Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/6/2008

Nado no bergantiñán concello de Carballo no ano 1951, licenciouse en Filoloxía Románica e en Galego-Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse na Universidade da Coruña no ano 1992 cunha tese sobre Noriega Varela e a edición crítica da súa obra completa. Na actualidade é Profesor Titular da área de Filoloxía Galego-Portuguesa na Faculdade de Filoloxía da UdC. É autor de títulos como Lingua galega: normalidade e conflito (1997), Gramática galega, vol. 1 a 4 (1998-2003) ou Lingua, nación e identidade (2006).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os prexuízos lingüísticos: Proposta de clasificación
Uns dos prexuízos, se cadra os máis daniños, que afectan ao noso idioma teñen que ver coa súa suposta falta de utilidade, tal e como se reflicte nesta viñeta humorística.
Neste artigo do profesor Freixeiro Mato abórdase a cuestión dos prexuízos que se proxectan sobre o idioma galego. En opinión deste estudoso da nosa lingua, no caso do Estado español continúan a se difundir prexuízos que no fondo pretenden o reforzamento do castelán e o debilitamento das outras linguas cooficiais. O combate contra eses prexuízos, que están a servir de freo ao proceso de normalización do noso idioma, é un requisito imprescindíbel para levarmos a cabo o devandito proceso con éxito.

1. INTRODUCIÓN

Convén distinguirmos, de entrada, os xuízos de valor dos xuízos de feito. Estes poden someterse a comprobación e non dan lugar a prexuízos, en tanto que os primeiros non son comprobábeis e poden afectar as persoas, os pobos, as linguas etc. con base en propiedades circunstanciais ou permanentes. O problema é que, con frecuencia, os xuízos de valor adoptan fórmulas dos xuízos de feito e presentan como trazos negativos características inalienábeis de persoas e pobos (ser baixo, negro, muller...), de modo que uns xuízos aparentemente descritivos se converten en discriminatorios. Por esta vía, os xuízos de valor poden conducir aos prexuízos sobre os pobos e tamén sobre as linguas. Os prexuízos, en definitiva, son xuízos atrevidos ou precipitados emitidos sen base suficiente por persoas que se deixan levar por tendencias non sustentadas na razón(1).

Os prexuízos lingüísticos son unha subclase dos prexuízos e poden ser definidos como xuízos de valor emitidos sobre unha lingua ou sobre os falantes dela co propósito de provocar o seu rexeitamento. Son case tan vellos como as propias linguas, pois xa os podemos albiscar na antigüidade greco-latina e na Idade Media, onde se confrontaba o latín, lingua culta, cos romances ou linguas vulgares e, a fins do período, se falaba de linguas boas ou más segundo tivesen ou non gramáticas. As obras de grandes autores tampouco están libres dos prexuízos lingüísticos, desde De vulgari eloquentia de Dante (século XIV) até o Essai sur l'origine des langues de Rousseau (século XVIII), por exemplo. Neste século e no XIX aparecen as defensas apoloxéticas das linguas, con polémicas e disputas a respecto das bondades da lingua propia e das maldades da lingua veciña, transparecendo con certa frecuencia o imperialismo lingüístico e os prexuízos. Unhas e outros continúan a ter presenza no XX, nalgún caso de forma ben extremada e depreciativa cara ás linguas minorizadas (véxase Salvador 1987, por exemplo). Aínda na actualidade perviven os prexuízos lingüísticos, se callar en ocasións máis sutilmente expresados ou disfarzados.

2. OS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS NO MUNDO

Na vida da humanidade houbo e aínda hai, pois, prexuízos lingüísticos, que desde o noso ámbito xeopolítico presentan unha clara visión eurocéntrica (Moure 2005, 2006). Estes prexuízos son moi variados e atéstanse so formulacións diversas, aínda que teñen un fondo común que non é outro máis que o desprezo pola diferenza e o afán de asimilación imperialista. Para podermos clasificalos imos tomar como base orientativa os criterios recollidos por Tuson (1990), baseados xeralmente na contraposición entre unhas linguas que se poderían cualificar como boas, importantes ou adecuadas para a vida actual, e outras que non terían estas propiedades e que, por tanto, habería que considerar como más, irrelevantes ou non aptas para os tempos que corren. Segundo se poderá ver, os prexuízos pretenden levar o galego para este segundo grupo, onde polo común se achan as linguas minorizadas e non oficiais dos estados.

En primeiro lugar podemos falar de prexuízos inocentes ou populares, que permiten estabelecer de forma maniquea o seguinte agrupamento de linguas (e os correspondentes prexuízos):

a) linguas sinxelas vs. complicadas (mais para os falantes nativos non hai linguas complicadas; as crianzas chinesas non tardan máis en falaren do que as francesas).

b) linguas suaves vs. ásperas (serán, en todo o caso, os falantes os que falen de forma máis suave, máis enérxica ou áspera, e non as linguas, que son sistemas).

c) linguas con moitos vs. pouco falantes (hai máis falantes de chinés mandarín que de inglés; as linguas non poden ser valoradas polo número de falantes).

En segundo lugar estarían os prexuízos culturais, que pretenden distinguir entre:

a) linguas de cultura vs. primitivas (algunhas destas presentan unha complexidade estrutural superior ás primeiras e finezas extraordinarias(2); como xa afirmara Sapir, o bosquimano máis humilde de Sudáfrica fala cun rico sistema simbólico en esencia perfectamente comparábel coa fala dun francés culto).

b) linguas literarias vs. non literarias (a práctica totalidade das linguas foron faladas e non escritas durante toda ou a maior parte da súa existencia)(3).

c) linguas vs. dialectos (só se adoita considerar lingua aquela que ten un poder executivo, lexislativo e xudicial detrás; a lingua común fórmase a partir dos dialectos)(4).

E en terceiro lugar temos os prexuízos xeopolíticos, que estabelecen a seguinte distinción:

a) linguas maioritarias vs. minoritarias (unha lingua minoritaria tamén se fala polas mesmas razóns que unha maioritaria, isto é, porque é a de cada un, e non por afán de importunar).

b) linguas con estado vs. linguas sen estado (a maioría son linguas sen estado e hai moi poucos estados con só unha lingua (véxase Costas 2002 ou Baggioni 2004); a situación lingüística no mundo é consecuencia directa de relacións de dominio, conquista e colonización duns pobos sobre outros)(5).

c) linguas de comunicación vs. linguas locais (todas as linguas son de comunicación, sen excepcións; non se nos convida tanto a aprendermos unha segunda ou terceira lingua como a renunciarmos á propia, por veces coa 'sa' intención de liberar as persoas primitivas do atraso (Alvar 1971) e de as integrar na cultura dominante).

3. OS PREXUÍZOS LINGÜÍSTICOS NA GALIZA

As consideracións anteriores teñen validez a nivel xeral, mais tamén no Estado español e na Galiza, onde o galego non consegue liberarse duns prexuízos historicamente alimentados e propagados por un poder central e centralista que, no fondo, e alén de declaracións retóricas, continúa á procura do uniformismo político, cultural e lingüístico, agora se callar con novas formas que pretenden persuadir das vantaxes dunha lingua común de comunicación, de certo o castelán.

O discurso de poder dominante na Galiza, que contén os prexuízos lingüísticos en contra do idioma propio, foise conformando ao longo dos séculos, nun lento proceso de imposición e substitución lingüística que durou centos de anos. En consecuencia, mudar eses prexuízos tan longamente adquiridos implica grandes dificultades e tamén moito tempo, pois non se pode destecer nuns días o que se teceu en séculos. A mellor estratexia para combatermos os prexuízos será, por tanto, cuestionármonos ese discurso estabelecido e intentarmos modificalo mediante o coñecemento das causas en que asenta. Moitas destas serán de carácter histórico e nelas haberá que profundar; outras obedecen a factores máis achegados á actualidade.

Poderemos falar, así, de vellos prexuízos, como a vinculación do galego ao mundo rural e ao atraso, tamén aos ámbitos informais, e de novos prexuízos, aparecidos na transición democrática e no inicio do proceso de normalización, como a asociación do galego a un determinado perfil político ou os prexuízos da súa pretensa imposición.

Uns prexuízos van asociados a outros, a se demostrar desta forma que existe unha causa fundamental de fondo que non pode ser outra máis que o proceso de colonización política, cultural e lingüística levado a cabo no país desde fins da Idade Media. A ideoloxía do poder alleo imposto na Galiza desde entón foi xerando actitudes de desprezo do propio e perda da autoestima, creando estereotipos ("os galegofalantes son ignorantes, brutos etc.") e prexuízos ("o galego non serve para o progreso" etc.) que inclusive deron orixe ao complexo de inferioridade.

Na actualidade parecen terse reducido os prexuízos sobre o galego entre a xente nova, mais, de todas as formas, isto non se traduciu nun aumento do uso desta lingua nas novas xeracións. Con todo, nalgún estudo máis ou menos recente(6) aínda se constata unha presenza importante de prexuízos nesa faixa etárea, de modo que a idade non semella unha variábel tan destacada ao falarmos deles. Na realidade, a mocidade o que fai é reproducir os prexuízos que aprendeu da xente maior. Por iso cómpre insitirmos no combate contra estes como ferramenta útil para a normalización, xerando un contradiscurso capaz de combater os efectos daniños do discurso do poder historicamente dominante.

4. CLASIFICACIÓN DOS PREXUÍZOS A RESPECTO DO GALEGO

Para tentarmos clasificalos e achegarmos argumentos eficaces en contra deles, procuramos agrupalos arredor de seis grandes eixos temáticos: prexuízos relacionados coa suposta falta de utilidade do galego, aqueles que o asocian coa pobreza e co atraso, a súa consideración como sinal de descortesía ou má educación, os prexuízos relacionados coa pretensa imposición do galego, a caracterización pexorativa deste e a (in)competencia dos seus falantes e, por último, o galego como marca ideolóxica ou profesional(7). Como se dixo, existe unha estreita relación entre todos eles.

4.1. Prexuízos relacionados coa suposta falta de utilidade do galego

É este un dos grupos de prexuízos máis daniño, pois en xeral aquilo que non se sente como útil acaba sendo rexeitado e abandonado. Se o galego non fixer ver a súa utilidade para a sociedade, esta viraralle as costas. Arredor deste grande prexuízo agrúpanse outros directamente relacionados con el. Ou, dito con outras palabras, este prexuízo preséntasenos so diferentes formulacións:

1) O galego íllanos do exterior (porén, durante a Idade Media o galego foi a única lingua da Galiza e esta tivo a maior proxección exterior da súa historia; alén diso, permítenos comunicarnos con máis de 200 millóns de habitantes dos diferentes continentes que son de expresión galego-portuguesa).

2) O tópico da lingua universal ("Un can de Turquía ouvea igual que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo da Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os probes animaes aínda están no idioma universal...” (Castelao 1961: 43)).

3) O galego, lingua subsidiada (todos os gobernos do mundo, tamén o español, apoian as súas linguas e culturas con subsidios públicos; o galego arrastra un grande déficit histórico neste sentido).

4) O galego non xera riqueza (a lingua propia será sempre unha grande fonte de riqueza e progreso para aqueles países que a posuíren e que a souberen pór en valor).

4.2. Prexuízos que asocian o galego coa pobreza e co atraso

Estes xa vellos prexuízos gardan relación cos anteriores, pois se unha lingua é cualificada de atrasada ou propia de pobres tamén se está a suxerir a súa falta de utilidade nunha sociedade que pretende ser rica e avanzada. Son varias as formulacións en que tales prexuízos transparecen:

1) O galego, lingua rural (o uso do galego vénse asociando co mundo rural, símbolo tradicional do atraso fronte ao progreso do mundo urbano)(8).

2) O galego, lingua non válida para a escrita (durante os séculos escuros o galego practicamente deixou de ser lingua escrita e aínda no XIX Pintos (1853: 37) denunciaba a súa proscrición na documentación oficial; o mesmo aconteceu en boa parte do XX).

3) O galego, lingua de pobres e ignorantes (algunha xente foxe do galego para realmente fuxir do seu propio pasado e da pobreza e da ignorancia con que o noso idioma se veu asociando durante séculos)(9).

4) O estudo do/en galego como perda de tempo e atraso (desde hai centos de anos o galego permaneceu totalmente afastado do sistema educativo e ningún neno ou nena galego foi obrigado a perder un só segundo en estudar a súa propia lingua: cal foi o resultado?).

4.3. O uso do galego como sinal de descortesía ou má educación

Outro grupo de prexuízos utilizados como argumento para frear calquera intento de normalización lingüística é o de considerarmos o emprego do galego como un sinal de descortesía ou de falta de educación en determinados contextos:

1) O galego como desconsideración cara ás persoas descoñecidas (de asumirmos iso, estariamos reservando para o galego un papel totalmente subordinado como lingua inferior condenada á progresiva desaparición).

2) Renuncia ao uso do galego por respecto ás persoas foráneas (as persoas de fóra que veñen á Galiza non poden ter máis dereitos dos que as galegas teñen cando saen fóra).

3) Falantes doutras linguas minorizadas tamén son maleducados (sen fundamento real, na sociedade galega funciona o tópico de os cataláns usaren a súa lingua coas persoas de fóra que non a entenden e tal prexuízo proxéctase de forma negativa sobre o propio galego)(10).

4.4. Prexuízos relacionados coa pretensa imposición do galego

Este grupo de prexuízos é novo, pois o abandono absoluto e mesmo a proscrición en que se mantivo o galego durante case os catro séculos precedentes facían imposíbel que ninguén puidese pór en circulación tal discurso impositivo. É precisamente nos últimos tempos, após ese longo período de sometemento, ao se tomaren as primeiras e tímidas medidas de protección e promoción do galego, cando xorde con forza este tipo de prexuízos:

1) O galego, imposición dunha minoría política intolerante (tanto a Lei de normalización lingüística como o Plano xeral de normalización da lingua galega, por exemplo, foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego).

2) A imposición do galego no sistema educativo (todas as materias teñen o mesmo grao de imposición; sería como falarmos en Inglaterra da imposición do inglés).

3) Como antes se impuxo o castelán, agora quérese da mesma forma impor o galego (moita xente foi ridiculizada, castigada e inclusive nalgún caso asasinada por falar ou defender o galego: deuse un só caso á inversa?).

4) O rexeitamento social á normalización do galego (todos os estudos e inquéritos dan unha maioría social a favor do galego).

5) Os nenos e nenas non gostan da materia de lingua galega (e gostan das outras materias?; aquelas crianzas que menosprezan o galego están a proxectar o desprezo das persoas maiores do seu contorno).

6) O castelán tamén é lingua propia da Galiza (que o castelán é tan galego como o galego resulta unha contradictio in terminis; sería como dicir que o queixo de Castela é tan galego como o do país porque tamén o consomen persoas galegas).

4.5. A caracterización pexorativa do galego e a (in)competencia dos seus falantes

Algúns prexuízos céntranse na consideración do galego como lingua ruda ou fea e dos falantes como incompetentes ou pouco coñecedores do seu idioma; de todas as formas, estes non saberían falar o galego auténtico. Constitúe este outro grupo de prexuízos vellos e novos que empece o proceso de normalización e que adoita presentarse so diferentes formulacións:

1) O galego como lingua ruda ou fea (ten profundas causas históricas derivadas do sometemento da Galiza a Castela a fins da Idade Media e as consecuencias de miseria e pobreza que iso carreou no país).

2) O galego, lingua non válida para a xente nova (pode tolerarse na taberna, nos traballos da pesca ou nas estadas das obras, mais non na vida dos nenos e nenas, esperanza de futuro que ao galego se lle pretende negar por o considerar prexuiciosamente lingua de vellos).

3) O galego normativo como lingua artificial (ao tempo que se despreza o galego por ser propio de xente rústica e ignorante, tamén se critican os intentos de elaboración e uso dun modelo de lingua formal e culta como teñen as linguas normalizadas)(11).

4) As persoas galegas non saben falar o galego (unha lingua nunca se chega a falar ben de todo e en xeral as persoas galegas son plenamente competentes en galego; porén, o compromiso co uso da lingua debe levar parello o propósito de a falarmos correctamente).

4.6. O galego como marca ideolóxica ou profesional

É este un grupo de novos prexuízos, xurdidos nas últimas décadas como consecuencia da incorporación do galego á vida pública, en especial á actividade política e educativa. Pode manifestarse de diversas maneiras:

1) O galego, lingua marcada politicamente (a identificación cunha ideoloxía determinada ou cunhas siglas políticas concretas non é, de certo, positiva para o galego; o ideal sería que todas asumisen a súa normalización plena).

2) O castelán, lingua neutra no comercio e na hostalaría (o uso do galego nestes ámbitos semella estar connotado e, por tanto, a tendencia é a usar unha lingua neutra, o castelán, supostamente non marcada social ou politicamente).

3) O uso correcto e consciente do galego como marca profesional ou de lusismo (tamén se asocia o uso consciente e correcto do galego coa condición de profesor ou profesora de lingua galega; e tamén acontece que cando unha persoa utiliza un modelo de galego depurado e máis acorde coas solucións comúns e tradicionais do sistema lingüístico en que está inserido, é cualificado de lusista ou mesmo se afirma que fala portugués).

4) A condición 'estraña' das crianzas galegofalantes das cidades (sofren as consecuencias de o galego se ter convertido nunha lingua política ou socialmente marcada e tamén doutros prexuízos existentes).

5. CONCLUSIÓN

En síntese, os prexuízos lingüísticos existen e son potenciados desde os ámbitos de poder na procura da uniformidade cultural e lingüística dos grandes estados, que pretenden reafirmar o seu dominio mediante o desprestixio e mesmo a eliminación das linguas e culturas minorizadas operantes no seu interior ou que dalgunha maneira obstaculizan os seus afáns hexemónicos e excluíntes. No caso do Estado español, hoxe por vías máis sutís e 'civilizadas' continúan a se difundir prexuízos que no fondo pretenden o reforzamento do castelán e o debilitamento das outras linguas cooficiais. Polas especiais circunstancias da súa historia, a lingua galega acumula unha cantidade importante deses prexuízos, que están a servir de freo ao proceso de normalización emprendido. Vencérmolos é un requisito imprescindíbel para levarmos este a cabo con suceso. Nas páxinas precedentes apuntáronse algúns dos máis importantes, aínda que se callar outros máis se poderían acrecentar á lista. Convén pormos todos eles ao descuberto para desa forma podérmolos combater de maneira adecuada.

 

Notas

(1) De acordo con Tuson (1990: 22-27), a quen basicamente seguimos nesta introdución. Véxase tamén Iglesias (2003: 28), que define os prexuízos como "sentimentos afectivos de rexeitamento"; para a relación entre actitudes lingüísticas e prexuízos son igualmente de interese Iglesias (1999 e 2007), así como Baker (1992) e Ninyoles (1997). Sobre as actitudes lingüísticas na Galiza véxase Seminario de Sociolingüística da RAG (1996).

(2) O cheyenne, por exemplo, ten dúas terceiras persoas pronominais que permiten especificacións do referente que non realizan as linguas romances, o esquimó ten unha palabra para designar a neve que cae e outra para a neve caída, a complexidade verbal do navaho é moi superior á do latín (véxase Moure 2006: 106-107) etc.

(3) Véxanse os cadros de emerxencia das linguas nacionais europeas en Baggioni (2004: 67-69), onde se indica a data de aparición dos textos escritos, que en ocasións se sitúa no século XIX.

(4) Véxase ao respecto Lapesa (1962: 125): "El dialecto castellano evoluciona con más rapidez que los otros [...]; su dialecto había de erigirse en lengua de toda la comunidad hispana". Sobre os preconceptos a respecto das variantes populares do portugués no Brasil é de interese Bagno (2003 e 2005).

(5) Como afirma Carme Junyent (1986), son os falantes e, en definitiva, os pobos os que son fortes ou febles, grandes ou pequenos, e non precisamente pola súa lingua, mais en xeral pola súa capacidade de agresión. Sobre o colonialismo lingüístico véxase Calvet (1993).

(6) Véxase Seminario de Sociolingüística (2003); a respecto dos preconceptos lingüísticos segundo a idade véxase Iglesias (2007).

(7) Véxase unha primeira aproximación para unha clasificación dos prexuízos sobre o galego en Freixeiro (2002: 175-200).

(8) Sobre o galego na cidade véxase Rei-Doval (2007), que constata o grande recuamento producido no século XX nese ámbito.

(9) Véxase Bagno (2005: 16): "o preconceito lingüístico não existe. O que existe, de fato, é um profundo e entranhado preconceito social". Sobre galego e pobreza véxase Garcia Negro (1993: 61-63).

(10) Véxase Labraña (1999), que recolle opinións de galegofalantes en Cataluña denunciando unha actitude ríxida por parte do profesorado de catalán e a imposición desta lingua na escola; pregúntase a autora: "¿Podería ser que os prexuízos que sen dúbida teñen para o galego estean influíndo e condicionando a súa percepción dos feitos?".

(11) Testemuños diversos de falantes a respecto deste prexuízo poden acharse en Kabatek (2000) e Iglesias (2003).

 

Referencias bibliográficas

Alvar, Manuel (1971): "Bilingüismo e integración". Revista Española de Lingüística 1/1, 25-6.

Baggioni, Daniel (2004): Linguas e nacións na Europa (Santiago de Compostela: Laiovento).

Bagno, Marcos (2003) [1999]: Preconceito lingüístico: o que é, como se faz (São Paulo: Loyola).

Bagno, Marcos (2005) [2003]: A norma oculta. Língua & poder na sociedade brasileira (São Paulo: Parábola).

Baker, Colin (1992): Attitudes and Language (Clevedon: Multilingual Matters).

Calvet, Louis-Jean (1993): Lingüística e colonialismo. Pequeno tratado de Glotofaxia (Santiago de Compostela: Laiovento).

Castelao, A. D. Rodríguez (1961): Sempre en Galiza (Buenos Aires: Edición “As Burgas”).

Costas, Xosé Henrique (2002): Guía das linguas de Europa (Santiago de Compostela: Positivas).

Dieste, Rafael (1981): Antre a terra e o ceo (Sada / A Coruña: O Castro).

Freixeiro Mato, Xosé Ramón (2002) [1997]: Lingua galega: normalidade e conflito (Santiago de Compostela: Laiovento).

Garcia Negro, María Pilar (1993): Sempre en Galego (Santiago de Compostela: Laiovento).

Iglesias Álvarez, Ana (1999): "O poder explicativo e predictivo das actitudes lingüísticas", Verba 26, 273-307.

Iglesias Álvarez, Ana (2003) [2002]: Falar galego: "No veo por qué". Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galicia (Vigo: Galaxia).

Iglesias Álvarez, Ana (2007): "Os preconceptos lingüísticos segundo a idade", en I. Méndez López e A. Sánchez Pérez (eds.): Lingua e Idade. III Xornadas sobre Lingua e Usos, 165-182 (A Coruña: Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña).

Junyent, Carme (1986): Les llengües d'Africa (Barcelona: Empúries).

Kabatek, Johannes (2000): Os falantes como lingüistas. Tradición, innovación e interferencias no galego actual (Vigo: Xerais).

Labraña, Sabela (1999): "Prexuízos lingüísticos e identificación social", en R. Álvarez e D. Vilavedra (coords.): Cinguidos por unha arela común: Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Vol. 1, 519-532 (Santiago de Compostela: Universidade).

Lapesa, Rafael (1962) [1942]: Historia de la lengua española (Madrid: Escelicer).

Moure, Teresa (2005): Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a humanidade (Vigo: Galaxia).

Moure, Teresa (2006): "É o inglés imprescindible para a investigación? A necesidade de recoñecermos o plurilingüismo", en Servizo de Normalización Lingüística da UDC (ed.): Lingua e Investigación. II Xornadas sobre Lingua e Usos, 93-108 (A Coruña: Servizo de Publicacións da UDC).

Ninyoles, Rafael L. (1997) [1971]: Idioma i prejudici (València: Eliseu Climent).

Rei-Doval, Gabriel (2007): A lingua galega na cidade no século XX. Unha aproximación sociolingüística (Vigo: Xerais).

Salvador, Gregorio (1987): Lengua española y lenguas de España (Barcelona: Ariel).

Seminario de Sociolingüística (1996): Actitudes lingüísticas en Galicia (A Coruña: Real Academia Galega).

Seminario de Sociolingüística (2003): O galego segundo a mocidade (A Coruña: Real Academia Galega).

Tuson, Jesús (1990): Mal de linguas. Arredor dos prexuícios lingüísticos. Trad. de Xulio C. Sousa (Vigo: Ir Indo).

 

[A Coruña, maio de 2008]

cig.prensa@galizacig.com