Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
O Estado español, próximo foco do incendio europeo

Os bancos e caixas de aforro da Península ibérica abanean preocupantemente. Un maior endebedamento do Estado español non deixaría nin as bolsas nin o euro indemnes.Un de cada cinco españois está actualmente no paro, máis de catro millóns de persoas carecen de traballo. A porcentaxe de paro superará este ano a cifra do 20%.

O Estado español ten así mesmo a maior taxa de paro xuvenil de toda a Unión Europea -oficialmente, admítese que chegará ao 40%,, polo que se enfronta a unha catástrofe a longo prazo. De feito, aos menores de 25 anos só os agarda un traballo temporal con escasos dereitos laborais ou prácticas de traballo non remuneradas.

A todo iso se suma unha corrupción endémica, que nada ten que envexar á grega, un sector da construción sobredimensionado, unha industria financeira débil (a pesar de todos os que se aproveitaron da crise) [1] e un sector turístico que se laia baixo a excesiva sobrecapacidade. Exacto: o Estado español non é Grecia. A súa produción económica é máis de catro veces maior: un peso pesado en Europa. En comparanza, Grecia é un anano. Pero xustamente aí reside o problema.

O foco do incendio non se debe buscar en Grecia senón no Estado español, segundo o premio Nobel de economía Paul Krugman. No 2007 Madrid aínda tiña un superávit orzamentario do 1’9%. Mentres tanto, o déficit oficial -isto é, a cota anual de novo endebedamento para o refinanciamento do endebedamento do estado- era do 11’4 por cento. E iso ben ten un nivel grego. A cota de endebedamento ascende até este momento a nin máis nin menos que algo máis do 60% e o Estado español pode aínda situar os seus empréstimos sen problemas nos mercados financeiros internacionais, aínda que cada vez con maior dificultade. Pero isto pode cambiar rapidamente. A débeda privada -cun 225%, máis que o Reino Unido ou os Estados Unidos- é un problema tan ciclópeo como a débeda pública. E o peor aínda está por chegar, cando en toda Europa, tamén no Estado español, aumenten os xuros e millóns de españois non poidan satisfacer máis as súas débedas hipotecarias. Até este momento a crise laboral orixinou un rebumbio de insolvencia privada. Os bancos e caixas de aforro españolas abanean de xeito preocupante.

O goberno do presidente Zapatero persegue agora un severo plan de aforro: recortaranse nos próximos anos 50.000 millóns de euros da administración pública. Pero iso non alcanza. Como era de esperar, logo de Grecia e Portugal, tamén os españois foron castigados polas axencias de cualificación: Standard and Poor's rebaixou substancialmente a finais de abril a cualificación dos bonos do goberno español a dez anos. Como Atenas, Madrid tamén presentou expedita e rapidamente unha elevada factura en forma de crecentes primas de risco. Nos últimos dous anos a picada da burbulla inmobiliaria afectou ás caixas de aforro e bancos rexionais españois, tradicionalmente os máis importantes financiadores de hipotecas. Case 30 das 45 caixas de aforro españolas buscan salvarse da crise mediante fusións. Unha destas institucións, Cajasur, foi intervida tras o fracaso das negociacións de fusión e será administrada polo banco central, que xunto co goberno, aprema ao sector a acelerar as fusións. Iso supón a liquidación dos créditos hipotecarios lixo, que no Estado español contrataron moitas persoas. Se se chegase a unha acción de rescate como esa, levaría o estado español -seguindo o patrón británico- ao desembolso de varios miles de millóns adicionais e novas medidas de austeridade. Nin a débeda pública e moito menos o euro sairían sen rabuñadas como consecuencia.

Nunha crise destas proporcións non se pode aforrar nada, ningún dos excesivos plans de austeridade modifican en nada os problemas estruturais da eurozona: a crise converterase nunha longa e persistente depresión. Europa, o maior rival do poderío económico estadounidense no mundo, disponse a recibir unha soberana malleira no seguinte round.

[Artigo tirado do sitio web ‘SinPermiso.info’, do 30 de maio de 2010]

cig.prensa@galizacig.com