Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
30/6/2010
Suso Seixo, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O 29 de setembro a clase traballadora galega imos ir á Folga Xeral

O próximo 29 de setembro, a CIG convoca a todos os traballadores e traballadoras galegos a participar activamente na FOLGA XERAL, que se vai celebrar en todo o Estado, para manifestar o noso firme rexeitamento como clase ás políticas de recorte de dereitos, na orde laboral e social, que está a levar adiante o Goberno español, e para esixir políticas reais de combate á crise, nunha perspectiva favorábel aos intereses da clase traballadora.

En contra do que viña sendo o seu discurso, e en coherencia co modelo de economía liberal que defende o PSOE, o Goberno español empezou por aprobar un recorte de salarios para os traballadores da Función Pública, xunto coa conxelación das pensións e o recorte do investimento público. Agora, aproba vía decreto lei, coa conseguinte validación no Congreso do Deputados, unha reforma do mercado laboral que vén a facilitar e abaratar o despedimento, fornecer aos empresarios man de obra barata e subvencionada e erosionar a forza vinculante do convenio colectivo de sector. A maiores, o Goberno ten en carteira aprobar a ampliación da idade de xubilación, a reforma da negociación colectiva e mesmo o copago na sanidade pública.

Estamos a falar pois de medidas dun enorme calado que, se conseguen implantalas agora, vai ser moi difícil revertelas nun futuro inmediato, feitas ao ditado e en función dos intereses da banca, das grandes empresas transnacionais e do capital financeiro internacional.

Estamos ante reformas e medidas políticas, inxustas e inxustificábeis, dende o punto de vista dos intereses da clase traballadora, pois non van contribuír a crear emprego, nin a rematar coa temporalidade, nin a facilitar a saída á crise. Son reformas baseadas na mentira, pois non foron as rixideces do mercado laboral, nin os salarios, nin o gasto público, nin as pensións, nin a estrutura da negociación colectiva, as causantes da crise económica actual. Temos experiencias xa de crises económicas anteriores, nas que sempre se aplicaron as mesmas receitas que na actualidade, recorte do gasto público e reformas laborais, e na práctica o que supuxeron foi máis temporalidade, máis rotación na contratación, maiores facilidades para despedir, perda do poder adquisitivo dos salarios, en definitiva, precarizar o traballo e perder dereitos a clase traballadora.

As medidas políticas que está a adoptar o Goberno e as que ten intención de facer, son, na súa maioría, as que veñen reivindicando dende hai anos a patronal e a banca, flexibilizar e desregular totalmente o mercado laboral; reducir á mínima expresión o sistema público de pensións, promovendo, así, que aqueles que teñan capacidade de aforro terminen meténdose no sistema privado; continuar coa privatización de servizos e empresas públicas; facerse, en definitiva, con todo aquilo no que poida haber negocio e gañar poder para a patronal, fronte á clase traballadora e ás organización sindicais, creando un escenario que lles permita afondar mellor e máis facilmente no seu modelo de capitalismo neoliberal. Estamos, pois, ante unha loita de poder, cun fondo contido de clase. Unha loita que se vai endurecer nos próximos anos e para a que temos que estar mentalizados e preparados os traballadores e traballadoras e as organizacións de clase.

As alternativas á crise están a confrontar dúas propostas diferentes de saír da mesma, que se corresponden tamén con dous modelos diferentes de organización social e económica, en definitiva, con dous modelos de sociedade antagónicos. Por unha banda, a defensa dun modelo antidemocrático, favorecedor dos intereses dunha minoría social, a oligarquía financeira, baseado nunha economía cada vez máis especulativa, que concentra a riqueza e o poder en poucas mans, xera fortes desigualdades sociais e privatiza e restrinxe o disfrute, por parte das clases populares, de dereitos fundamentais. Fronte  á defensa doutro modelo de sociedade, alternativo, favorábel aos intereses da clase traballadora e da maioría social, moito máis xusto, solidario, democrático, sustentábel (tanto social como ambientalmente), que garanta non só creación de riqueza senón un reparto equitativo desta, e que nós situamos no campo do socialismo.

Cómpre, xa que logo, o día 29 de setembro, dar una resposta masiva a esta agresión aos nosos dereitos e intereses como clase. Desde a CIG levamos desde o inicio da crise reclamando a necesidade políticas favorábeis a un cambio de modelo económico e social e chamando tamén a medidas de presión contundentes, como é o caso dunha Folga Xeral, para presionar o Goberno de cara a que puxese en práctica estas políticas. Correspóndelles ás centrais sindicais estatais explicar por que estiveron todo este tempo promovendo a confusión e a desmobilización, xerando expectativas de alternativas á crise que non eran posíbeis, nin no marco das mesas do diálogo social, nin baixo as premisas de conciliación de clases do Pacto Social.

 

[Galiza, 30 de xuño de 2010]

cig.prensa@galizacig.com