Este día primeiro do mes de marzo parece ser tempo de balances, pasado un ano da xornada electoral que puña fin á experiencia de goberno de cohabitación entre o BNG e o PSOE na Xunta de Galiza e devolvía ao PP o mandato do gobernar unha nova lexislatura os destinos da actual Galiza de soberanía limitada.
É certo que os votos contantes e soantes non outorgaban unha maioría absoluta á versión autóctona do partido de Mariano Rajoy, mais a aritmética dos escanos, 12 BNG, 25 PSOE e 38 PP, si lle concedían a un dos ex vicepresidentes de Manuel Fraga, a Alberto Núñez Feijoo, a certeza da formación dun goberno para Galiza.
E aínda collido a contrapé, este barón emerxente nas fileiras do Partido Popular, decidiu montar un goberno, ou cando menos nomear conselleiros e conselleiras (estas en número escaso e se cadra non axustábel á chamada Lei de Igualdade). Do escaso perfil político duns e outras dan fe as escasísimas iniciativas reais que os diferentes departamentos do goberno de Núñez Feijoo veñen levando tras a toma de posesión dos seus cargos aló polo mes de abril de 2009.
Pola contra, o Executivo dirixido por Núñez Feijoo (quen por certo tenta suplir coa súa híper presenza mediática a moleza política de boa parte dos seus conselleiros e conselleiras) ao que se vén dedicando é ao brután exercicio político da demolición, isto é, á práctica derruba dun número importante das iniciativas soerguidas na lexislatura anterior, con especial fixación nas impulsadas polo nacionalismo. En definitiva, o PP de Feijoo o que semella estar a pór en práctica é apenas un receitario de partido opositor, coma se realmente aínda estivese en estado de shock pola axustada vitoria electoral do 1 de marzo. Estado de shock que, dito sexa de paso, nun primeiro momento pareceu lastrar a certos sectores do nacionalismo e que sen dúbida atenaza a un PSOE aínda perdido no seu propio labirinto e cada vez máis rendido ás estratexias que se cociñan alén do Pardonelo.
Porén, máis aló de desmontar liñas mestras do anterior Executivo bipartito, o actual Goberno da Xunta foi quen de atacar frontalmente, e coma ningún outro, nunha cuestión como a do idioma e o seu desenvolvemento como lingua oficial, propia e xa que logo nacional de Galiza. O PP gobernante desenvaiñou con saña un aleivoso discurso, que xa alimentara na campaña electoral, contra o idioma do país, desvalorizándoo e case negándoo, discursou que despois acompañou dun feixe de actuacións que buscan o ocultamento social da lingua de Galiza. Certo é que isto estalle a ter unha sorte de efecto boomerang, dada a resposta social producida, e que, a día de hoxe -cando menos para evitar o desgaste sobre o seu Goberno e a súa propia responsabilidade- Núñez Feijoo busca unha saída máis ou menos airosa neste espiñento asunto; de aí os seus últimos pronunciamentos máis matizados acerca dos contidos do decreto do uso das linguas no ensino. Pronunciamentos que, con todo, contrastan con outras declaracións como as feitas recentemente na canle de televisión da dereita españolista e cavernaria Intereconomía TV, nas que buscaba engaiolar a parroquia máis ultra adozando os seus ouvidos cun discurso fondamente anti galego.
Tampouco non escaparon, neste último ano, ás angueiras e desvelos de Núñez Feijoo e das súas hostes os servizos públicos, os cales -segundo o previsíbel guión do neoliberalismo rampante- son, aos seus ollos, susceptíbeis de seren privatizados coma se tal cousa. Nesa dirección, a sanidade aparece perfectamente encadrada no seu punto de mira, malia a resposta social e política que se está articulando fronte a esas perversas intencións. E onde se están a cebar estes aprendices de bruxo neoliberais, capitaneados por Feijoo, é nos servizos sociais, onde día si día tamén empuñan o martelo privatizador e, sobre todo, tentan esfarelar a incipiente rede pública nacional de servizos sociais que o nacionalismo gobernante comezara a pór en pé, para incomodo mesmamente dos seus socios pesoístas no anterior goberno, contrariados por ver medio desbaratada a súa teima municipalista e adelgazadora dos contidos competenciais da actual Autonomía galega.
Para máis inri, o Executivo de Núñez Feijoo é incapaz de promover unha soa medida, unha soa, que vaia directamente combater os perniciosos e devastadores efectos que a crise económica está a producir en Galiza. Nada, nadiña, para a protección dos traballadores e traballadoras que tentar sacar a cabeza no medio da precariedade que caracteriza o mercado laboral e menos aínda para os que levan anos ou se están a ver expulsos do devandito mercado de traballo, ou mesmo dos mozos e mozas que cada vez máis tardiamente ou en peores condicións acceden a ter un posto de traballo, moitos deles por certo abocados a un futuro lonxe do país...
En resumo, un ano perdido. Baldiamente perdido. E o horizonte máis próximo non semella moito mellor. Anúncianse novas remesas de despedimentos, paro, expedientes de regulación, etc. Tamén o peche de centos de explotacións leiteiras, castigando un sector, o agro-gandeiro, que vén sufrindo como poucos un esmorecemento sen igual, abandonado á súa sorte polo Goberno do Estado, que no seu día entregou graciosamente en Bruxelas calquera posibilidade de futuro para os homes e mulleres do agro galego. E Feijoo e o seu Executivo, u-los?
Se cadra, todo é posíbel e aínda hai tempo para a rectificación. De feito, que significado tería, senón, a viaxe que vén de facer o novo inquilino de Monte Pío ao Papa de Roma? Viaxe que é dubidoso que cadre ben coa proclamada austeridade á que apelaba Feijoo e da que tampouco se teñen moitas noticias.
Así as cousas, 2010 avanza inexorábel se o almanaque non mente. Agardar xa algo bo de Feijoo e os seus a estas alturas sería ocioso. O que xa non o sería tanto é a necesidade que ten o nacionalismo de seguir a traballar sen desmaio contrarrestando na medida do posíbel as políticas que, por activa ou por pasiva, segue o PP en Galiza, e traballando por irmos construíndo unha alternativa futura que impida que o noso país siga a caer polo túnel do tempo.
(Galiza, 2 de marzo de 2010)