O discurso neoliberal que se expandiu en Europa e no Estado español é que non hai alternativa a estas políticas neoliberais e algúns sectores de esquerdas aceptaron ese diagnóstico sinalando que un país só non pode seguir políticas alternativas, utilizando sempre o exemplo do goberno Mitterrand, como o perenne punto de referencia.
A taxa de aumento do desemprego
Na análise do desemprego hai que considerar dous conceptos que son distintos pero que en xeral se confunden. Un é a taxa de aumento de desemprego, e outro, diferente, é a taxa de desemprego.
Os economistas neoliberais subliñan que o aumento do desemprego se debe ás rixideces do mercado laboral e á excesiva influencia e poder dos sindicatos nas negociacións colectivas. É importante subliñar que esta tese non é sostíbel, baseándonos na abundante evidencia empírica existente na literatura científica.
Así, cando analizamos a evolución do desemprego na maioría de países da OCDE (o club de países máis ricos do mundo) vemos que o país no que máis descendeu o seu desemprego foi Alemaña, e iso a pesar da enorme redución do seu Produto Interior Bruto, consecuencia da diminución das súas exportacións resultado da recesión mundial.
Ao estar a economía alemá moi orientada cara ás exportacións, tal redución da demanda internacional creou unha gran crise económica no país. Con todo, o desemprego continuou baixando. E iso foi en gran parte resultado da elevada regulación do mercado de traballo alemán e da participación dos traballadores e os seus sindicatos na xestión das empresas, a través do sistema coñecido como coxestión.
Debido a iso o xeito en que as empresas responderon á diminución da demanda de bens e servizos, resultado da recesión, foi reducindo as horas de traballo de cada traballador en lugar de reducir o número de traballadores. O 40% das empresas alemás diminuíron as horas de traballo como resposta á crise.
No outro extremo vemos que os países que durante a crise aumentaron máis o seu desemprego (a súa taxa de aumento de desemprego foi maior) foron Irlanda e Estados Unidos, ademais do Estado español, que son os países que teñen mercados de traballo máis desregulados (é máis fácil despedir os traballadores por parte do empresario) e onde os sindicatos son máis débiles.
É lóxico que se o empresario pode despedir ao traballador en momentos de redución da demanda dos seus produtos o faga, e con iso a taxa de crecemento do desemprego aumente. Crer que a persoa á que se despide vai poder atopar traballo, asume erroneamente que existe abundante oferta de traballo, o cal non é certo, pois unha característica da recesión é a diminución de postos de traballo.
Esta evidencia mostra claramente o erro, cando non a falsidade, das teses neoliberais que estiveron incluídas na reforma laboral aprobada polo goberno Zapatero e que, sen lugar a dúbidas, o Partido Popular continuaría no caso de que gañase as próximas eleccións.
A taxa de desemprego
A outra taxa é a taxa de desemprego, que se debe primordialmente a que non existe suficiente produción de emprego. No caso español esta é a maior causa do seu elevado desemprego e tamén da enorme variabilidade na creación e destrución de emprego.
Unha das raíces do problema que nunca aparece nos medios de información económica é precisamente o escaso desenvolvemento do sector público no Estado español. Aquí, outra volta, os economistas neoliberais consideran o sector público sobredimensionado, atribuíndo o escaso crecemento económico a un suposto sector público hipertrofiado. Os datos, con todo, mostran de novo o erro, senón falacia, de tal postura.
A porcentaxe da poboación adulta que traballa nos servizos públicos do estado do benestar, tales como sanidade, educación, escolas de infancia, servizos domiciliarios ás persoas con dependencia, servizos sociais, entre outros, representa só un 9%, unha porcentaxe moito máis baixa que a media da UE-15 que é un 15% e, moito, moito, máis baixo que Suecia que é case o 25%.
Noutras palabras, 1 de cada 4 suecos adultos traballa no seu estado do benestar. No Estado español non chegamos nin a un de cada dez. En realidade, se tivésemos a mesma porcentaxe da poboación adulta que Suecia traballando no estado do benestar español, habería 5 millóns máis de postos de traballo dos actuais. En realidade, non teriamos desemprego pois agora o paro alcanza case os 5 millóns de persoas.
Por que non se fai?
Para contestar a esta pregunta é importante ver que está pasando nos países PIGS (que en inglés quere dicir porcos) que inclúen, ademais do Estado español, Portugal, Grecia e Irlanda. Todos estes países están agora nunha crise fonda.
Estes países teñen en común o ter estado gobernados por ditaduras fascistas ou fascistoides (O Estado español, Portugal e Grecia) ou por gobernos autoritarios de ultradereita (Irlanda). Como consecuencia diso as políticas fiscais dos seus estados son sumamente regresivas, o xeito técnico de dicir que os súper-ricos, os ricos, e as rendas profesionais altas non pagan impostos, ou pagan impostos moi baixos. Por iso é polo que os ingresos ao estado sexan moi baixos.
Así, o Estado español, tales ingresos representan aproximadamente un 34% do PIB, moito máis baixo que a UE-15, 44%, e moito, moito máis baixo que Suecia, 52%. Se tivésemos a mesma política fiscal que Suecia e tivésemos o mesmo nivel de ingresos que aquel país, o Estado español (tanto central, como autonómico e municipal) ingresaría 200.000 millóns de euros máis dos que ingresa agora, co cal se podería reducir o déficit e crear os 5 millóns de postos de traballo necesarios para eliminar o déficit social do Estado español coa media da UE-15.
Por que non se fai a reforma fiscal?
O lector preguntarase por que o Estado español non recolle este diñeiro. E a resposta é doada de ver cando se mira quen paga impostos no Estado español. Un traballador da SEAT paga actualmente en impostos unha cantidade que representa o 74% dos impostos que paga un traballador de VOLVO en Suecia. En realidade, a meirande parte de traballadores que están en nómina xa paga uns impostos comparábeis aos dos seus homólogos da UE-15 aínda que lixeiramente inferiores aos que pagan os seus homólogos en Suecia.
Pero se miramos os impostos que pagan os súper ricos (o 1% de renda superior do país) vemos que no Estado español pagan só o 20% do que pagan os seus homólogos en Suecia. Pode verse entón que son as rendas superiores as que non están contribuíndo ao estado na medida que os seus homólogos o fan no centro e norte de Europa. É o que adoitaba chamarse poder de clase que agora deixou de utilizarse nas culturas políticas e mediáticas dominantes ao asumir erroneamente que as clases, así como a loita de clases, xa desapareceran.
O dominio das forzas conservadoras e liberais sobre o estado e a adaptación das esquerdas ao teorema neoliberal levou a esta situación, que se foi acentuando aínda máis coas baixadas de impostos que favoreceron sobre todo ao 20% de renda superior do país. Esta baixada de impostos que foi tomando lugar nos últimos quince anos, foi a causa do déficit estrutural do Estado español, que permaneceu oculto detrás da burbulla inmobiliaria, que ao levar un crecemento da economía supuxo un incremento dos ingresos ao estado, pero cando a burbulla inmobiliaria estoupou, apareceu con toda crueza este déficit estrutural.
Non é certo que este déficit sexa causado por un aumento do gasto público, tal como neoliberais (como Xavier Sala-i-Martín) estiveron repetindo. Este déficit foi causado pola redución de impostos, levada a cabo nos últimos quince anos.
A polarización das rendas como causa da crise
O que estivemos vendo estes anos foi unha diminución moi marcada das rendas do traballo como porcentaxe da renda nacional. Este fenómeno, que ocorreu en toda a eurozona, foi particularmente acentuado no Estado español. Iso é consecuencia de que a produtividade aumentou máis que os salarios en contra do que constantemente se está indicando. Iso explica que as rendas do capital aumenten á conta da diminución das rendas do traballo.
Esta redución das rendas do traballo creou un problema de demanda pois as clases populares perderon capacidade adquisitiva que intentaron paliar endebedándose, permitindo manter un alto nivel de demanda que estimulou o crecemento económico. Agora ben, este crecemento foi relativamente menor, o cal forzou un intento de estimular esa demanda mediante a redución dos xuros bancarios.
É importante que se subliñe este punto porque constantemente se presenta esta diminución de xuros bancarios como causa do boom inmobiliario, cando en realidade esta redución de xuros está motivado por un desexo de manter, e ata incrementar, unha demanda que estaba diminuíndo.
A redución das rendas do traballo significou un incremento das rendas do capital. O problema que tiña a xente súper rica e rica é que non ía investir na economía produtiva real, pois a rendibilidade neste sector era baixa, resultado da escasa demanda. Os ricos, e os seus bancos, non ían investir en compañías de produción de coches, por exemplo, cando non hai unha gran demanda do sector. Investiron no seu lugar en actividades especulativas, entre elas no sector inmobiliario creándose o complexo bancario-inmobiliario-industria da construción que foi o motor do crecemento económico durante os últimos vinte anos.
Estas actividades especulativas levaron a unha situación insostíbel, posto que os prezos estaban moi por riba (dun 30 a un 40%) dos que deberían haberse definido segundo as regras do mercado. Isto creou unha explosión da burbulla que paralizou ao sector financeiro e con iso a dispoñibilidade de crédito. É vergoñento que nin a axencia reguladora, o Banco de España, nin os grandes bancos no país sexan levados aos tribunais pola súa incompetencia no primeiro caso e prácticas especulativas no segundo.
Batemos nesta situación cun problema de falta de demanda por unha banda e falta de crédito polo outro, o cal leva a esta crise profunda, tanto económica como financeira.
A resposta á crise
Ante este enorme problema de demanda e endebedamento no sector privado, é enormemente importante e urxente que o estado interveña para encher este baleiro e a través do aumento do gasto público, investindo sobre todo en crear emprego, a fin de que se cre unha demanda. Por outra banda é importante que o estado interveña para garantir o crédito co establecemento de bancas públicas.
As políticas que se están seguindo por parte do goberno Zapatero así como por parte do Partido Popular son totalmente contraproducentes e estanse utilizando precisamente para levar a cabo as políticas que a banca e a gran patronal sempre desexaron, tales como desregular o mercado de traballo e reducir o estado do benestar.
Políticas alternativas
O discurso neoliberal que se expandiu en Europa e no Estado español é que non hai alternativa a estas políticas neoliberais e algúns sectores de esquerdas aceptaron ese diagnóstico sinalando que un país só non pode seguir políticas alternativas, utilizando sempre o exemplo do goberno Mitterrand, como o perenne punto de referencia.
O feito de que esta mensaxe neoliberal cale na cidadanía débese tamén á complicidade dos medios de comunicación que centraron o debate en como recortar o gasto público, en lugar de como aumentar os ingresos ao estado. Pero están profundamente equivocados. Por cada recorte que o goberno está realizando hai outra medida alternativa, de ingresos ao estado, que previría o ter que facer recortes. Así, en lugar de conxelación das pensións (1.530 millóns de euros en 2011) poderíanse reverter as reducións de impostos co cal se poderían conseguir 30.000 millóns de euros extra.
Consecuencias políticas
A gran impopularidade destas políticas está levando o enorme devalo do PSOE no Estado español, devalo que era totalmente predicíbel, vendo o que ocorreu noutros países nos que a socialdemocracia seguiu políticas semellantes, tales como o Novo Laborismo de Gran Bretaña ou a socialdemocracia alemá de Schröder ou mesmo o Partido Socialista francés, así como as esquerdas italianas. É un insulto á intelixencia dos votantes socialistas crer que un simple cambio de persoas na dirección do partido socialista, persoas ademais responsábeis de tales políticas, vaia significar un efecto mobilizador das bases daquel partido. Non son as persoas, senón as políticas que promoven, as que son impopulares.
De aí a miña ledicia do xurdimento do movemento dos indignados que, como movemento radical, vai á raíz do problema do Estado español que é a súa limitadísima democracia. A democracia española resultado dunha Transición inmodélica fíxose en termos excesivamente favorábeis ás forzas conservadoras. Non pode ser que nun país en que a suma dos partidos de esquerda sexa, na maioría das eleccións lexislativas, maior que os partidos de dereita, o Estado español continúe estando á cola de gasto público social por habitante entre os países da UE-15.
E tampouco é tolerábel que o ataque frontal máis agudo en contra do estado do benestar se faga baixo o argumento de que o ordenan os mercados financeiros a quen ninguén votou ou elixido. Isto considéroo indignante.
[Artigo tirado do sitio web de ‘Attac’, do 20 de agosto de 2011]