Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/3/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A loita pola igualdade

Hai cen anos, a que foi posteriormente dirixente comunista Clara Zetkin, de Alemaña, propuña na 2ª Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, reunidas en Copenhague, adoptar unha data no ano como símbolo da loita a prol dos dereitos das mulleres. A proposta foi aprobada por unanimidade por un cento de mulleres de dezasete países. En 1911 fíxose esta xornada reivindicativa o 19 de marzo en Alemaña, Austria, Dinamarca e Suecia, e a celebración foise alargando a outros países nos seguintes anos.

Hai varias teorías encol de porque se escolle o 8 de marzo como data definitiva. En todo caso parece demostrado que non se decide o día por mor da tráxica morte de 140 mulleres, a maioría inmigrantes, nunha fabrica téxtil de Nova Iorque, xa que non foi o 8 de marzo senón o 25 de marzo de 1911. As investigacións feitas recentemente, á marxe da apropiación ideolóxica da data, seica demostran que se realiza por vez primeira ese día no ano 1913 en Rusia, e ao ano seguinte en Alemaña e Suecia. Non debería existir ningunha dúbida da relación da xornada coa condición de clase, dado que a iniciativa xurde da Internacional de Mulleres Socialistas, como todos e todas recoñecen. Destacan algúns autores que a súa divulgación posterior a nivel mundial obedece a que catro días despois da marcha que convocaron as mulleres rusas en 1917, baixo o lema de “pan e paz”, o zar abdicou e o governo provisional concedeu ás mulleres o dereito a voto.

En todo caso, compre destacar que este movemento, por certo moi plural nas súas propostas, aínda que con moitas máis coincidencias nos seus obxectivos básicos, foi dunha enorme importancia pra o avance dos dereitos democráticos, incompletos sen a igualdade de xénero. Mesmo así, debese recoñecer que a igualdade plena non está conseguida. Non só na presenza da muller en postos de direción, tanto públicos como privados, senón tamén en materia salarial (ocupa nunha grande proporción empregos mal pagados), e ademais porque non existe unha proteción axeitada pra unha aportación tan importante como a reprodución humán.

No referente á natalidade, compre que se recoñeza como un contributo ao conxunto da sociedade (especialmente por aqueles que non teñen fillos ou fillas), e que polo tanto non sexa unha carga económica pra familia nen un atranco pra muller traballadora. Este é unha aportación non socializada, e moito máis asumida nas sociedades rurais tradicionais que no dominante mundo urbán actual, que mesmo se quere vender como un beneficio exclusivo da familia reprodutora. Son necesarias medidas axeitadas que solucionen esta eiva: achegas económicas que compensen o gasto por natalidade (en función dos ingresos das familias); maior número de semáns de baixa por natalidade (nalgúns países da Unión Europea chega ás 62 semáns); máis garderías públicas, xa que a atención dos nenos e nenas non pode ser un negocio. A carga económica e a falta de prestacións acaídas é unha razón fundamental que motiva a baixa natalidade, xunto coa temporalidade contractual, os baixos salarios, as longas xornadas de traballo, e as dificultades pra aceder á vivenda.

Sen avanzar na proteción pública da natalidade e das persoas dependentes, botando toda ou a maior parte da responsabilidade na familia, estase eivando a urxente necesidade de acadar a igualdade de xénero. Só unha elite con altos salarios ou grandes meios económicos pode superar estes atrancos, moitas veces contratando mulleres das clases populares (con salarios baixos e en precario). É insolidario e negativo pra toda a sociedade.

Por último, compre recordar que as mulleres na nosa nación sempre tiveron un papel destacado, non o que merecen, porén moi superior ao entorno en cada intre histórico. Lembremos á Exeria, María Castaña, Inés de Castro, María Pita, María Soliña, Pepa a Loba, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Isabel Ríos, María Arauxo...

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 2 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com