Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/4/2011

Licenciado en dereito, é membro do Gabinete Técnico da CIG. Ademais, representa a central sindical nacionalista no Consello Económico e Social no Estado español, na Comisión Consultiva de Convenios Colectivos e no Comité de Seguimento do Fondo Social Europeo.

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Descolgue salarial e negociación colectiva

No mundo da empresa a globalización é unha realidade tendencial que determina a competitividade, a organización dos recursos e as formas de producir. Pero o certo é que a maioría das empresas –e do emprego- compiten directamente nun mercado local, máis ou menos amplo, e non no mercado global.

 Desde o prisma laboral, os convenios provinciais veñen a establecer uns salarios e condicións de traballo homoxéneas, unha regulación básica que todas as empresas afectadas deben cumprir e respectar.

 Pero coa lei 35/2010, da reforma laboral, iso mudou radicalmente. Agora a empresa, ante unha situación de crise, con perdas reais ou previstas e independentemente do que diga o convenio, pode modificar á baixa os salarios, as condicións substanciais de traballo, como por exemplo a distribución da xornada, ou recorrer á mobilidade xeográfica.

 Deste xeito o empresario, con acordo ou mesmo sen el, ten posibilidade de establecer unhas condicións á carta, saltando o disposto no convenio de ámbito superior e facendo bascular a negociación colectiva deica a empresa, un espazo acoutado onde o seu poder é máis omnipresente.

 Especialmente significativa é a regulación do descolgue salarial eliminando o papel da Comisión Paritaria ou Comisión Mixta para facilitar a inaplicación salarial do convenio de aplicación. Con iso altérase o dereito á negociación colectiva así como o sistema de fontes da relación laboral para producir efectos perversos na competencia empresarial.

 Pensemos, por exemplo, nun convenio provincial do metal. Unha pequena ou mediana empresa que circunstancialmente vai mal, ou simplemente peor, por mor da crise, chega a un acordo cos representantes de persoal para inaplicar o convenio e rebaixar os salarios. Inmediatamente entra en competencia con outras empresas probabelmente máis eficientes, que de momento están aguantando o tirón pero que se verán forzadas a rebaixar custos, probabelmente utilizando despedimentos que despois da reforma son máis fáciles, rápidos e baratos. O emprego que teoricamente se mantén nunha empresa pérdese noutras da competencia, establecéndose unha dinámica perversa en base á rebaixa dos salarios, das condicións de traballo e da perda de postos de traballo. Non estamos ante ganancias nin ante mantemento do emprego, senón ante o famoso “traballar máis para gañar menos”.

 O mercado, neste caso o mercado laboral, desregúlase e desestrutúrase; ábrese así a vía á incerteza nos custos laborais coa creba da regulación básica do convenio.

 Pero para manter a competitividade e a calidade na produción ou na prestación de servizos, a determinadas persoas, con oficios demandados e escasos, non se lles pode baixar o salario nin desmotivalos con condicións abusivas, porque atoparían traballo na competencia. Hai que chegar pois a acordos individuais diferentes do acordo colectivo de empresa.

 Entón, o que provoca a desregulación vía descolgue e/ou modificación das condicións de traballo, é un aumento das desigualdades laborais. Maior desigualdades entre unhas empresas e outras dentro do mesmo convenio e tamén, dentro da mesma empresa, entre oficios e categorías.

 Nada disto ten que ver coa creación de emprego, nin co seu mantemento, que dependen fundamentalmente das condicións globais e especulativas, alleas totalmente á economía produtiva, pero si ten o efecto e corolario de quitarlle salario, descanso e estabilidade ás persoas asalariadas, especialmente ás menos cualificadas, que por outra parte son maioría no noso sistema produtivo.

 Por outra parte, complica e desestabiliza as empresas, principalmente ás pequenas, que ata o de agora non se tiñan que complicar a vida nin asumir os custos que toda negociación empresarial comporta, porque tiñan un marco regulador aceptable e homoxéneo no convenio provincial ou noutro convenio de aplicación de ámbito superior. As empresas seguirán utilizando o despedimento como instrumento principal de axuste, pero complementariamente tamén empezarán a ver o descolgue salarial como unha ferramenta interesante para manter ou mesmo aumentar as rendas empresariais e nese camiño atoparán múltiples profesionais e xestores dispostos a asesoralos, dentro e fóra da organización empresarial.

 Por iso é necesario que, para evitar a xeneralización antisocial do descolgue, no convenio correspondente –provincial ou de ámbito superior-, se estableza o procedemento ante unha situación extraordinaria de inaplicación do mesmo, de forma que sexa a Comisión Mixta ou Paritaria a que interveña neste casos, analizando rigorosamente as xustificacións que a empresa estea obrigada a proporcionar segundo se estableza nese procedemento e ofrecendo mecanismos de conciliación e solución do conflito.

 Traballar máis para gañar menos, unha dinámica perversa desde o punto de vista da produtividade e da responsabilidade social. Mentres se fala do cambio de modelo produtivo e da necesidade de formación a todos os niveis, foméntase a desregulación para que a crise a paguen os de sempre. E ollo, que a cousa pode ser peor cando os “lexisladores sociais” ( CEOE, CCOO e UGT), obsesionados pola centralización e fortalecemento do seu poder burocrático e institucional, asinen a próxima reforma da negociación colectiva, para pórlle así o broche de ouro á súa actuación en contra da clase traballadora.

 

[Vigo, 4 de abril de 2011]

cig.prensa@galizacig.com