Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
30/3/2010

Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estados Unidos: o exemplo

Os Estados Unidos son un país inmenso, con 305 millóns de habitantes e con grandes contrastes rexionais, aínda que durante as últimas décadas foron diminuíndo por mor da globalización neoliberal, que non só tivo efecto nas relacións entre os chamados estados nacionais senón tamén ao interior dos mesmos.

A súa independencia de Inglaterra, que se declarou en 1776, e a Constitución aprobada que consagrou liberdades básicas, ate entón negadas, foron unha referencia pra moitos outros países colonizados ou dependentes, encetando pola América Latina, sometida ao dominio do Estado español e Portugal. A chegada de millóns de inmigrantes, o rápido desenvolvemento industrial e das vías de comunicación, e o expansionismo territorial, foron de vagar substituíndo no imaxinario colectivo dos outros países as referencias elementais sobre esta nación.

Hoxe os Estados Unidos son un exemplo pras clases dominantes na maior parte do mundo, que reproducen as medidas e proxectos pensando que así van obter os mesmos resultados, ou sexa: cotas de poder e de acumulación de riqueza. Agora ben ¿ate que punto esta nación tamén é un exemplo a copiar pras clases populares? Se ollamos aqueles aspectos que son esenciais, como as condicións laborais, a saúde, o ensino, e o aceso á vivenda, chegaremos á conclusión de que en todos eles, sexa con governos republicáns ou demócratas, os servizos, as prestacións e achegas públicas, son moi inferiores ás de moitos países europeos e mesmo a de nacións do chamado Terceiro Mundo con niveis de renda moito máis baixos.

Por exemplo, se analizamos os ingresos da povoación vemos que en 1974 o 1% máis rico conseguía unha media de 380.000 dólares ao ano, 12 veces superior que a media do 90% da povoación con rendas baixas. No ano 2007 a diferencia xa atinxía 42 veces, e o 1% máis rico ingresaba nada menos que 1.400.000 dólares ano, unha vez restada a inflación. No relativo ao gasto sanitario, normalmente prestado por aseguradoras privadas, ademais de ser moi grande, e polo tanto caro pra o cidadán, un 17% do PIB (fronte a un 6,2% no Estado español), non abrangue a toda a povoación, mesmo coa reforma de Obama agárdase que se pase dun 15% que carece de seguros sanitarios ao 5% en 2014. Asemade, outro dos problemas é que en moitos casos a cobertura é insuficiente, polo que un 20% das persoas que teñen seguro a través das empresas e outro 54% que teñen un privado individual pagan un 10% da súa renda dispoñíbel pra garantir prestacións que non están cubertas polo seguro. O problema sanitario é dramático cando se trata de xente cunha enfermidade terminal, tal como manifestan un 40% dos consultados.

Con respecto á vivenda, que é esencial pra garantir unhas condicións de vida dignas, compre dicir que o prezo dobrouse desde os anos setenta a valores constantes (unha tendencia que só superou o Estado español, Irlanda e o Reino Unido). Tampouco este país é un exemplo en materia de seguridade e convivencia, xa que as cadeas están ateigadas de detidos, máis de 2,3 millóns (ano 2007, un 40% hispanos e 30.000 inmigrantes); e mesmo algúns estados, como California (o máis rico), plantéxase liberar máis de seis mil, porque non pode facer fronte aos gastos. Esta decisión resulta chocante, porque ao mesmo tempo aumentaron os gastos militares, que son os maiores da historia do país. Uns recursos que garanten os intereses imperialistas, malia o enorme déficit público, o aumento do desemprego e a necesidade urxente de facer fronte ao avellentamento das infraestruturas, a reestruturación enerxética, o cambio climático e dar pulo a actividade produtiva.

Son dados e feitos que amosan que o modelo estadounidense, pra alén de que neste intre pasa por graves atrancos económicos e de sustentabilidade, favorece especialmente a unha estreita franxa da povoación, mentres que acumula grandes desigualdades sociais, que aumentaron nas últimas décadas. Tratase dun modelo que sacraliza as liberdades individuais, que só son realmente plenas naqueles que teñen máis medios económicos, e ignora os dereitos colectivos e a existencia de clases sociais.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 30 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com