Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/2/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O socialismo dos poderosos
Miguel Ángel Férnadez Ordóñez, presidente do Banco de España, e Pedro Sobles, ex vicepresidente segundo e ex ministro de Economía e Facenda do Goberno de Rodíguez Zapatero.

Se non hai grandes protestas sociais, a saída á crise farase máis unha vez socializando en beneficio dos máis poderosos os ingresos das clases subordinadas e debilitando aínda máis aos países dependentes (como Galiza). Unha maior desregulación laboral, a destrución de milleiros de pequenas empresas familiares, a privatización de servizos públicos, o estragamento da natureza, semella que é a única receita do gran capital, arroupándose no control da información e na utilización se fai falla da vía represiva.

A pasada foi unha seman ateigada de noticias económicas que van clarificando o panorama, ao tempo que amosan a profundidade da crise e as súas consecuencias sociais futuras. Nomeadamente, os promotores da construción de todo o Estado español alertan de que non son capaces de pagar aos bancos e caixas os 325 mil millóns de euros que adebedan (dúas ou tres veces as axudas que o Governo entregou aos bancos, non se deron cifras exactas).

O problema non é polo tanto só das familias que non poden facer fronte ao pagamento das hipotecas da súa vivenda (como se di a cotío), senón que a isto hai que sumar as débedas astronómicas das empresas. Con estes dados preocupantes, falar de que o sistema financeiro está san, que é un exemplo en Europa, semella ser máis unha mentira piadosa que unha realidade certa, e isto, en termos políticos e sociais serve de ben pouco e ademais non contribúe a tomar medidas que aposten por unha economía sustentábel e ao servizo da sociedade.

Non se trata dunha cuestión menor ¡son máis de 7.000 euros por persoa de débeda! que con seguridade se nos pedirá máis unha vez que se socialice polo ben de todos. Asemade son dados e feitos que cuestionan tanto a efectividade do Governo central como as irregularidades do sistema contábel das entidades financeiras, porén tamén sinala responsabilidades concre tas dos directivos de bancos e caixas (incluídas as galegas) e reflicte a falta de control do Banco de España, que despois non ten rubor en dar receitas económicas e sociais sacralizadoras do mesmo modelo que nos colocou ás clases populares no borde do precipicio (como fixo na súa visita a Galiza).

Se temos en consideración estes dados, dos que se fixeron poucos comentarios, como se moitos quixeran que pasaran desapercibidos polo povo, entón entendese millor que o Governo central e o Banco de España queiran aproveitar a debilidade das caixas das nacionalidades e autonomías pra concentrar e centralizar (en Madrid de ser posíbel), en coherencia cos intereses económicos e políticos das clases dominantes no Estado español.

Neste contexto, como produto dunha economía baseada na última década na burbulla inmobiliaria, no turismo e na especulación financeira, cun enorme déficit comercial (que só a crise rebaixou), sen que se tomaran aínda medidas que redefinan o modelo de desenvolvemento (por máis que se nomee o tema), non é de estrañar que o Fundo Monetario Internacional faga unhas previsións económicas negativas pra o Estado español este ano (unha queda de 0,6%), fronte a un aumento da zona euro dun punto e a un medre de 3,9% no mundo.

O governador do Banco de España, colocado no posto polos socialistas, votáballe a culpa aos tra balladores da fondura dos efectos da crise ao esixir (en liña coa patronal) maior flexibilidade laboral e que os convenios colectivos só fosen unha referencia. Esquecendo que nas últimas décadas baixou o salario real, aumentou o tempo e o ritmo de traballo, creceu a presión fiscal indirecta e privatizáronse servizos públicos esenciais. Mentres os grandes grupos empresariais, e os executivos ao seu servizo, viron medrar a niveis estratosféricos os ingresos, sen que iso permitira aumentar a competitividade e xerar unha economía sustentábel e desenvolvida. As consecuencias foron maior concentración da riqueza, un desemprego estrutural endémico, e a aparición de bolsas de pobreza e marxinalidade social.

Moito me temo que, se non hai grandes protestas sociais, a saída á crise farase máis unha vez socializando en beneficio dos máis poderosos os ingresos das clases subordinadas e debilitando aínda máis aos países dependentes (como Galiza). Unha maior desregulación laboral, a destrución de milleiros de pequenas empresas familiares, a privatización de servizos públicos, o estragamento da natureza, semella que é a única receita do gran capital, arroupándose no control da información e na utilización se fai falla da vía represiva. Neste contexto non falta o feito exótico, se non fora porque reflicte a subordinación mesmo grotesca ao imperio, do socialista Zapatero asistindo a un ‘xantar de oración’ con Obama.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 2 de febreiro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com