Calquera "retorno a Marx" será esencialmente un retorno á análise de Marx do capitalismo e o seu lugar na evolución histórica da humanidade, incluíndo, sobre todo, as súas análises da inestabilidade central do desenvolvemento capitalista que procede a través de crises económicas auto-xeradas con dimensións políticas e sociais.
- Profesor Hobsbawm, dúas décadas despois de 1989, cando foi apresuradamente relegado ao esquecemento, Karl Marx regresou ao centro de atención. Libre do papel de ‘intrumentum regni’ que lle foi asignado na Unión Soviética e das ataduras do "marxismo-leninismo", non só recibiu atención intelectual pola nova publicación da súa obra senón que tamén foi o centro dun maior interese. De feito, en 2003, a revista francesa ‘Nouvel Observateur’ dedicou un número especial a Karl Marx. “Le penseur du troisième millénaire”. Un ano despois, en Alemaña, nunha enquisa organizada pola compañía de televisión ZDF para estabelecer quen eran os máis importantes alemáns de todos os tempos, máis de 500.000 televidentes votaron por Karl Marx; que obtivo o terceiro lugar na clasificación xeral e primeiro na categoría de "relevancia actual". Logo, en 2005, o semanario ‘Der Spiegel’ dedicoulle unha portada co título de “Ein Gespenst Kehrt zurük” (Un espectro volveu) mentres os oíntes do programa “In Our Time” de Radio 4 da BBC votaron por Marx como o máis grande filósofo. Nunha conversa recentemente publicada con Jacques Attalí, vostede dixo que paradoxalmente "son os capitalistas, máis que outros, os que estiveron redescubrindo a Marx" e vostede falou do seu abraio, cando o home de negocios e político liberal, George Soros, lle dixo a vostede que: "estiven lendo a Marx e hai moitas cousas interesantes no que el di". Aínda que sexa débil e máis ben vago cales son as razóns deste renacemento? É probábel que a súa obra sexa de interese soamente para os especialistas e intelectuais, para ser presentada en cursos universitarios como un gran clásico do pensamento moderno que non debería ser esquecido? Ou tamén podería vir unha nova "demanda de Marx" no futuro desde o lado político?
· Hai un indubidábel renacemento do interese público en Marx no mundo capitalista. Así e todo, se cadra non aínda nos novos membros da Unión Europea de Europa do Leste. Este renacemento viuse probabelmente acelerado polo feito de que o 150 aniversario da publicación do Manifesto do Partido Comunista coincidiu cunha crise económica internacional particularmente dramática no medio dun período de ultrarrápida globalización do libre mercado.
Marx predixo a natureza da economía mundial no comezo do Século XXI, sobre a base da súa análise da "sociedade burguesa", cento cincuenta anos antes. Non é sorprendente que os capitalistas intelixentes, nomeadamente no sector financeiro globalizado, se impresionados por Marx, xa que eles foron necesariamente máis conscientes que outros da natureza e as inestabilidades da economía capitalista na cal eles operaban. A maioría da esquerda intelectual xa non soubo que facer con Marx. Desmoralizouse polo colapso do proxecto social-demócrata na maioría dos Estados Atlánticos do Norte nos oitenta e a conversión masiva dos gobernos nacionais á ideoloxía de libre mercado así como polo colapso dos sistemas políticos e económicos que afirmaban ser inspirados por Marx e Lenin. Os así chamados, "novos movementos sociais" como o feminismo, tampouco tiveron unha conexión lóxica co anti-capitalismo (aínda que como individuos os seus membros puidesen estar aliñados con el) ou cuestionaron a crenza no progreso sen fin do control humano sobre a natureza que tanto o capitalismo como o socialismo tradicional compartiran. Ao mesmo tempo, "o proletariado", dividido e diminuído, deixou de ser críbel como o axente histórico da transformación social de Marx. É tamén o caso que desde 1968 os máis prominentes movementos radicais preferiron a acción directa non necesariamente baseada en moitas lecturas e análises teóricas. Claro, isto non significa que Marx deixase de ser considerado como un gran e clásico pensador, aínda que por razóns políticas, especialmente en países como Francia e Italia, que algunha vez tiveron poderosos Partidos Comunistas, houbo unha ofensiva intelectual apaixonada contra Marx e as análises marxistas, que probabelmente chegaron á súa máis alto nivel nos oitenta e noventa. Hai signos de que agora a auga retomará o seu nivel.
- A través da súa vida, Marx foi un agudo e incansábel investigador, quen percibiu e analizou mellor que ningún outro no seu tempo, o desenvolvemento do capitalismo a escala mundial. El entendeu que o nacemento dunha economía internacional globalizada era inherente ao modo capitalista de produción e predixo que este proceso xeraría non soamente o crecemento e a prosperidade alardeados por políticos e teóricos liberais senón tamén violentos conflitos, crises económicas e inxustiza social xeneralizada. Na última década vimos a crise financeira do leste asiático, que empezou no verán de 1997; a crise económica arxentina de 1999-2002 e, sobre todo, a crise dos empréstitos hipotecarios, que empezou en Estados Unidos en 2006 e agora deveu a máis grande crise financeira da posguerra. É correcto dicir, entón, que o regreso ao interese en Marx está baseado na crise da sociedade capitalista e sobre a súa perdurábel capacidade de explicar as profundas contradicións do mundo actual?
· Se a política da esquerda no futuro vai estar inspirada unha vez máis nas análises de Marx, como o foron os vellos movementos socialistas e comunistas, dependerá do que pase no mundo capitalista. Pero isto vale non soamente para Marx senón para a esquerda como proxecto e ideoloxía política coherente. Posto que, como vostede di correctamente, a recuperación do interese en Marx está considerabelmente -eu diría, principalmente- baseado sobre a actual crise da sociedade capitalista, a perspectiva é máis prometedora do que foi nos noventa. A presente crise financeira mundial, que ben pode devir nunha maior depresión económica en Estados Unidos, delata o fracaso da teoloxía do libre mercado global incontrolado e obriga, mesmo ao Goberno norteamericano, a considerar optar por tomar accións públicas esquecidas desde os trinta. As presións políticas están xa debilitando o compromiso dos gobernos neoliberais ao redor dunha globalización incontrolada, ilimitada e desregulada. Nalgúns casos (China) as vastas desigualdades e inxustizas causadas por unha transición de xeito xeral a unha economía de libre mercado, xera xa problemas importantes para a estabilidade social e dúbidas mesmo en altos niveis de goberno.
Esta claro que calquera "retorno a Marx" será esencialmente un retorno á análise de Marx do capitalismo e o seu lugar na evolución histórica da humanidade, incluíndo, sobre todo, as súas análises da inestabilidade central do desenvolvemento capitalista que procede a través de crises económicas auto-xeradas con dimensións políticas e sociais. Ningún marxista podería acreditar nin por un momento en que, como argumentaron os ideólogos neoliberais en 1989, o capitalismo liberal se estabeleceu para sempre, que a historia tiña unha fin ou, en efecto, que calquera sistema de relacións humanas podería ser para sempre, final e definitivo.
- Non pensa vostede que se as forzas políticas e intelectuais da esquerda internacional, que se cuestionan a si mesmas con respecto ao socialismo no novo século, renunciasen ás ideas de Marx, perderían unha guía fundamental para o exame e a transformación da realidade actual?
· Ningún socialista pode renunciar ás ideas de Marx, xa que a súa crenza de que o capitalismo debe ser superado por outra forma de sociedade está baseada non na esperanza ou a vontade senón nunha análise seria do desenvolvemento histórico, particularmente da era capitalista. A súa predición real de que o capitalismo sería reemprazado por un sistema administrado ou planificado socialmente aínda parece razoábel, malia que el certamente subestimou os elementos de mercado que sobrevivirían nalgún sistema(s) post-capitalista. Posto que el deliberadamente se abstivo de especular acerca do futuro, non pode ser feito responsábel das formas específicas en que as economías "socialistas" foron organizadas baixo o "socialismo realmente existente". En canto aos obxectivos do socialismo, Marx non foi o único pensador que quería unha sociedade sen explotación e alienación, en que os seres humanos puidesen realizar plenamente as súas potencialidades, pero si foi o que a expresou con maior forza que ninguén, e as súas palabras manteñen o poder para inspirar.
Con todo, Marx non regresará como unha inspiración política para a esquerda até que sexa entendido que os seus escritos non deben ser tratados como programas políticos, autoritariamente, ou doutro xeito, nin como descricións dunha situación real do mundo capitalista de hoxe, senón máis ben, como guías cara ao seu xeito de entender a natureza do desenvolvemento capitalista. Nin tampouco podemos ou debemos esquecer que el non logrou unha presentación ben proxectada, coherente e completa das súas ideas, a pesar dos intentos de Engels e outros de construír dos manuscritos de Marx, un volume II e III do Capital. Como o mostran os Grundrisse. Mesmo, un Capital completo conformaría soamente unha parte do propio plan orixinal de Marx, se cadra excesivamente ambicioso.
Doutra banda, Marx non regresará á esquerda até que a tendencia actual entre os activistas radicais de converter o anticapitalismo en anti-globalismo sexa abandonada. A globalización existe e, agás un colapso da sociedade humana, é irreversíbel. En efecto, Marx recoñeceuno como un feito e, como un internacionalista, deulle a benvida, teoricamente. O que el criticou e o que nós debemos criticar é o tipo de globalización producida polo capitalismo.
- Un dos escritos de Marx que suscitaron maior interese entre os novos lectores e comentadores son os Grundrisse. Escritos entre 1857 e 1858, os Grundrisse son o primeiro borrador da crítica da economía política de Marx e, xa que logo, tamén o traballo inicial preparatorio do Capital; contén numerosas reflexións sobre temas que Marx non desenvolveu en ningunha outra parte da súa creación inacabada. Por que, na súa opinión, estes manuscritos da obra de Marx, continúan provocando máis debate que calquera outro, a pesar do feito de que os escribiu soamente para resumir os fundamentos da súa crítica da economía política? Cal é a razón do seu persistente interese?
· Desde o meu punto de vista, os Grundrisse provocaron un impacto internacional tan grande sobre a escena marxista intelectual por dúas razóns relacionadas. Permaneceron virtualmente non publicados antes dos cincuenta e, como vostede di, contendo unha chea de reflexións sobre asuntos que Marx non desenvolveu en ningunha outra parte. Non foron parte do longamente dogmatizado corpus do marxismo ortodoxo no mundo do socialismo soviético, por iso é polo que o socialismo soviético non podería simplemente refugalos. Puideron, xa que logo, ser usados por marxistas que querían criticar ortodoxamente ou ampliar o alcance da análise marxista mediante unha apelación a un texto que non podería ser acusado de ser herético ou anti-marxista. Xa que logo, as edicións dos setenta e os oitenta antes da caída do Muro de Berlín, continuaron provocando debate, fundamentalmente porque nestes manuscritos Marx expón problemas importantes que non foron considerados no Capital, por exemplo, as cuestións expostas no meu prefacio ao volume de ensaios que vostede recolleu (Karl Marx's Grundrisse. Foundations of the Critique of Political Economy 150 Years Later, editado por M. Musto, Londres-Nova York, Routledge, 2008).
- No prefacio deste libro, escrito por varios expertos internacionais para conmemorar o 150 aniversario desde a súa redacción, vostede escribiu: "Se cadra este é o momento correcto para regresar ao estudo dos Grundrisse menos constrinxidos polas consideracións temporais das políticas de esquerda entre a denuncia de Nikita Khrushchev de Stalin e a caída de Mikhail Gorbachev". Ademais, para subliñar o enorme valor deste texto, vostede estabelece que os Grundrisse "conteñen análises e a comprensión, por exemplo, da tecnoloxía, que leva ao tratamento de Marx do capitalismo mais alá do século XIX na era dunha sociedade onde a produción non require xa man de obra masiva, de automatización, de potencial de tempo libre e das transformacións de alienación en tales circunstancias. Este é o único texto que vai, dalgún xeito, máis aló dos propios indicios de Marx do futuro comunista na Ideoloxía Alemá. En poucas palabras, foi correctamente descrito como o pensamento de Marx en toda a súa riqueza. Xa que logo, cal podería ser o resultado da re-lectura dos Grundrisse hoxe?
· Non hai probabelmente máis que un feixe de editores e tradutores que tiveron un pleno coñecemento desta gran e notoriamente difícil masa de textos. Pero unha re-re-lectura ou máis ben lectura deles hoxe pode axudarnos a repensar a Marx: a distinguir o xeral na análise do capitalismo de Marx do que foi específico da situación da "sociedade burguesa" na metade do século XIX. Non podemos predicir que conclusións desta análise son posíbeis e probabelmente soamente que eles certamente non levarán a acordos unánimes.
- Para rematar unha pregunta final. Por que é importante ler hoxe a Marx?
· Para calquera interesado nas ideas, sexa un estudante universitario ou non, é patentemente claro que Marx é e permanecerá como unha das grandes mentes filosóficas e analistas económicas do século dezanove e, na súa máxima expresión, un mestre dunha prosa apaixonada. Tamén é importante ler a Marx porque o mundo no cal vivimos hoxe, non pode entenderse sen a influencia que os escritos deste home tiveron sobre o século XX. E finalmente debería ser lido porque como el mesmo escribiu, o mundo non pode ser cambiado de xeito efectivo a menos que sexa entendido, e Marx permanece como un espléndido guía para a comprensión do mundo e os problemas aos que debemos facer fronte.
[Tirado do sitio web ‘Sin Permiso’, do 28 de setembro de 2008]