Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
31/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A estafa da débeda pública

A causa máis importante (e máis silenciada polos medios) da elevada débeda pública no Estado español foi o dominio da banca -e nomeadamente da banca alemá- e das forzas neoliberais que esta promove no deseño do euro e o seu sistema de goberno...

 Segundo o pensamento dominante nos establishments financeiros, políticos e mediáticos que configuran a sabedoría convencional no coñecemento económico, a débeda do Estado español (aproximadamente un 90% do PIB) débese ao excesivo gasto público realizado no país durante os anos de bonanza nos que se malgastou o diñeiro público. E para confirmar tal aseveración cítanse casos como o do AVE, que en moitas partes do Estado español apenas ten pasaxeiros, ou as estradas que non levan a ningures e moitos outros exemplos de dilapidación de diñeiro público que -segundo a sabedoría convencional- nos levaron á crise actual. Un indicador de tal crise é a elevada prima de risco que o Estado español ten que pagar para poder conseguir diñeiro da banca, pois esta (coñecida como os mercados financeiros) está deixando de ter a confianza na capacidade do Estado en poder pagar os xuros da súa débeda pública. De aí a necesidade de recortar gasto público a fin de diminuír o déficit e a débeda pública e recuperar así a famosa “confianza dos mercados”, a frase máis utilizada na narrativa oficial dos gobernos español e catalán para xustificar os seus recortes orzamentarios.

A gran estafa

 O crecemento da débeda pública, porén, ten moi pouco que ver coa suposta exuberancia do gasto público. En realidade, o gasto e emprego público español, incluíndo o catalán, son os máis baixos da UE-15. Só un adulto de cada dez traballa no sector público en España (en Catalunya non se chega nin a este cociente). En Suecia, é un de cada catro. A hipertrofia do sector público, que segundo o dogma neoliberal dominante está afogando a economía española, é unha das falsidades máis notorias que se transmite con maior frecuencia nos maiores medios de información. Os datos, doadamente accesíbeis, mostran precisamente o contrario. O Estado en España (e en Catalunya) é un dos máis pobres da Unión Europea dos Quince, UE-15. Agora ben, os economistas de FEDEA, os gurús mediáticos -como Xavier Sala i Martín e outros- continuarán, contra toda a evidencia existente, subliñando que a raíz do problema que ten o Estado español, incluíndo Catalunya, é o seu excesivo gasto público, que -segundo eles- xerou o gran crecemento da súa débeda pública.

A causa real do crecemento da débeda

 A causa máis importante (e máis silenciada polos medios) da elevada débeda pública no Estado español foi o dominio da banca -e nomeadamente da banca alemá- e das forzas neoliberais que esta promove no deseño do euro e o seu sistema de goberno. Vexamos os datos. Tales forzas estableceron un Banco Central que non era un Banco Central, senón que era un enorme lobby da banca. O que fai un Banco Central nun país é imprimir diñeiro e con este diñeiro compra débeda pública ao seu Estado, de maneira que se os xuros dos seus bonos se disparan porque o Estado ten dificultade para vendelos, o Banco Central entra e compra moitos bonos, co cal os xuros baixan. O Banco Central está aí para defender ao seu Estado fronte á especulación dos mercados financeiros. En contra do que se di e do que se escribe, os xuros da débeda decídeos un Banco Central, non os mercados financeiros.

 Agora ben, cando se estableceu o euro, o Estado español perdeu tal capacidade de imprimir diñeiro e comprar débeda pública. Delegouse tal autoridade no Banco Central Europeo, que segue imprimindo diñeiro pero non para prestalo ao Estado español (a compra de débeda pública, na práctica, é un empréstito ao Estado), senón para prestalo á banca privada a uns xuros baixísimos (menos dun 1%). E é esta banca privada a que compra débeda pública a uns xuros elevadísimos (un 6% ou un 7% no caso español ou italiano). É un negocio redondo para a banca. A chafallada do ano. A banca, incluíndo a banca alemá, forrouse de diñeiro durante todos estes anos. Nunca lles foi tan ben. Chuchaban o sangue (os altos xuros da débeda pública) ao Estado, e cando este parecía que ía desmaiarse ou morrer, entón (e só entón), o Banco Central Europeo prestáballe diñeiro ao Estado, é dicir, compráballe débeda pública para que continuase vivindo, a fin de que a banca privada, como samesuga, puidese continuar chuchándolle o sangue (é dicir, o seu diñeiro).

 Este armazón, no que o BCE dá diñeiro á banca privada a uns xuros baixísimos, xustifícase co argumento de que así se garante o crédito necesario para as familias e para as empresas medianas e pequenas (que crean a maioría de postos de traballo). Pero o crédito nin está nin se espera que estea. En realidade, a pesar de que o BCE deu desde decembro de 2011 máis dun billón de euros (si, un billón de euros) á banca privada (a metade deste billón foi á banca privada española e italiana), o crédito continúa escaso, pois a banca tiña outros investimentos (como comprar débeda pública) moito máis rendíbeis que a de ofrecer crédito.

 Calquera persoa normal e corrente preguntarase, por que o BCE non prestou este diñeiro aos Estados da Eurozona en lugar de prestalo á banca para se poder financiar sen necesidade de pagar uns xuros tan elevados á banca privada? Por estraño que pareza, ninguén na estrutura de poder que goberna a Eurozona se fixo, até hai moi pouco, esta pregunta. E iso, como resultado de estar imbuídos no dogma neoliberal, que é a ideoloxía promovida polo capital financeiro, é dicir, pola banca (ademais das compañías de seguro, fondos de alto risco e un longo etcétera).

 Se o BCE prestase o diñeiro ao Estado español, en lugar deste ter que pedilo á banca privada, o Estado aforraría moitísimo diñeiro. O Estado, en lugar de pagar uns xuros ao 6%, pagaría ao 1% (como pagan os bancos para obter diñeiro do BCE), aforrando moitísimo, pero moitísimo diñeiro, sen que aparecese o problema da débeda pública, e sen que se necesitou facer ningún recorte de gasto público. Hoxe, un de cada catro euros que o Estado gaste vai para pagar a súa débeda pública, predominantemente aos bancos. Se recibise diñeiro directamente do BCE non habería ningunha necesidade de facer recortes.

 O economista Eduardo Garzón calculou (no seu artigo “Situación de las arcas públicas si el estado español no pagara intereses de deuda pública”) o que o Estado español tería como débeda pública (desde 1989 a 2011) se tivese un Banco Central que lle prestase diñeiro ao 1% de interese, sen ter que recorrer á banca privada pagando os elevadísimos xuros que pagou. Pois ben, a débeda pública sería hoxe un 14% do PIB (si, leu ben, un 14%) en lugar dun 90%. Este é o enorme custo ao Estado español de ter o sistema de gobernanza do euro tal como agora existe, sistema de gobernanza que se deseñou para optimizar os intereses da banca á conta dos intereses da poboación e do seu Estado. Hoxe o Estado español, incluíndo Catalunya, non tería os problemas que ten se tivese un Banco Central propio digno do seu nome, ou tivese un Banco Central Europeo que fose un Banco Central.

As inxustizas do sistema actual

 O sistema de goberno do euro é, ademais de sumamente ineficiente, profundamente inxusto, pois está orixinando un proceso redistributivo enormemente regresivo no que a gran maioría da poboación está pagando con impostos o pagamento dos xuros da débeda pública do Estado, e con iso está transferindo aos súper ricos (que compran os bonos a través dos bancos) diñeiro para pagarlles o que o Estado lles debe ao comprar débeda pública. Esta transferencia de diñeiro realízase tamén a nivel da Eurozona, de maneira que os países que teñen que pagar xuros da débeda máis altos (os países do Sur) páganos aos bancos do Norte (que investiron cantidades moi significativas do seu capital en comprar débeda pública de tales países que xeran uns intereses exuberantes, alcanzando uns beneficios estratosféricos). Alemaña ten 200.000 millóns de euros en tal tipo de investimentos no Estado español. En realidade, os famosos 100.000 millóns de euros que a Unión Europea puxo ao alcance de España para “salvar os seus bancos” era, en realidade, diñeiro (aprobado polo Parlamento Alemán) para salvar os bancos alemáns (tal como recoñeceron varios economistas asesores do goberno alemán) que estaban coa auga ao pescozo debido á débeda pública e privada española, xa que tiñan pánico a que non lles puidesen pagar. Será o pobo español o que pagará os 40.000 millóns que o Estado pediu para pagar tal débeda, situación que é profundamente inxusta. Se despois de ler este artigo vostede, lector, non está indignado, é sinal de que, ou ben é vostede parte do problema ou é que non me expliquei ben. Neste caso, aconséllolle lea o libro de Juan Torres e mais eu, ‘Los Amos del Mundo. Las armas del terrorismo financiero’ onde desenvolvemos o que brevemente presento neste artigo. Pero créame que hai causas para estar máis que indignado. Hoxe estase desmantelando o escasamente financiado Estado do benestar no Estado español, incluíndo en Catalunya, para que os bancos poidan comprar a súa débeda pública, que conseguiron deseñando un sistema en que os seus beneficios, que afectan a un sector superminoritario (o que os indignados estadounidenses Occupy Wall Street movement chaman o 1%) se realice á conta da miseria de todos os demais. Así de claro. Lea o libro e verao.

 

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 29 de outubro de 2012]

cig.prensa@galizacig.com