Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/1/2012
É membro da Executiva Confederal da CIG, na que ocupa a Secretaría de Muller e Mocidade.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Non é país para vellos

Segundo as  ultimas proxeccións demográficas de Galiza publicadas polo Instituto Galego de Estatística, perderanse, entre 2011 e 2021, case que 90.000 habitantes. Aínda que o descenso de poboación será xeneralizado en todo o noso territorio, afectará de xeito singular ás provincias de Lugo e Ourense, con caídas da poboación de máis do 7%.  O rural desertizarase a favor das cidades, que tamén perderán unha pequena porcentaxe de poboación, agás Santiago e comarca que medrarán, e será a comarca de Ferrolterra a que presente o maior desequilibrio entre mortes e nacementos.

Estes datos poñen de relevancia un dos problemas aos que se afronta a sociedade galega neste 2012: o despoboamento. E as graves consecuencias macroeconómicas derivadas deste, xa que a rateo entre activo e pasivo é clave para o sustento do sistema de pensións e do crecemento económico. Como sabemos, as persoas activas, ou en idade de traballar, alimentan os fondos da seguridade social coas súas cotizacións, mentres que as persoas maiores, e por tanto inactivas, precisan de pensións e servizos que aumentan o custe público. E é o envellecemento da poboación a causa que os gobernos soen por enriba da mesa para alertar dun déficit orzamentario futuro cada vez máis preto.

O outro dos factores demográficos necesarios para lograr estancar este envellecemento é acadar unhas taxas de fecundidade ao nivel de reposición poboacional, e que sexan estábeis. En Galiza esta taxa é de 1,1 descendentes por muller, polo que non garantirá o relevo xeracional. Hai unha crenza xeneralizada de que os novos modelos de familia, e incluso a incorporación da muller ao traballo asalariado foron as causas da caída nas taxas de fecundidade. De aí que moitos gobernos conservadores (en Galiza temos o máximo expoñente) poñan en marcha medidas dirixidas a dificultar o acceso das mulleres aos anticonceptivos, o aborto, e incluso ao emprego, devolvéndoas ao traballo reprodutivo e potenciando -desde os poderes públicos- o seu rol coidador. Toman como escusa o argumento demográfico, para sacrificar o capital humano das mulleres. Sen ter en conta, un factor clave, á hora de tomar a decisión de ter ou non crianzas, que sería a análise da situación económica do momento.

Xa que logo, non habería que analizar polo miúdo a precaria situación socioeconómica que arrastra o noso país e o feito de que carecemos duns servizos sociais que permitan á muller non ter que renunciar á súa vida laboral, ao seu desenvolvemento como persoa, máis alá da estrita maternidade? Porque se estudamos a situación, veremos que empeorou espectacularmente desde o comezo da crise económica e que aínda empeorará máis se, tal e como se fixo até o de agora e como todo indica que se vai facer, se impón a política de recortes e privatizacións que se ven anunciando. E haberá que ver tamén como esa situación pode empeorar aínda máis se non se adoptan as medidas necesarias ou o que é peor, se as medidas que se adoptan son as que se veñen anunciando e que suporán máis recortes nos servizos sociais, o empeoramento das condicións laborais e un colapso económico que afundirá os nosos sectores produtivos e, en consecuencia, incrementará o desemprego.

A sociedade galega xa non é a de hai décadas. A radiografía amosa un abandono do rural á súa sorte, que vai parello a un sector industrial cada vez menor e máis precario. E agrávase cunhas elevadísimas taxas de desemprego, coas pensións máis baixas do estado español, coa cada vez maior emigración das mozas e mozos cara o resto do estado, coas dificultades para acceder a unha vivenda, cos insuficientes servizos sociais, desde escolas infantís, a centros de día, e a falta de recursos dirixidos ao coidado das persoas maiores e con discapacidade (que non dan resposta ás necesidades de ampliar a súa cobertura atendendo á elevada demanda, e á dispersión xeográfica da poboación galega). E á que hai que sumar a propia situación de precariedade das mulleres, que seguen a ser quen suplen, co seu traballo dentro e fóra do fogar, as eivas dun sistema que aínda en pleno século XXI a responsabiliza do coidado das persoas dependentes.

Por que non se analiza desde unha perspectiva crítica que a progresiva desertización de amplas zonas das provincias de Lugo e Ourense vén provocada pola política de abandono do rural á súa sorte, pola falta de oportunidades laborais e pola carencia de servizos que padecen? Ou que do mesmo xeito, a perda de poboación na comarca de Ferrolterra é consecuencia directa das continuas políticas de reconversión industrial, que supuxeron o desmantelamento deste sector por parte dos distintos gobernos?

A Xunta admite que a crise demográfica é un problema “gravísimo”, pero bota balóns fóra, eludindo responsabilidades, e como no caso da crise económica, engade que non afecta só a Galiza, senón que afecta a todo o noroeste da península Ibérica, e a todo o continente europeo –agás pequenas excepcións. Vai aínda máis alá na análise e destaca que o problema non é novo, pois xa se ven arrastrando desde hai unha década, e que para tomar medidas concretas dirixidas a pórlle freo, agardará ao informe da comisión creada no Parlamento. Non se podía agardar menos de quen prometeu en período electoral rematar co problema do desemprego en Galiza en 40 días, e agora escúdase en que o problema é mundial cando ten que enfrontarse coa cifra de 258.234 persoas desempregadas en Galiza, das cales o 51,29 % son mulleres(132.459).

Primeiro foi o feito de que a falta dunha industria e gandería competitiva, xunto coa falta de acceso aos servizos de benestar, acelerara o proceso de deslocalización das mozas e mozos cara as urbes e as súas áreas de influencia, abandonando o rural. A mellora das infraestruturas viais no litoral, e a conexión das capitais do norte e o sur de Galiza supuxo tamén o afondamento da fenda entre a Galiza interior e a Atlántica. E se á emigración interior sumámoslle o proceso de urbanización que viviu Galiza durante a metade do século XX, e os novos procesos migratorios actuais, da poboación galega cara outras partes do estado español e incluso de Europa en busca de emprego, veremos unha balanza poboacional cada vez máis desequilibrada. Unha fenda que cada día é maior.

Ate o de agora, non se puxo en marcha unha política demográfica que permitira acometer medidas correctoras de xeito decidido e coordinado. E non vale escudarse na situación de crise conxuntural, porque houbo unha época de “bonanza económica” que non serviu para pórlle remedio ao descenso de poboación. De feito, a crise conleva un freo ao avance da igualdade, porque os gobernos queren que así sexa. A igualdade de xénero sería unha solución para a crise, se aproveitáramos toda a potencialidade da clase traballadora no seu conxunto. Pero non se está a producir unha aposta polo cambio do modelo reprodutivo, para solucionar a sostenibilidade a nivel demográfica. Porque non lle estamos a dar posibilidades ás mulleres de compatibilizar o emprego de calidade coa maternidade, o que nos leva ao suicidio demográfico.

Para reverter o fenómeno do despoboamento nas sociedades industrializadas, como para reverter a altísima fecundidade dos países pobres, é preciso proporcionar ás mulleres autonomía e posibilidades para que elixan libremente o número de crianzas que queren ter. Porque para atallar cos problemas demográficos en todo o mundo, habería que proporcionar ás mulleres a liberdade e o entorno adecuado para que en todos os países, en todos os niveis educativos e en todos os niveis de renda poidan ter as crianzas que desexen.

A crise actual debe servir para pór os medios para evitar os erros cometidos ate o de agora, e organizar a economía conforme a un modelo produtivo equilibrado e sostíbel desde o punto de vista social, medioambiental e demográfico. Pero para iso haberá que aproveitar todo o capital humano dispoñíbel, mudando o enfoque das políticas públicas actualmente baseado no modelo de familia “sustentador masculino/esposa dependente”, e adoptar o obxectivo de conseguir unha sociedade de persoas sustentadoras e coidadoras en igualdade. E para iso, claro está, haberá que refacer os coidados e o mercado de traballo, de xeito que nin mulleres nin homes teñamos que elixir entre emprego de calidade e maternidade ou paternidade.

Ate o de agora, as medidas anticrise priorizan o emprego masculino e descoidan necesidades que afectan maioritariamente a mulleres. Favorécese a vía do tempo parcial para as mulleres e non se prioriza a provisión dos servizos públicos que poderían favorecer o mantemento das mulleres no emprego de calidade, e a súa cobertura en canto a dereitos e independencia económica, habilitándose cada vez máis facilidades para que as persoas se retiren do emprego para coidar. Non se xeneraliza o dereito de toda a poboación ao emprego e a unha renda mínima digna que asegure a independencia económica, senón que ademais deixa desprotexidas ás persoas máis necesitadas.

Por que non se fala de investir en universalizar a educación infantil, en mellorar o sistema de protección social, e estabelecer as medidas oportunas dirixidas a incorporar ás mulleres a un emprego de calidade? Países europeos con elevadas taxas de natalidade veñen amosando que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes é a mellor vía para recuperar as taxas de fecundidade ate níveis aceptábeis. Xa o dixo Vicenç Navarro nunha das súas reflexións sobre as diferenzas entre o mercado de traballo  dos distintos países da UE: “Se España tivera a mesma porcentaxe de mulleres no mercado de traballo ca Suecia, habería tres millóns máis de traballadoras creando riqueza e pagando impostos”.

Entón, porque hai tanto interese por parte do Partido Popular á fronte do goberno da Xunta de Galiza, de manter ás mulleres na súa dedicación exclusiva ao rol de xénero (creando leis específicas para tal fin como a Lei de apoio á familia e á convivencia de Galicia), manténdoas fóra do mercado, na precariedade e en situacións de maior vulnerabilidade pola dependencia económica, no canto de facilitares a súa incorporación plena na actividade produtiva?  Hai experiencias dabondo que analizan as consecuencias nefastas dos incentivos ao traballo a tempo parcial, ou as prestacións para o coidado no entorno laboral, sobre a economía e para a igualdade de xénero, dado que estes elementos condicionan toda a demanda laboral feminina e afectan á oferta laboral das nais. Nuns mercados de traballo cada vez máis des- regulados as penalizacións ás mulleres pola súa maior carga de traballo doméstico son maiores. Porque a pesares de que son cada día máis os homes que pretenden compatibilizar traballo con responsabilidades familiares, son moi poucos aínda os que están dispostos a renunciar á súa independencia económica. Aínda non estamos en condicións de evitar a segregación dos mercados de traballo porque esta opcionalidade das mulleres vai vinculada ás facilidades que ofrece o propio marco laboral.

Porque para poder ir máis alá na consecución da independencia económica das mulleres, haberá que implicar aos homes ao 50% no traballo doméstico, e fomentar esta práctica desde os poderes públicos, estabelecendo servizos públicos adecuados e horarios a tempo completo o suficientemente curtos e flexíbeis para todas as persoas. Estas condicións farían posíbel a reorganización do traballo produtivo e tamén reprodutivo, sen ter que obrigar ás traballadoras e traballadores a sacrificar a súa promoción profesional. A eliminación sexual do traballo é un bo xeito de recuperar as taxas de fecundidade a niveis aceptábeis e de abordar o reto do envellecemento poboacional. Porque de nada serve coas vellas receitas de retrasar a idade de xubilación e axustar as pensións para previr os efectos do envellecemento da poboación.

As alternativas á crise deben considerar a sociedade actual no seu conxunto, tendo en conta as complexas relacións entre a educación, o emprego e a familia. Pero para iso é preciso pular por un desenvolvemento sostíbel que conleve transformacións importantes. A crise actual debe servirnos para pór os medios que eviten os erros do pasado que nos conduciron a esta situación e organizar a economía galega conforme a un modelo produtivo, solidario, sostíbel e tamén demograficamente viábel.

cig.prensa@galizacig.com