Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/10/2012

Co-voceiro da U.C. da CIG de Ferrol.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Rolda de prensa da CIG do metal de Ferrol (con Manel Grandal no uso da palabra).

: feijoo : : Galiza : : naval : : Navantia : : Pemex :
Navantia en campaña electoral

Despois de 33 anos no que hoxe é Navantia, nunca asistín a unha utilización política tan burda da nosa empresa. Era certo, e ademais levado ao último extremo, o que o presidente de SEPI nos manifestou na primeira e única xuntanza que mantivemos con el: “SON UN ANIMAL POLÍTICO”, manifestándonos incluso que os contratos que puidesen vir anunciaríaos o Sr Feijoo; xulgade vós.

 Dende logo os traballadores saudamos e saudaremos todo o traballo que veña para a nosa empresa e para  a comarca. Agora ben, non é de recibo que se nos trate nin a nós nin á cidadanía desta comarca que sabe o que é facer un barco como ignorantes, e menos creando falsa expectativas.

 Deixando isto moi claro, e porque queremos iso, ter contratos, o único que fixemos no tema do tan cacarexado contrato de PEMEX, foi pedir explicacións: ver o contrato como un dereito que temos; mais a día de hoxe nin a nós nin ao Parlamento se nos facilitou. Pero se algo queda demostrado é que nós non mentimos, senon que sacamos a luz pública única e exclusivamente a verdade, ratificada por PEMEX, e asumida pola mesma Navantia: “O CONTRATO AÍNDA TEN QUE APROBARSE NO CONSELLO DE ADMINISTRACION DE PEMEX”.

 Pero como seguen a teimar na ocupación que dará na comarca, só vos pido, queridos/as cidadáns, que fagades a conta, e ademais, a máis favorable, se o barco supón 1.500.000 horas de traballo, como máximo, (datos de Navantia), imos ver, primeiro Feijoo dixo que crearía 1.500 postos de trabllo, e agora o Presidente de Navantia 2.000. A conta é moi fácil, se a nosa xornada é de 1.700 horas, pola súa conta saen 102 millóns de horas, ou sexa, máis de seis barcos. A gran mágoa disto é que sexa non só Feijoo senón o propio Presidente da compañía, que entrando en campaña electoral faga estas afirmacións, antepoñendo os intereses do seu partido á verdade. Nun país medianamente normal sería obrigado a dimitir, e eu reafírmome en que ten que facelo.

 E agora o dique flotante. Dinnos dende Madrid que non é necesario; é normal, pois xa foi dende Madrid e coa conivencia da Xunta dende onde venderon o Sector Naval Galego, e non teñen interese ningún en recuperalo.

 E unha vez máis usando a mentira e poñendo trabas, foron o propio Feijoo, Guerra e o propio alcalde (este ata a semana pasada aínda o mantiña) os que non só avalaron senón que se comprometeron coa construción do dique. Esta ferramenta de traballo, demandada dende hai máis dunha década -non ocorrencia dun día-, é máis que necesaria se queremos seguir e acceder a novos contratos no mercado de reparacións. Outra lectura e que pretendan deixarnos morrer por inanición.

 Eu fágome unha pregunta en alto: por que en Francia e en todo Europa se aposta por este mercado e en Galiza non. Só un exemplo, acaban de contratar nun estaleiro de Brest dous buques que habitualmente reparaban en Ferrol, e nun estaleiro que, curiosamente, ampliou o seu dique con financiamento da Unión Europea do 25%, do Goberno francés un 20,63%, un 16,57% do Goberno rexional,  un 16,87% do Departamento e un 20,63% da cámara de Brest. É que os franceses  son parvos e estan por tirar os cartos, ou é que en boa lóxica apostan por non perder o tren do futuro nas reparacións.

 Menos confusión, e máis traballo para apuntalar o futuro da compañía. É o mínimo que Ferrolterra e Galiza merecen.

 

[Ferrol, 4 de outubro de 2012]

 

cig.prensa@galizacig.com