Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/10/2010
Sociólogo e politólogo arxentino. Actualmente é director de PLED, o Programa Latinoamericano de Educación a Distancia en Ciencias Sociais. Durante varios anos foi o secretario executivo de CLACSO, o Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais. É autor de ducias de artigos e de libros; entre estes últimos salientan títulos como Imperio e imperialismo (2002) e Estado, capitalismo y democracia en América Latina (2003).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Apuntamento sobre o frustrado golpe de estado en Ecuador

Non foi un pequeno grupo illado dentro da policía quen intentou dar o golpe en Ecuador, senón un conxunto de actores sociais e políticos ao servizo da oligarquía local e o imperialismo, que endexamais lle van perdoar a Correa ordenar o desaloxo da base que Estados Unidos tiña en Manta, a auditoría da débeda externa do Ecuador e a súa incorporación ao ALBA, entre moitas outras causas.

  Que aconteceu o pasado xoves en Ecuador?

 Houbo unha tentativa de golpe de estado. Non foi, como dixeron varios medios en América Latina, unha "crise institucional", coma se o ocorrido fose un conflito de xurisdicións entre o Executivo e o Lexislativo, senón unha aberta insurrección dunha rama do primeiro, a Policía Nacional, cuxos efectivos constitúen un pequeno exército de 40.000 homes, en contra do Comandante en Xefe das Forzas Armadas do Ecuador, que non é outro que o seu presidente lexitimamente electo. Tampouco foi o que dixo Arturo Valenzuela, Subsecretario de Estado de Asuntos Interamericanos, "un acto de indisciplina policial". Caracterizaría dese xeito o ocorrido se o equivalente da Policía Nacional do Ecuador en EEUU batese e agredise fisicamente a Barack Obama, mancándoo, o secuestrase e mantivese en reclusión durante 12 horas nun hospital policial ata que un comando especial do Exército o liberou despois dun intenso tiroteo? Seguramente que non, pero como se trata dun mandatario latinoamericano o que alá soa como intolerábe aberración aquí aparece como unha brincadeira de escolares.

 En xeral todos os oligopolios mediáticos ofreceron unha versión distorsionada do ocorrido o día de onte, evitando coidadosamente falar de tentativa de golpe de estado. En lugar diso referíanse a unha "sublevación policial" o cal, de xeito evidente, converte os acontecementos do xoves nunha anécdota relativamente insignificante. É unha vella artería da dereita, sempre interesada en restar importancia ás tropelías que cometen os seus partidarios e a magnificar os erros ou problemas dos seus adversarios.

 Por iso vén ben lembrar as palabras pronunciadas este venres, á mañá, polo presidente Rafael Correa cando caracterizou o ocorrido como "conspiración" para perpetrar un "golpe de estado". Conspiración porque, como foi máis que evidente, houbo outros actores que manifestaron o seu apoio ao golpe en xestación: e logo non foron efectivos da Forza Aérea Ecuatoriana -e non da Policía Nacional- os que paralizaron o Aeroporto Internacional de Quito e o pequeno aeródromo utilizado para voos provinciais? E non houbo grupos políticos que saíron a apoiar os golpistas en rúas e prazas? Non foi o propio avogado do ex presidente Lucio Gutiérrez un dos energúmenos que tratou de entrar pola forza nas instalacións da Televisión Nacional do Ecuador? Non dixo seica o Alcalde de Guayaquil e gran rival do presidente Correa, Jaime Nebot, que se trataba dun conflito de poderes entre un personaxe autoritario e despótico, Correa, e un sector da policía, equivocado na súa metodoloxía pero a quen asistía a razón nas súas demandas? Esta falsa equidistancia entre as partes en conflito era unha indirecta confesión da súa compracencia ante os acontecementos en curso e do seu íntimo desexo de librarse do seu -até o de agora polo menos- inexpugnábel inimigo político.

 Para non falarmos da lamentábel involución do movemento “indíxena” Pachakutik, que no medio da crise fixo pública a súa convocatoria ao movemento indíxena, movementos sociais, organizacións políticas democráticas, a constituír unha soa fronte nacional para esixir a saída do Presidente Correa. “¡Sorpresas te da la vida!”, dicía Pedro Navaja; pero non hai tal sorpresa cando un toma nota das xenerosas achegas que a USAID e o National Endowment for Democracy viñeron facendo nos últimos anos para “empoderar” a cidadanía ecuatoriana a través dos seus partidos e movementos sociais.

 Conclusión: non foi un pequeno grupo illado dentro da policía quen intentou dar o golpe, senón un conxunto de actores sociais e políticos ao servizo da oligarquía local e o imperialismo, que endexamais lle van perdoar a Correa ordenar o desaloxo da base que Estados Unidos tiña en Manta, a auditoría da débeda externa do Ecuador e a súa incorporación ao ALBA, entre moitas outras causas.

 Incidentalmente, a policía ecuatoriana hai xa moitos anos que, do mesmo xeito que outras da rexión, vén sendo instruída e adestrada pola súa contraparte estadounidense. Incluirían algunha clase de educación cívica, ou sobre a necesaria subordinación das forzas armadas e policiais ao poder civil? Non parece. Máis ben, actualiza a necesidade de pór fin, sen máis dilacións, á “cooperación” entre as forzas de seguridade da maioría dos países latinoamericanos e as de Estados Unidos. Xa se sabe que é o que ensinan neses cursos.

 Por que fracasou o golpe de estado?

 Basicamente por tres razóns: en primeiro lugar, pola rápida e efectiva mobilización de amplos sectores da poboación ecuatoriana que, malia o perigo que existía, saíu a ocupar rúas e prazas para manifestar o seu apoio ao presidente Correa. Ocorreu o que sempre debe ocorrer en casos como estes: a defensa da orde constitucional é efectiva na medida en que é asumida directamente polo pobo, actuando como protagonista e non como simple espectador das loitas políticas do seu tempo. Sen esa presenza do pobo en rúas e prazas, cousa que advertira Maquiavelo hai cincocentos anos, non hai república que resista os embates dos persoeiros da vella orde. O armazón institucional por si só é incapaz de garantir a estabilidade do réxime democrático. As forzas da dereita son demasiado poderosas e dominan ese armazón desde hai séculos. Só a presenza activa, militante, do pobo nas rúas pode desbaratar os plans golpistas.

 En segundo lugar, o golpe puido ser detido porque a mobilización popular que se desenvolveu con gran celeridade dentro do Ecuador foi acompañada por unha rápida e contundente solidariedade internacional que se comezou a efectivizar ao que se tiveron as primeiras novas do golpe e que, entre outras cousas, precipitou a moi oportuna convocatoria dunha reunión urxente e extraordinaria da UNASUR en Bos Aires. O claro respaldo obtido por Correa dos gobernos sudamericanos e de varios europeos produciu efecto porque puxo en evidencia que o futuro dos golpistas, no caso de que os seus plans finalmente culminasen exitosamente, sería o ostracismo e o illamento político, económico e internacional. Demostrouse, unha vez máis, que a UNASUR funciona e é eficaz, e a crise puido resolverse, como antes a de Bolivia, en 2008, sen a intervención de intereses alleos a América do Sur.

 Terceiro, pero non último en importancia, pola valentía demostrada polo presidente Correa, que non deu brazo a torcer e que resistiu a pé firme o acoso e a reclusión de que fora obxecto a pesar de que era máis que evidente que a súa vida corría perigo e que, até o último momento, cando se retiraba do hospital, o seu automóbil foi tiroteado con claras intencións de pór fin á súa vida. Correa demostrou posuír o valor que se require para acometer con perspectivas de éxito as grandes empresas políticas. Se fraquease, se se acovardase, ou deixase entrever unha vontade de someterse ao designio dos seus captadores outro sería o resultado. A combinación destes tres factores: a mobilización popular interna, a solidariedade internacional e a valentía do presidente terminou por producir o illamento dos sediciosos, debilitando a súa forza e facilitando a operación de rescate efectuada polo Exército ecuatoriano.

 Pode volver ocorrer?

 Pode, si, porque os fundamentos do golpismo teñen profundas raíces nas sociedades latinoamericanas e na política exterior de Estados Unidos cara a esta parte do mundo. Se se repasa a historia recente dos nosos países compróbase que as tentativas golpistas tiveron lugar en Venezuela (2002), Bolivia (2008), Honduras (2009) e Ecuador (2010), é dicir, en catro países caracterizados por ser o fogar de significativos procesos de transformación económica e social e, ademais, por estar integrados na ALBA. Ningún goberno de dereita foi perturbado polo golpismo, cuxo signo político oligárquico e imperialista é inagochábel. Por iso o campión mundial da violación dos dereitos humanos, Álvaro Uribe, cos seus miles de desaparecidos, as súas fosas comúns, os seus “falsos positivos”, endexamais tivo que preocuparse por insurreccións militares na súa contra durante os oito anos do seu mandato. E é pouco probábel que os outros gobernos de dereita que hai na rexión vaian ser vítimas dunha tentativa golpista nos próximos anos.

 Das catro que houbo desde 2002 tres fracasaron e só unha, a perpetrada en Honduras en contra de Mel Zelaya, foi coroada exitosamente (1). O dato significativo é que a súa execución foi sorpresiva, no medio da noite, o cal impediu que a noticia se coñecese até a mañá seguinte e o pobo tivese tempo de saír a gañar rúas e prazas. Cando o fixo xa era tarde porque Zelaya fora desterrado. Ademais, neste caso a resposta internacional foi lenta e morna, carecendo da necesaria rapidez e contundencia que se puxo de manifesto no caso ecuatoriano. Lección a extraer: a rapidez da reacción democrática e popular é esencial para desactivar a secuencia de accións e procesos do golpismo, que de cando en cando é outra cousa que un entrelazamento de iniciativas que, a falta de obstáculos que se interpoñan no seu camiñose refprzan reciprocamente.

 Se a resposta popular non xorde de inmediato o proceso retroaliméntase, e cando se quere paralo xa é demasiado tarde. E o mesmo cabe dicir da solidariedade internacional, que para ser efectiva ten que ser inmediata e intransixente no seu defensa da orde política imperante. Afortunadamente, estas condicións déronse no caso ecuatoriano, e por iso a tentativa golpista fracasou. Pero non se hai que facer ilusións: a oligarquía e o imperialismo volverán intentar, se cadra por outras vías, derrubar os gobernos que non se dobregan ante os seus intereses.

 _________________________________________________________________

 Nota:

 (1) Os catro golpes de estado arriba sinalados corresponden a outros tantos países da ALBA. Habería que engadir o caso de Haití , que non se incluíu na nosa enumeración porque non estaba vinculado á ALBA. O 28 de febreiro do 2004 Jean-Bertrand Aristide foi secuestrado, tamén aaltas horas da noite, subido a un avión fretado polo goberno de Estados Unidos, forzado a presentar a súa renuncia e desterrado a un país africano. Como noutros casos, tamén en Haití houbo grandes manifestacións populares esixindo a reposición de Aristide na presidencia, pero todo foi en balde.

_________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 2 de outubro de 2010]

cig.prensa@galizacig.com