Cando a maior parte das estruturas estamos preparando a negociación colectiva para o ano 2012 e aínda afrontamos, nomeadamente no marco centralizado, a negociación de Convenios vencidos no ano 2009 e 2010, temos que poñer o acento na creación de emprego.
Gran parte das medidas laborais impulsadas polo Goberno do PSOE, en solitario ou coa axuda doutros, e parte das medidas que pretende impulsar o PP, teñen como obxectivo incrementar o que denominan flexibilidade interna: mobilidade funcional, mobilidade xeográfica, flexibilidade na distribución da xornada, etc.
A flexibilidade interna ten como fin incrementar a produtividade e polo tanto reducir o número de traballadores/as. Confían en que si as empresas reducen gastos gañaran mais e que si estas gañan mais os empresarios decidiranse a crear emprego. Un axioma tan simplista como absurdo. Si con flexibilidade 2 traballadores son capaces de facer a base de botarlle horas o que antes facían 3, o que fará o empresario non será contratar: despedirá. Sabémolo todos/as.
O incremento da produtividade, é dicir que os traballadores/as produzamos mais pode conseguirse fundamentalmente a través da innovación tecnolóxica. Son as novas tecnoloxías, ferramentas e maquinaria as que inciden no incremento da produción. Para entendernos un home cunha pala por moitas horas que bote, non pode competir cunha escavadora. Polo tanto pretender que un traballador produza mais a base dun maior esforzo físico ou mental é explotación laboral pura e dura, non é produtividade.
É por iso que a negociación colectiva pode ser un instrumento fundamental para crear emprego contrarrestando a introdución de medidas de “flexibilidade” e insistindo nas propostas de reparto do traballo; rexeitando as xornadas irregulares e flexibles; cunha maior concreción das funcións; cunha regulación das cargas máximas de traballo; ou cun redución da xornada laboral e un maior control das horas extras: propostas que en moitos casos están na orixe do movemento sindical.
Para algúns a diferenza no laboral entre o século XIX e o século XXI redúcese a onde se sitúa o “pauciño” romano, pero a negociación colectiva é un instrumento que pode favorecer a creación de emprego o noso maior obxectivo nestes tempos de emerxencia social.
[Galiza, 30 de novembro de 2011]