como excesivo, pois a sociedade no ano 2060 non poderá absorber tales gastos pois restarán recursos necesarios para outras actividades, programas ou servizos á poboación non pensionista. O feito de que a porcentaxe de gasto en pensións públicas alcanzará o 15,1% no 2060 considérase unha nova alarmante que require unha intervención xa agora, diminuíndo os beneficios dos pensionistas.

Neste argumento ignórase o impacto do crecemento da produtividade sobre o PIB do ano 2060. Supoñamos que o crecemento anual da produtividade é un 1,5%, un crecemento que mesmo o Banco de España admite como razoábel. Neste caso, o valor do PIB español será 2,23 veces maior que o PIB do ano 2007. Iso quere dicir que se consideramos o valor do PIB do ano 2007 como 100, o do ano 2060 será de 223. Pois ben, o número de recursos para os non pensionistas no ano 2007 foi de 100 menos 8,4 (8,4 é a cantidade que nos gastamos aquel ano en pensionistas), é dicir, 91,6. No ano 2060 os recursos aos pensionistas serán o 15,1% de 223, é dicir 33, e para os non pensionistas será 223 menos 33, é dicir, 192, unha cantidade que é máis do dobre da existente no ano 2007, 91,6. Debido ao crecemento da produtividade, no ano 2060 haberá máis recursos para os non pensionistas que hoxe, e iso a pesar de que a porcentaxe do PIB dedicado a pensións é superior no ano 2060 que no 2007. Os que alarman innecesariamente a poboación esquecen un feito moi elemental. Hai cincuenta anos, Estado español dedicaba ás pensións só un 3% do PIB. Hoxe é un 8%, máis do dobre que cincuenta anos atrás. E a sociedade ten moitos máis fondos para os non pensionistas dos que había daquela, mesmo cando a porcentaxe do PIB en pensións sexa moito maior agora que entón. Por certo, xa hai cincuenta anos, cando o Estado español gastaba un 3% do PIB en pensións, había voces liberais que dicían que en cincuenta anos se dobraría ou triplicaría tal porcentaxe, arruinando o país. Pois ben, estamos cincuenta anos máis tarde, e o país ten máis recursos para os non pensionistas que existían daquela, mesmo cando a porcentaxe do PIB dedicado a pensións dobrou.

4. Erran constantemente nas súas proxeccións demográficas

Calquera demógrafo que teña un mínimo de rigor sabe as enormes dificultades en calcular cambios demográficos por períodos tan longos como cincuenta anos. E un bo exemplo diso é que os bancos e as caixas publican cada dez anos informes anunciando o colapso das pensións en dez anos. La Caixa (en 1998), o BBVA (en 2005 e en 2007), O Banco Santander (en 1992 e en 1999), o Banco de España (en 1995, en 1999, en 2002 e en 2009) e unha longa lista, predixeron o colapso (utilizando un termo menos contundente) das pensións para dez ou ao máximo vinte anos máis tarde. En defensa das súas proxeccións utilizan os mesmos argumentos e os mesmos datos (a Comisión Europea utiliza practicamente os mesmos datos que publicou o informe da Fundación das Caixas en 2007). E unha das proxeccións máis utilizadas é a da evolución da pirámide demográfica, indicando que a porcentaxe de anciáns está crecendo moi rapidamente, e o dos mozos está baixando moi substancialmente, ignorando que, naqueles países que financian as pensións a base de cotizacións sociais como é o caso español, o punto chave non é o número de mozos e adultos por ancián, senón o número de cotizantes e a cantidade de cada cotización por beneficiario. E tanto o un como o outro están subindo, o primeiro como consecuencia da integración da muller ao mercado de traballo (se o Estado español tivese a taxa de participación da muller no mercado de traballo que ten Suecia, habería tres millóns máis de cotizantes á seguridade social), e o segundo como consecuencia do aumento da produtividade e dos salarios. É máis, toda a evidencia amosa que as familias españolas desexarían ter máis fillos (dous por familia) que os que teñen agora. O desenvolvemento da sociedade e dos servizos de axuda ás familias, como escolas de infancia e servizos domiciliarios, permitiría o incremento da fecundidade, unha das máis baixas do mundo. Hoxe en Europa, os países nórdicos, cun amplo desenvolvemento do estado do benestar, teñen unha fecundidade moito maior que no Sur de Europa.

Dúas últimas observacións. O feito de que o rigor e credibilidade de tales documentos liberais sexa moi escaso non quere dicir que non tivese que haber cambios nas pensións, cambios distintos ao atraso da xubilación ou diminución dos seus beneficios que propoñen os liberais. Contrariamente ao que se di constantemente, as pensións, incluíndo as contributivas, son demasiado baixas, e iso como consecuencia de que os salarios son demasiado baixos (ver o excelente capítulo sobre as pensións escrito pola profesora Camila Arza no libro La situación social en España. Vol. III. Biblioteca Nova. 2009).

Outro cambio que debería ocorrer é a flexibilización da idade de xubilación permitindo que aquelas persoas (a maioría profesionais) que desexasen xubilarse máis tarde puidesen facelo. A xubilación debese ser un dereito, non unha obriga.

Debería tamén prohibirse, como se fixo en varios países, a prexubilación utilizada polo mundo empresarial para realizar cambios nos seus cadros de persoal, penalizando o sistema de seguridade social e o prexubilado, pois este recibe unha pensión menor. Tal prexubilación suponlle ao Estado español un recorte de ingresos equivalente a un 6% do PIB

Unha última observación é que o Estado debería aumentar a súa achega ás pensións tal como fan outros países (como Dinamarca), en que as achegas procedentes dos impostos xerais son moito máis intensas que no Estado español. Non hai nada sacro na Biblia económica que diga que as pensións teñen que pagarse a base de cotizacións sociais. A popularidade das pensións (entre todos os grupos etarios) é tal que pode xustificarse tal medida que contaría con gran apoio popular. O Estado español xa o fixo coa sanidade (que estivo financiada pola Seguridade Social) e pode expandilo a outras áreas.

[Artigo tirado da revista ‘El Viejo Topo’ (núm. xullo-agosto 2009) e reproducido no web do autor, con data do 9 de xullo de 2009]