
Os piquetes son persoas de a pé, traballadores que gañan un salario honradamente, teñen familia e pagan puntualmente a súa hipoteca aos bancos subvencionados polo erario público (cartos de todos, incluídos piquetes) e responsábeis principais do colapso financeiro. Son xente do común, non delincuentes prófugos.
Os medios de comunicación dedicáronse a criminalizar os piquetes de xeito cínico. Reproducen o discurso dos poderes do sistema decote máis diluído na táctica da extrema dereita ou ultraliberal: individualizar aínda máis a sociedade baixo o lema da defensa da liberdade individual. Os medios non deixan de estar financiados por empresarios, os seus directores e editores forman parte desa rede. Nada dicimos dos seus traballadores. Polo cal a meirande parte dos medios só defenden o seu, os intereses da patronal á cal pertencen. Alguén coñece algún xornal galego (xa non digo en galego, estes están en perigo de extinción) que defendese o dereito á folga? Non, todos defenden o dereito ao traballo e aldraxan a acción sindical.
Que non nos veñan co discurso de que o sindicalismo é fundamental para o equilibrio da sociedade moderna pero que os sindicatos actuais son unhas antigallas de métodos violentos. Pretenden alumar máis a fogueira da campaña antisindical da dereita. Só lles vale o seu e pensan que, ao seren creadores de estados de opinión, poden decidir por todos nós do que se fale ou non, do que se informe ou non, e só o que eles din é supostamente o que nos interesa. Mentira!
A moitos interésanos coñecer máis aínda as causas da crise do sistema e os seus responsábeis; interésanos saber que empresarios están actualmente duplicando beneficios grazas á crise; interésanos coñecer os nomes e apelidos de delincuentes reais que teñen contas en paraísos fiscais; interésanos saber máis dos métodos intimidadores e coercitivos dos empresarios para asinar contratos precarios, temporais e irregulares; interésanos saber máis das relacións económicas dos empresarios coas organizacións políticas; interésanos saber onde están os nosos cartos que foron á banca que segue a negarse a dar créditos; interésanos saber canto se gasta de axudas de custo, actos ou publicidade a caste política, a casa real e a Igrexa; interésanos porque nos afecta directamente á nosa vida, ao noso cotián, ao noso poder adquisitivo, ao noso futuro laboral e, sobre todo, afecta ao modelo de sociedade.
Volvamos ao tema dos piquetes. A súa función é esencial na folga. Aseguran un apoio aos traballadores que van baixo ameaza do empresario ao posto de traballo o día da folga. Aos medios non lles soa aquilo que nós si coñecemos: “se vas o 29 non volvas o 30” ou “será a túa derradeira folga nesta fábrica”. Son entón realmente libres os traballadores en situación precaria e temporal de exercer o seu dereito a folga? Pensan niso os medios de comunicación?
Vaiamos máis lonxe. Os piquetes, no seu 90% son traballadores, non liberados sindicais. O 29-S habíaos que entraban na fábrica ás 6 da madrugada do 28, cumpría o seu horario laboral e saían directos ao sindicato para organizarse de cara á folga. Non falo dun caso coma excepción senón dunha boa chea de exemplos. Se algún xornalista pasase polo local sindical da CIG de Vigo podería comprobar a realidade destas persoas que definen como vándalos e violentos.
Despois, se en Vigo arderon 30 cubos do lixo e houbo máis de 1000 piquetes (entre todos os sindicatos) como moito habería 30 persoas responsábeis diso. Logo o resto dos 970 piquetes, con nomes e apelidos, son bárbaros, terroristas ou violentos como alcuman aos outros? Ben se sabe que unha andoriña non fai primavera.
Que queren entón? Que se para Zara Loxística ou Citroën non o faga o taller dun medio de comunicación? Acaso non son unha empresa máis? Están por riba do ben e do mal? E resulta un inmenso insulto que certo Xornal saia na defensa dun voceiro conservador ao cal definen de “progresista” (nada menos que de progresista!) e comece unha nova sentenciando que en Vigo as folgas non se miden pola asistencia ou eficacia senón polo cheiro a fume das súas rúas. Din isto cando se parou o 90% da actividade industrial (a maior porcentaxe do Estado español) e houbo unha asistencia masiva ás manifestacións.
Poden mentir dicindo que se parou as fábricas porque os piquetes foron moi violentos pero a ver como nos explican a asistencia do pobo á manifestación. Acaso foron os piquetes casa por casa cunha pistola sacando á xente á rúa? Se cadra a presenza de tanta xente ese 29 polo mediodía foi o espello do interese real dos traballadores de facer folga e facerse notar. Eles, os medios, son o ridículo da intelixencia dentro dese neoirracionalismo ao que se adhiren.
Saben que menten. Sábeno ben e saben que unha mentira contada mil veces pode chegar a ser verdade. Por iso cómpre responder, non calarse na conversa cos compañeiros, amigos ou familia; hai que contrarrestar ese poder nesta longa batalla das ideas. Eles continuarán a súa ofensiva contra a esquerda e o sindicalismo de clase (xustamente nos atacan os causantes da crise!) e pregoarán aquilo da liberdade individual. Nós temos que artellar o discurso arredor da liberdade colectiva. Porque o ben para a inmensa maioría é socialmente máis xusto e democrático có ben para a minoría. Polo tanto, a liberdade colectiva están moi por riba da liberdade individual. Fagamos uso do noso dereito á liberdade colectiva.
[Vigo, 4 de outubro de 2010]