Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
30/9/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Máis unha vez: unha axuda multimillonaria aos bancos sen poñer condicións para esta axuda

Canalizar a indignación cara aos mercados e cara á banca, aínda que necesario como medida educativa e pedagóxica (ensinando á cidadanía o rol que xogan os bancos e o capital financeiro na crise actual), é insuficiente porque cada unha destas decisións que permiten e reproducen esta situación tómana non só os banqueiros, senón os propios políticos. As políticas públicas que permiten estes comportamentos son deseñadas e aprobadas polas elites políticas do Estado.

 Os maiores bancos europeos estiveron a mercar débeda pública de Grecia, Portugal e Irlanda, esixindo uns xuros claramente abusivos aos respectivos Estados, axudados polas axencias de valoración de bonos públicos que deliberadamente presentaban a situación de tal débeda pública como problemática, a fin de conseguir uns intereses máis altos, e con iso uns maiores beneficios. É así como o que chaman a prima de risco foi aumentando. E hai pouco comezaron co Estado español e con Italia.

 O pagamento desta débeda pública está forzando o debilitamento e, mesmo, nalgunhas ocasións, o desmantelamento do Estado do Benestar nestes países. Onde este proceso avanzou máis é en Grecia, onde as políticas de austeridade alcanzaron uns niveis case incompatíbeis co mantemento da orde social. As mobilizacións de protesta popular están alcanzando uns niveis de conflitividade nunca vistos naquel país durante o seu período democrático.

 Tales políticas de austeridade, ademais de afectar moi negativamente o benestar das clases populares destes países, está reducindo aínda máis o nivel de demanda doméstica, dificultando a súa recuperación económica. En realidade, a situación económica en Grecia alcanzou unha deterioración tal que case colapsou a economía. Este colapso e o temor de que contamine a outros países que están seguindo tamén estas políticas de austeridade, creou un pánico entre os maiores bancos que teñen bonos públicos gregos, pois, de non os cobrar, as perdas serían moi elevadas. A súa propia cobiza, pedindo xuros máis e máis altos, está matando a galiña dos ovos de ouro. E agora éntralles pánico. De aí as chamadas de que os bancos teñen que “capitalizarse”, é dicir, que teñen, unha vez máis, que rescatarse do colapso que eles contribuíron a crear.

 E, como non, os bancos centrais máis importantes do mundo, ademais do Banco Central Europeo (o Federal Reserve Board, o Banco de Inglaterra, o Banco de Suíza e o Banco do Xapón), están imprimindo diñeiro e danllo (en realidade préstanllo a uns xuros ridiculamente baixos) para salvalos. E fano sen ningunha condición, tal como ocorreu hai catro anos. Estamos a unha situación case idéntica á que existía hai catro anos cando o sistema financeiro case colapsou. Daquela, os Estados axudáronos sen pedir nada a cambio. O mesmo que agora. Poderían, por exemplo, axudalos coa condición de que garantan a dispoñibilidade de crédito, ou que eviten as prácticas especulativas, ou que compren débeda pública dos seus países a uns intereses razoábeis e non esaxerados como agora. Pois non. Nada disto pedir. Danlles o diñeiro, e xa está.

 Comparen agora o comportamento do BCE coa banca privada europea co comportamento do BCE cos Estados da Eurozona. O BCE, un organismo público (controlado pola banca) non dá nin presta diñeiro aos Estados da Eurozona, nin compran débeda pública de tales países (só en situacións excepcionais) forzándoos a que reduzan máis os seus Estados do Benestar. Os Estados teñen que conseguir o diñeiro, non do Banco Central Europeo, senón dos Bancos (que recibiron o diñeiro do BCE a un 1%) que llelo prestan entón a uns xuros do 6%, 7%, 8%, e até o 12%.

 Vendo esta situación coido que canalizar a indignación cara aos mercados e cara á banca, aínda que necesario como medida educativa e pedagóxica (ensinando á cidadanía o rol que xogan os bancos e o capital financeiro na crise actual), é insuficiente porque cada unha destas decisións que permiten e reproducen esta situación tómana non só os banqueiros, senón os propios políticos. As políticas públicas que permiten estes comportamentos son deseñadas e aprobadas polas elites políticas do Estado. Os Bancos Centrais son autoridades públicas e os seus gobernadores designados por nomeamento político. O nomeamento do Gobernador ultraliberal do Banco de España, o Sr. Fernández Ordóñez, que senta tamén no Consello do BCE, foi realizado polo Presidente do goberno socialista español.

 En lugar de prover axuda aos bancos, o BCE podería apoiar os Estados. Isto é tamén unha decisión política. E como ben dixo Joseph Stiglitz no seu día, coa enorme cantidade de diñeiro público que recibiu a banca privada, poderían terse establecido bancas públicas que garantisen a dispoñibilidade de crédito. E cando se axudou á banca hai catro anos e agora, poderíase ter feito tal axuda condicionada a toda unha serie de medidas que permitisen a reactivación da economía.

 Salientar a culpabilidade nos mercados ou na banca é diluír a responsabilidade que as institucións mal chamadas democráticas teñen nesta situación. Non esquezamos que por cada decisión -por cada recorte de gasto público social-, por exemplo, podería terse considerado unha alternativa. En lugar de conxelar as pensións e intentar aforrar 1.500 millóns de euros, poderíase ter mantido o imposto de patrimonio que recollía 2.500 millóns, E así, recorte por recorte. Por iso é polo que é importante recuperar categorías de análises como poder de clase e Estado, que sirvan para mostrar as enormes insuficiencias do que se chama democracia.

 Como dixen en varias ocasións, a petición máis transformadora, mesmo revolucionaria, que hoxe pode facerse é esixir que as institucións chamadas democráticas sexan autenticamente democráticas. Os establishments políticos, mediáticos, financeiros e económicos non o permitirán. E aí está o campo de batalla ao que o meu amigo Noam Chomsky(...) define como a guerra de clases -class war- que, redefinindo a que existiu en épocas anteriores, é a guerra dunha minoría que controla as institucións financeiras, económicas, mediáticas e políticas en contra de todos os demais, a gran maioría da cidadanía.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 28 de setembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com