Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
30/12/2009

Viviu 30 anos en Latinoamérica. Estudoso do exilio económico e político galego.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Chávez e Morales bloquearon o Cumio do Clima segundo o Goberno español
Venda na rúa no parque Carabobo, Caracas. Xurxo Martínez Crespo.JPG

Segundo a ministra española de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, "Hugo Chávez y Evo Morales bloquearon la Cumbre del Clima para defender su petróleo y su gas".

Este Ministerio de nome cumprido é un “Frankenstein” creado polo presidente do Goberno español para, segundo o resultado actual, desatender as exixencias da cidadanía en materia ambiental (promoción das enerxías limpas e renovábeis en beneficio das contaminantes e non renovábeis) e esmagar até a bancarrota os traballadores do campo do Estado español asfixiados polo pescozo polos prezos que impoñen os distribuidores-intermediarios das grandes cadeas de distribución internacionais.

Botarlle a culpa dos resultados do Cumio de Copenhague a Chávez, Evo Morales e a Raúl Castro é coma aquela canción do grupo español Gabinete Caligari: La culpa fue del Cha-cha-chá

La culpa fue del Cha-cha-chá sí fue del Cha-cha-chá que me volvió un caradura por la más pura casualidad

Mafalda propúñalle a Susanita realizar unha colecta de fondos para a fame no mundo. Susanita contestaba entusiasmada que si, que o mellor que poderían facer era unha gran cea, elegante, con lagosta, caviar, año de Nova Celandia, carnes arxentinas, queixos franceses… para convidar a moita xente e recadar fondos para a fame, e así con eses fondos, os pobres poderían comer “as porcalladas esas que comen: arroz, espaguetes, macarróns, feixóns…”.

A ministra española Espinosa foi unha das que estivo presente no Cumio, un máis falido entre todos os cumios, que teñen como protagonistas países que van encher as páxinas dos xornais do mundo de imaxes e mensaxes baleiras.

Cumios “exitosos” resultan os que teñen que ver con invasións e xenocidios, coma a de Aznar, Blair, Bush e Durão Barroso (como presidente da Comisión Europea) no arquipélago portugués dos Azores.

A ministra española, facendo moito balbordo mediático sen ningún contido real, xustifica a Morales e a Chávez pois, segundo ela, “defendían os seus intereses”, que son a venda de gas e petróleo. Porén, ao carón destes dous malignos, engadiu a Cuba, que non ten nin un nin outro. Aínda non coñecemos a achega española ao Cumio do Clima a non ser a estarrecedora e novidosa achega do errático e indescritíbel presidente español José Luis Rodríguez Zapatero, que asegurou que “la Tierra no pertenece a nadie, salvo al viento".

A súa ministra descoñece o significado de tal afirmación. Descoñezo como o traducirían aos outros idiomas dos presentes (imaxino a Obama pensando en Bob Dylan). O caso é que a Terra pertence aos que son convidados á comida pro-fondos de Susanita, e cando algún esfarrapado como Evo Morales, Chávez ou Raúl Castro vai á cea e pretende comer dos manxares alí presentes, axiña se lle di que está boicotando a recadación de fondos coas súas pretensións; que se os convidados principais non comen a eito e en cantidade non hai doazón e, se non doan eles, non poderán seguir comendo as “cousas esas que comen os pobres”.

Así que a estas xuntanzas de Susanita, e as internacionais, vaise de convidado, cálase, dise a todo que si e daquela xa chamarán para a próxima, iso si, mentres non chaman, a comer as cousas esas que comemos nós e que eles non comen.

 

[A Coruña, 30 de decembro de 2009]

cig.prensa@galizacig.com