Como parte do plan da UE e do FMI para resolver a débeda de Grecia e facer máis competitiva a súa economía, o goberno grego anunciou hai unhas semanas plans para contrarreformar lexislativamente o mercado de traballo e os dereitos sociais. O salario mínimo para os que se incorporen por vez primeira ao mercado de traballo pasará de 700 euros a 560, e esixirase aos traballadores un mínimo de 40 anos de traballo para acceder á plena pensión de xubilación.
As empresas enfrontaranse a menos restricións legais á hora de despedir, mentres que as indemnizacións por despedimento se reduciron xa á metade. A estratexia é obvia: Grecia quere gañar a carreira cara ao abismo que se libra na eurozona, é dicir, quere gañar vantaxes comparativas converténdose na rexión cos niveis de vida máis baixos e crueis. A recente entrada de Estonia na eurozona, é escusado dicilo, fará máis dura a tarefa de tratar de vencer nesa carreira.
Aínda en tempos óptimos, trataríase dunha estratexia perigosa. Dado que todos os membros da eurozona eliminaron fronteiras para o comercio e para os capitais e adoptaron unha moeda común, non hai posibilidade de gañar vantaxes cos métodos normais de depreciación da moeda ou de elevación dos aranceis ás importacións. Iso quere dicir que os excedentes comerciais só poden lograrse reducindo custos e aumentando a produtividade do traballo. Os custos redúcense destruíndo salarios e beneficios; a produtividade auméntase facendo máis difícil a vida dos traballadores: reducindo persoal, prolongando a xornada laboral, acurtando vacacións e atrasando a idade de xubilación.
Pero todas e cada unha das nacións seguirán idéntica estratexia. As cousas empeorarán coa profunda crise global. Os mercados para as exportacións están deprimidos, e o turismo está á baixa. Namentres, os gobernos recortan o gasto público, especialmente nos ámbitos que máis poderían contribuír a aumentar a produtividade e robustecer a competitividade: o investimento en infraestruturas públicas e educación. Salarios máis baixos, menos vendas ao detalle e unha forza de traballo máis pequena redundarán nun colapso da recadación fiscal, o que alimentará un círculo vicioso de recortes de gastos seguidos de menores ingresos fiscais: os déficits fiscais non poderán reducirse.
É verdade que Grecia tivo os seus propios problemas. Os seus custos laborais creceron significativamente na última década, moito máis rapidamente que en Alemaña e outras nacións da eurozona. Pero a idea de que os traballadores gregos estiveron gozando dun Estado de Benestar demasiado xeneroso vese refutada polos feitos.
En realidade, os gregos teñen un dos ingresos per capita máis baixos de Europa (21.100 €), moito máis baixo que o da eurozona dos 12 (27.600 €), por non falar do nivel alemán (29.400 €). Ademais, as redes de seguridade social gregas poderían parecer xenerosas comparadas coas dos EEUU, pero son modestas para os criterios europeos. De media, para 1998-2007, Grecia gastou só 3.530 € per capita en protección social, un pouco menos que o gasto do Estado español e só 700 € máis que Portugal, que ten un dos niveis máis baixos de toda a eurozona. En cambio, Alemaña e Francia gastaron máis do dobre que os gregos, mentres que o nivel da eurozona orixinal dos 12 foi dunha media de 6.251,78 €. Mesmo Irlanda, unha das economías máis neoliberais da eurozona, gastou máis en protección social que a supostamente derrochadora Grecia.
Grecia sofre pretendidamente tamén de ineficiencia e amiguismo no seu sector público, de maneira que os custos administrativos deberían ser maiores que os doutros Estados máis disciplinados, como Alemaña ou Francia. Pero como pode verse no cadro que máis abaixo se reproduce, iso dista por moito da verdade. Mesmo o gasto público en pensións, branco principal do ataque dos neoliberais, é máis baixo que noutros países europeos.
O cadro 2 mostra o gasto social total de varios países da eurozona como porcentaxe do PIB. Mesmo 2005 o gasto de Grecia estaba por detrás de todos os países da zona euro, agás Irlanda, e estaba por baixo da media da OCDE. Obsérvese tamén que, a pesar de todas as críticas sobre a temperá idade de xubilación en Grecia, o seu gasto en programas para persoas maiores estaba en liña co gasto en Alemaña e en Francia.
Grecia ten unha das máis desiguais distribucións do ingreso de Europa, así como un elevado nivel de pobreza, como pode verse no cadro que segue. Tampouco aquí cadran os feitos coa imaxe ofrecida polos medios de comunicación dun Estado de Benestar demasiado xeneroso:
Os recortes propostos simplemente agrandarán o hiato que separa os niveis de vida de Grecia dos das nacións máis ricas de Europa.
É unha carreira cara ao abismo que só pode gañar o maior perdedor. Abraia que a UE e o FMI estean promovendo unha competición deste tipo, totalmente incompatíbel coa estratexia a longo prazo de converxencia europea. O único que conseguirá é destruír a Unión.
[Artigo tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 1 de agosto de 2010]