
Vigo (1984). Militante nacionalista galego, participou e participa de diversos movementos sociais (estudantil, veciñal...). No eido sindical é membro da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG. Forma parte tamén da Dirección Comarcal confederal da CIG en Vigo. Colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación é autor do blogue Contradiscurso (www.contradiscurso.net).
A crise sistémica e a agudización das contradicións de clase consecuencia desta, ademais da reimpresión das obras do pensamento marxista e unha crecente reivindicación social dun cambio de sistema, está a provocar un rebrote do rancio anticomunismo que agromou xa sen disimulo trala caída do bloque socialista no Leste europeo.
A clase dominante non só domina a esfera económica, senón que conseguiu facer hexemónico o seu discurso, o seu pensamento. É precisamente na esfera do pensamento, do que no proceso globalizador se deu en chamar “pensamento único”, onde se circunscriben as ofensivas conceptuais máis relevantes. O eido da historia, a través dun obsceno e cínico revisionismo, tamén ten sido vítima desa brutal opresión.
A xeneralización dos medios de comunicación de masas e o manexo de instrumentos de comunicación masiva como a Internet, ligados ou controlados en moitos casos polo capital, teñen feito que o discurso sistémico se estenda por todo o globo, chegando aos recunchos máis inhóspitos do planeta en forma de verdades presuntamente irrebatíbeis.
A resolución anticomunista da OSCE.
O pasado 3 de xullo de 2009 a Asemblea Parlamentaria da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE), aprobaba en sesión ordinaria unha resolución na que, baixo o título “A reunificación da Europa dividida”, equiparaba comunismo e fascismo negando o papel da URSS na derrota do nazismo e abrindo a porta á persecución da ideoloxía e organizacións comunistas. Este episodio é apenas un intento máis de reescribir á historia, favorecendo obviamente os intereses da clase dominante e do seu corpo ideolóxico, e de ofrecer lexitimade ás violacións antidemocráticas contra dos partidos comunistas (prohibición da simboloxía comunista, ilegalización de partidos...) por parte de varios países membros da propia OSCE, que seguen a ter lugar a día de hoxe.
O papel da URSS na Segunda Guerra Mundial.
Curiosamente omítese o carácter imperialista e de clase do fascismo, e particularmente do nacional socialismo alemán. A negación do papel capital xogado pola extinta URSS na derrota do Eixo fascista, é se cadra o exemplo máis paradoxal. Para poñer en evidencia o falso, antihistórico e inxusto deste feito, tan só hai que afondar nos feitos históricos e botar man duns poucos datos.
Por exemplo, se os EUA tiveron 300.000 baixas, cuantificase que a URSS tivo case 100 veces máis vítimas mortais, achegándose aos 30 millóns, dos que 2/3 eran poboación civil. Só na famosa batalla de Stalingrado, o exercito soviético perdeu algo máis de 1.100.000 soldados, fronte aos 850.000 do exército nazi. Todo isto malia que o cinema de Hollywood teime en salientar unicamente as perdas e o protagonismo estadounidenses.
Para facernos unha idea da ferocidade da guerra patria da URSS contra a Alemaña nazi e os seus aliados do Eixo, está o feito de que as batallas da fronte occidental, aberta tralo mitificado desembarco de Normandía de 1944 (a guerra comezara no ano 1939), significou a morte de 200.000 nazis, mentres que na fronte oriental (no que combatía a URSS) morreron 4 millóns (20 veces máis).
O propio Winston Churchill recoñecería o papel determinante da acción dos soviéticos afirmando que “Foi o exército ruso o que lle sacou as tripas á maquina de guerra nazi”, xa que os rusos provocaron a destrución do 75% do material de guerra nazi e do 70% das súas tropas.
As consecuencias económicas do conflito bélico serven tamén para refutar as falsidades do revisionismo anticomunista. O 41% das perdas económicas do total dos participantes na guerra, foron a parar na conta da URSS. Pois case 2.000 cidades, 70.000 aldeas, 6 millóns de edificios, 32.000 industrias e 65.000 kms de liña férrea, foron destruídas na Unión Soviética.
O mito falso de que a URSS e o nazismo foron nalgún momento aliados, sustentase nun feito que hoxe coa proxección temporal completa foi indispensábel para a derrota posterior dos nazis. Trátase do acordo de non-agresión, que non de apoio nin alianza, asinado en 1939 entre a URSS e a Alemaña nazi. Os dous anos que median entre a sinatura dese tratado e a entrada en guerra da URSS, serviron para que o exercito soviético se dotase dos recursos humanos e materiais cos que non contaba, e que foron a garantía non xa do triunfo soviético na fronte oriental, senón tamén de non ter sido finalmente conquistados polo equipadísimo exército alemán.
O solapamento do Día da Vitoria, 9 de maio, no que se celebraba o fin da Segunda Guerra Mundial, co denominado Día de Europa, é outra mostra máis dese deliberado intento por ocultar todo o que teña que ver coa URSS.
A reacción internacional fronte o anticomunismo.
Fronte á inadmisíbel resolución da OSCE, reaxeron preto de 80 partidos comunistas de Europa (entre eles a galega UPG), a través dunha declaración clarificadora na que denuncian que é precisamente en escenarios políticos coma este, nos que se prevé unha importante regresión en materia de dereitos sociolaborais e de ataque contra dos intereses das clases traballadoras, cando o anti-comunismo volve reaparecer con forza.
Se a amnesia forzosa, como a instaurada no Estado español trala legalización do franquismo (denominada “transición”), é un atentado contra da nosa historia, e xa que logo, contra da nosa propia identidade que se constrúe na memoria, a deliberada falsificación histórica é se cadra un fenómeno inda máis perigoso, pois fainos correr o risco de acabar confundindo vítimas e verdugos, e equiparando elemento antitéticos, tal e como pretende o capital instrumentalizado na OSCE.
Todo sexa por ocultar aos ollos do mundo, a máis avanzada experiencia (pese ás súas contradicións, deficiencias e insuficiencias) de igualdade social, a través do socialismo real, que tivo a humanidade na URSS.
Porén, o pensamento marxista está máis vivo e actuante ca nunca, mal que lles pese, pois a crise está a avalar aquela vella afirmación de Rosa Luxemburgo: socialismo ou barbarie.