Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
3/8/2009

Historiador, nado en Bos Aires en 1928, doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de París, é columnista do xornal mexicano La Jornada e foi profesor da Universidade Nacional Autónoma de México e da Universidade Autónoma Metropolitana, unidade Xochimilco. Entre outras obras publicou: Polonia: obreros, burócratas, socialismo (1981), Ética y Rebelión (1998), El Istmo de Tehuantepec en el Plan Puebla Panamá (2004), La protesta social en la Argentina (1990-2004) (Ediciones Continente, 2004) y Zapatistas-Un mundo en construcción (2006).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Honduras, a ditabranda clintoniana

O golpe de estado en Honduras non só tivo como obxectivo liquidar o elo máis débil da ALBA, Honduras, co seu presidente Manuel Zelaya quen, malia a súa orixe conservadora, emprendía tímidas reformas sociais e, por motivos económicos, achegábase a Venezuela, o que o facía aparecer como perigoso revolucionario.

Tamén está dirixido para reforzar a desestabilización en Guatemala (cuxo presidente Colom está actualmente na mira do imperialismo), O Salvador (onde a Fronte Farabundo Martí de Liberación Nacional gañou o goberno, pero non o poder, que segue en mans da ultradereita) e Nicaragua. Estados Unidos, mediante os seus servidores, quere reforzar así, estratexicamente, a soldadura débil istmeña do Plan Mérida, para pór desde México até Colombia un corredor para a dominación estadounidense e converter este último país, baixo a ditadura de Uribe, nunha cabeceira de ponte, unha especie de Israel en América do Sur, para controlar Venezuela, o Caribe, Ecuador, Brasil.

O golpe cívico-militar foi coidadosamente preparado na base estadounidense de Soto Cano, coa presenza do embaixador Llorens, de Estados Unidos. Este foise e levou a súa familia, aínda que sabía do golpe con anticipación, para non aparecer demasiado ligado aos gorilas hondureños aos que Estados Unidos formou e coñece desde os tempos de John Dimitri Negroponte e o Irangate (o armamento aos contras nicaraguanos con armas entregadas desde Honduras e pagadas coa droga pola CIA), que foi tamén xefe directo de Llorens. Negroponte, ex secretario nacional de seguridade de Bush, ex representante na ONU, ex vicerrei en Iraq, non é o único conspirador de alto voo: o espantallo golpista Micheletti, por exemplo, ten como asesores a dous axudantes importantes de Bill Clinton; Lanny Davis (que o asesorou durante o escándalo provocado pola súa relación con Mónica Lewinsky, foi o máis virulento conselleiro de Hillary Clinton na loita contra Obama e é asesor do Consello Hondureño da Empresa Privada, eixo da oligarquía local) e Bennet Ratcliff. Por conseguinte, é absolutamente imposíbel que o Departamento de Estado (é dicir, Hillary Clinton) e o Pentágono sexan sorprendidos polo golpe tan cantado e tan toscamente organizado por catro gorilas seguros da súa impunidade.

Polo tanto, o golpe é un torpedo baixo a liña de flotación do intento de Obama de distensión con América Latina e con Cuba mesma e foi lanzado pola dereita conservadora estadounidense, tanto do Partido Demócrata, como Hillary Clinton e o seu clan, como republicana (mediante os lazos dos bushistas cos militares e a dereita latinoamericanos). É o primeiro debilitamento serio e desde Washington mesmo do propio Obama, para o cal esa dereita reserva o mesmo papel que Óscar Arias, ese coñecido servo de Estados Unidos, quere darlle a Zelaya: o de presidente pour à galerie, espantallo e acoutado, sen posibilidade de ningunha iniciativa, cunha política exterior absolutamente controlada polo Departamento de Estado. En efecto, a opinión de que Obama é un negriño que non sabe nada de nada formulouna o ministro de Relacións Exteriores dos golpistas hondureños pero, mesmo que aínda non a expresen abertamente, é compartida por todos os santos que os gorilas teñen no paraíso do establishment estadounidense.

O golpe hondureño é contra os países veciños ligados a Chávez e a Cuba, é contra Venezuela e Cuba, contra todos os gobernos progresistas de América do Sur e é tamén un golpe sen Obama e contra Obama. A aberrante proposta de Arias é funcional para os golpistas. Permítelles gañar tempo para organizaren o seu poder de facto e cansar e desmoralizar os partidarios do presidente constitucional. Recompénsaos ademais cunha proposta de amnistía aínda que deron un golpe de estado, asasinaron xente que defendía a Constitución e son infames traidores á patria, pasíbeis de fusilamento. Aínda por riba, segundo o Acordo de San José, Zelaya tería que admitir en postos claves do seu gabinete efémero a quen o secuestrou, deportou do seu propio país, insultou, falsificou o seu asinamento nunha carta infame de renuncia e están oprimindo polo terror ao pobo hondureño, e sería só o refén desa xente.

Se se aceptase a solución Clinton (solución para os golpistas), alentaríanse futuros golpes e ditabrandas (ditaduras militares con fachadas legais). A alternativa é difícil, pero é a única positiva: rexeitar o laudo Arias-Clinton e encabezar, en Honduras mesmo, un proceso de loita, por todos os medios posíbeis, para impor unha asemblea nacional constituínte que decida quen e como gobernará o país. Ou sexa, intentar crear unha fenda nas forzas armadas e a policía mediante a mobilización insurreccional, como en Bolivia fronte a Sánchez de Lozada ou en Venezuela, cando o golpe contra Chávez.

Zelaya, fillo dun asasino de esquerdistas, líder dun partido conservador tradicional, orientado cara a unha política máis avanzada sobre todo por razóns de oportunidade e por non calcular as consecuencias que iso podería xerarlle, demostrou valentía pero probabelmente non poida encabezar ese tipo de loita, aínda que si a pode iniciar. O pobo hondureño e os sectores de esquerda que esixen o seu retorno irrestrito ao goberno saberán entón como derrotar os golpistas e facer que paguen o seu crime contra a Constitución con procesos públicos.

[Artigo tirado do xornal mexicano ‘La Jornada’, do 2 de agosto de 2009]

cig.prensa@galizacig.com