Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/5/2012
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Saír da austeridade

Como unha sensación de asfixia. É o que padecen moitos cidadáns en varios países da Unión Europea (UE), afectados por tanta redución, tanto recorte e tanto axuste. Unha sensación agudizada pola comprobación de que a alternancia política non modifica a “carraxe austeritaria” dos gobernantes.

 No Estado español, por exemplo, a unha sociedade bourada polas brutais ­medidas de axuste adoptadas a partir de maio de 2010 polo Presidente (socialista) José Luís Rodríguez Zapatero, o candidato do conservador Partido Popular (PP) Mariano Rajoy prometeu, durante a campaña das eleccións xerais do pasado 20 de novembro, o “cambio” (1) e “devolver a felicidade”. Venceu con maioría absoluta. Pero nada máis tomar posesión do seu cargo, emprendeu á súa vez a máis agresiva operación de recortes sociais da historia recente do Estado español.

 O mesmo ocorreu noutros Estados; en Grecia, por exemplo, ou en Portugal. Recordemos que, neste país, en xuño de 2011, o socialista José Sócrates, despois de impor catro impopulares programas de “disciplina fiscal” e aceptar un non menos detestado plan de rescate da troika (2), perdeu as eleccións. Pero o vencedor conservador, Pedro Passos Coelho ­actual Primeiro Ministro-, moi crítico antes coas políticas de recortes dos socialistas, non tardou en afirmar, unha vez elixido, que para cumprir coas esixencias da UE, o seu obxectivo era “aplicar unha dose aínda maior de austeridade” (3)...

 De que serven entón as eleccións se no esencial, ou sexa as políticas económicas e sociais, os novos gobernantes fan o mesmo (mesmo en peor grao) que os precedentes? Os que fan esta pregunta dubidan, de feito, da democracia. No marco da Unión Europea, perdeuse o control cidadán sobre unha serie de decisións que determinan a vida da xente. En realidade, as esixencias “prioritarias” dos mercados están limitando seriamente o funcionamento democrático. Moitos gobernantes (de esquerda e de dereita) están convencidos de que os mercados teñen sempre razón. E de que o problema, segundo eles, é precisamente a democracia, o debate público. Prefiren investidores competentes a “electores inconscientes”.

 Pola súa banda, os cidadáns teñen o sentimento de que, ditada polos mercados, existe en Europa hoxe unha axenda oculta con dous obxectivos concretos: reducir ao máximo a soberanía dos Estados e desmantelar por completo o Estado de benestar. Se quedan dúbidas a este respecto, abonda con ler as recentes declaracións de Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo (BCE), nas que afirma: “O modelo social europeo está morto e quen dea marcha atrás nos recortes orzamentarios provocará unha sanción inmediata dos mercados (...) En canto ao Pacto Fiscal europeo (4), trátase en realidade dun avance político maior porque grazas a ese tratado os Estados perden unha parte da súa soberanía nacional” (5). Máis claro, imposíbel.

 En realidade vivimos nunha sorte de despotismo ilustrado no que a democracia se define menos polo voto ou pola posibilidade de escoller, que polo respecto de regras e tratados (Maastricht, Lisboa, MEDE (6), Pacto Fiscal) adoptados ­hai tempo ou en vías de ratificación ante a indiferenza xeral, e que resultan verdadeiros cárceres xurídicos sen posíbel evasión.

 De aí, de novo, as preguntas de tantos cidadáns defraudados: serve de algo votar, se estamos condenados a elixir gobernantes cuxa función consistirá en aplicar regras e tratados definidos unha vez por todas? (7).

 Temos un caso de “disimulación democrática” ante os ollos: precisamente o do Pacto Fiscal europeo. Por que non existe un debate público sobre este Pacto, actualmente en vías de adopción, que vai condicionar a vida de millóns de cidadáns? Como o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) do que depende, ese Pacto constitúe un ataque brutal contra os dereitos dos cidadáns. Obrigará para sempre aos Estados asinantes (entre eles o Estado español) a reducir gastos sociais, salarios e pensións. Priorizará ademais a autoridade da Unión Europea sobre as políticas orzamentarias dos Estados membros. E limitará as competencias dos Parlamentos nacionais, restándolles soberanía e convertendo ás veces a algúns países en simples protectorados europeos (8).

 Pódese saír de semellante situación? As eleccións presidenciais en Francia abren se cadra unha perspectiva. Non tanto polos millóns de electores que, cheos e desesperados, votaron por unha extrema dereita antieuropeísta e xenófoba. Senón porque o propio candidato socialdemócrata François Hollande -favorito segundo todas as enquisas- prometeu, a ese respecto, cambiar as cousas.

 Consciente de que a elección do presidente de Francia afecta o curso de Europa, Hollande esixe, en particular, engadir ao Pacto Fiscal un paquete de medidas de estímulo, solidariedade e crecemento. E tamén que o BCE baixe os tipos de xuros e preste directamente aos Estados (e non aos bancos privados) para abrir de inmediato o vieiro da recuperación.

 Aínda que os cambios demandados son mínimos e sen dúbida insuficientes, Hollande oponse á chanceler alemá Angela Merkel e ao Bundesbank, que ditan en realidade as políticas económicas e financeiras da UE. Pero o socialista francés precisou que se Alemaña non aproba estas modificacións, Francia non ratificará o Pacto Fiscal.

 Que pasará se, unha vez elixido, Hollande mantén a súa idea de sacar a Europa da “opresión austeritaria” e da recesión, impulsando reformas estruturais e estimulando o crecemento? Dúas cousas poden ocorrer. Primeira posibilidade: os mercados, como avisou Mario Draghi, atacan de inmediato a Francia e poñena contra as cordas; Hollande acovárdase, dá marcha atrás, acaba inclinándose como os seus amigos socialdemócratas Zapatero, Sócrates e Papandreu ante a especulación e convértese á súa vez no líder de esquerda máis impopular da historia de Francia.

 Segunda posibilidade: sabendo que na UE nada se pode facer sen Francia, segunda economía da zona euro (e quinta do mundo), Hollande mantén a súa posición e radicalízaa. Decide apoiarse na mobilización das forzas populares europeas (empezando polas da Fronte de Esquerda de Jean-Luc Mélenchon), recibe o soporte de moitos gobernos europeos partidarios así mesmo de políticas de estímulo e de crecemento; consegue modificar a liña do BCE-Bundesbank. E acaba por demostrar que cando, nunha democracia, o mandato do pobo coincide cunha firme vontade política non hai obxectivo que non se poida alcanzar.

___________________________________________________________

Notas:

(1) “Sumar ao cambio” foi o seu lema de campaña, copiado do que utilizou o Presidente chileno Sebastián Piñera (dereita) na súa carreira electoral vitoriosa de 2010.

(2) Constituída polo Banco Central Europeo, a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional.

(3) Jornal de Noticias, Lisboa, 29 de febreiro de 2012. As políticas austeritarias de Passos Coelho están conducindo a Portugal a unha catástrofe social semellante á de Grecia; o 15% da poboación activa está sen emprego (35% dos mozos), 25% dos portugueses está baixo a liña da pobreza, e calcúlase que, este ano, a recesión será do 3,3%. Nos últimos seis meses houbo xa dúas folgas xerais: o 24 de novembro de 2011 e o 22 de marzo de 2012.

(4) Impulsado por Alemaña, o Pacto Fiscal ou Tratado para a Estabilidade, a Coordinación e a Gobernanza na Unión Económica e Monetaria, foi asinado o 2 de marzo de 2012 en Bruxelas, coa excepción do Reino Unido e da República Checa, por 25 Estados da UE. Obriga a cada país asinante a incluír na súa Constitución un límite de déficit estrutural do 0,5% e contempla sancións automáticas para os que excedan o 3%. A súa entrada en vigor está prevista para o 1 de xaneiro de 2013.

(5) The Wall Street Journal, Nova York, 23 de febreiro de 2012.

(6) Mecanismo Europeo de Estabilidade, organismo intergobernamental creado polo Consello Europeo (os 27 xefes de Estado e de goberno da UE) en marzo de 2011. Entrará en vigor o 1 de xullo de 2012. Substitúe o Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF) e o Mecanismo Europeo de Estabilidade Financeira (MEEF).

(7) Léase: Christophe Deloire, Christophe Dubois, Circus politicus, Albin Michel, París, 2012.

(8) Léase: Ignacio Ramonet, “Nuevos protectorados”, Le Monde diplomatique en español, marzo de 2012.

___________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. de maio de 2012]

cig.prensa@galizacig.com