Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/3/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Estado español: O ataque ás Caixas

Pagaría a pena explorar, con imaxinativas fórmulas económico-xurídicas, unha profunda operación de saneamento e refundación que aproveitase con equidade e eficiencia a infraestrutura, experiencia e redes operativas que as Caixas ofrecían para establecer unha potente banca pública.

 Hai meses que se presentan as Caixas de aforros como os entes financeiros cuns problemas de difícil resolución porque, disque, a peculiar composición da súa propiedade e a politización e falta de profesionalización dos seus órganos xestores fan moito máis arduo reunir os fondos necesarios para resolvelos. Pero a súa delicada situación lastra a avaliación dos mercados do sistema financeiro español, polo que se propón a súa reestruturación e recapitalización.

 Realízase un diagnóstico que destaca só un tipo de problemas e presenta unha única vía para o seu tratamento. Prepárase á opinión pública e chégase á única conclusión posíbel, pola que xa se optou: a privatización.

 Utilízase a imaxe das Caixas como unha unidade indivisíbel. Pero nin todas son iguais nin os seus problemas son da mesma urxencia e magnitude. Co Sistema Institucional de Protección (SIP) algunhas Caixas están logrando unha mellora da súa situación. E hai Caixas de aforros que continúan sendo aínda potentes entidades. “O valor económico das Caixas excede en moito aos posíbeis custos de saneamento e reestruturación das mesmas, e hai que o facer visíbel” (Santiago Carbó, El País, 09-01-2011).

 Se todas as Caixas non están na mesma situación, por que non é posíbel que algunhas reestruturen as súas débedas e outras se afundan? Se as empresas creban, por que non un ente financeiro? Onde esta o risco que din xustifica os beneficios? Sanear a fondo o sistema financeiro podería mesmo ser moi útil para mellorar a credibilidade do país ante os mercados.

 As Caixas poderían ser tratadas con procedementos adaptados a cada unha delas. Así mesmo, pagaría a pena explorar, con imaxinativas fórmulas económico-xurídicas, unha profunda operación de saneamento e refundación que aproveitase con equidade e eficiencia a infraestrutura, experiencia e redes operativas que as Caixas ofrecían para establecer unha potente banca pública. Por que esta reticencia a pensar niso cando o sistema das Caixas a facilitou? Por outra banda, nalgunhas entidades, por que non se mellora o cociente de core capital mediante a diminución de capital?

 Parece, ademais, que os problemas máis urxentes da Caixas non son tanto os de facer fronte aos seus acredores, senón os de cubrir os cocientes de core capital e nos prazos que impón o decreto do 18 de febreiro, co que se sitúa ás Caixas en dificilísimas situacións inmediatas. É dicir, a vacina pode matar o doente. Por que aumentar e anticiparse ás esixencias de Bruxelas?

 A recapitalización esixe a privatización? Adúcese sempre que o sector público non ten fondos e ten que se recorrer ao sector privado. As informacións sobre o capital necesario son tan dispares -oscilan entre 20.000 e 80.000 millóns de euros, aínda ignorando as últimas cifras do Servizo de Estudos do BBVA, que o avalía entre 13.000 e 17.000 millóns soamente- que é difícil pronunciarse. Pero a Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA) -certo que non é neutral- sinala que coas fórmulas da actual lei e os recursos do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) sería suficiente para efectuar a recapitalización necesaria.

 O Goberno, que non escatimou acudir ao rescate dos bancos -case 20.000 millóns de euros co Fondo de Adquisición de Activos Financeiros (FAAF), a posibilidade de recorrer ao FROB até 99.000 millóns e a provisión de amplos avais- e que se responsabilizou de facto da súa débeda privada externa, por que considera que contribuír a recapitalizar directamente as Caixas non é unha opción? Cunha estratexia máis individualizada, escalada e acougada, seguro que o sector público non pode dispor dos fondos necesarios?

 Existen algunhas razóns non publicitadas para forzar agora a privatización? A banca alemá ten riscos moi elevados nas Caixas españolas. Non serán tales intereses os que reforzan este preciso modelo e tempo de saneamento?

 Parece difícil que as Caixas convenzan os investidores privados para que lles presten diñeiro. Cos mercados de crédito actuais, non se poden ignorar as consecuencias para a dispoñibilidade e o prezo de capitais se as Caixas e os bancos saen ao mercado para recapitalizarse ao mesmo tempo. Así mesmo, parece que o capital privado non ten présa en tomar posicións como accionista respecto das Caixas, senón que espera a que o FROB as sanee para compralas despois. É probable que sexan os fondos públicos os que as rescaten para pasalas despois a prezos moi favorábeis ao capital privado A non ser que se pretenda que os xa en alerta fondos de capital risco -son os investidores máis convenientes?- compren algunhas Caixas a prezos de saldo para adelgazalas brutalmente e revendelas despois. É este o futuro que se desexa para a metade do sistema financeiro español?

 Está claro que non se ten interese en ningunha outra vía que non sexa a privatización. O sistema financeiro español beneficiouse moito dun saneamento e refundación das Caixas baixo unha estrutura pública en lugar de ofrecer toda a súa experiencia histórica, os seus recursos e o patrimonio acumulado ao sector privado, que logra diminuír a competencia e obter estimulantes perspectivas de negocios futuros a bo prezo. Unha operación redonda para a banca.

 Para entender que pasa coas Caixas ten que de inverter a percepción do proceso: a privatización non é a solución do problema, senón un obxectivo desexado desde hai tempo que se vai lograr presentando o tema das Caixas dunha forma determinada e propondo unha única solución. Outra volta, unha verdade a medias “as Caixas teñen problemas” dán en utilizarse para unha solución á medida dos poderes fácticos: a privatización. Se cadra nalgún momento no futuro poderán esixirse responsabilidades por estas propostas.

 

[Artigo tirado do xornal ‘Público’, do 28 de febreiro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com