
Vigo (1984). Militante nacionalista galego, participou e participa de diversos movementos sociais (estudantil, veciñal...). No eido sindical é membro da Executiva Comarcal de Vigo e do Consello Nacional da Federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemárketing da CIG. Forma parte tamén da Dirección Comarcal confederal da CIG en Vigo. Colaborador de opinión en diferentes medios de comunicación é autor do blogue Contradiscurso (www.contradiscurso.net).
Mañá cumprirase un mes dende que a asemblea de parados do naval vigués decidira acampar fronte á sede da Xunta de Galiza en Vigo, esixindo o cumprimento das garantías da bolsa de contratación que recentemente a patronal, coa complicidade de CCOO e UGT, acaba de eliminar vulnerando o Convenio Colectivo.
Estes 30 días de campamento producíronse despois de semanas nas que os traballadores protagonizaran un importante proceso mobilizador, co que pretendían visibilizar a súa problemática, que non é outra que a da substitución de man de obra por outra foránea e máis barata para o empresario.
Esta acción reivindicativa evidencia a gravidade da situación que atravesa un sector fulcral para a economía produtiva da nosa nación, e principalmente da bisbarra viguesa, e serve para implicar o conxunto da sociedade nunha problemática que non é isolada e que ameaza a outros sectores e empresas, coma se está a vivir tamén, por exemplo, na construción.
A súa principal reivindicación é o dereito ao traballo, o mesmo que lle nega a patronal que na súa teimosía racista insiste en contratar persoal foráneo en condicións inda máis precarizadas; circunstancia da que é coñecedora a Inspección de Traballo. Porque racismo é o que practica quen contrata por salarios máis baixos, con finiquitos pre-asinados, ou en condicións de abuso, non quen o denuncia.
Os parados do naval están a recibir o apoio de importantes capas da clase traballadora viguesa e do sindicalismo nacionalista e de clase. O pasado 10 de marzo, os milleiros de persoas que se mobilizaron co gallo do Día da Clase Obreira Galega na cidade de Vigo deixaron testemuño da súa expresa solidariedade con este colectivo. A completa inacción da Xunta de Galiza é indignante e deixa en evidencia o carácter antiobreiro da política do PP, que é colaborador necesario nestas situacións de patente inxustiza social.
Os parados do naval vigués levan un mes acampados na trincheira da defensa dos dereitos das e dos traballadores, nun conflito que volve demostrar a vixencia da loita de clases que esixe posicionamentos claros e que non admite ambivalencias nin indefinicións. Ou se está ao lado do explotado ou se é cómplice do explotador.
Son un exemplo vivo da dignidade dunha clase, a traballadora, que non fica disposta a aceptar a pretensión do capital de superar a crise a conta dos seus dereitos, con máis desemprego, peores salarios e menos dereitos.
[Artigo publicado no xornal ‘Galicia Hoxe’, con data do 30 de marzo de 2010]