Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/5/2009
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Control social total

Unha das perversións da actual sociedade de control é desexar converter os cidadáns, á vez, en vixiados e en vixiantes. Cada un debe espiar os demais, á vez que é el mesmo espiado. Ou sexa, nun marco democrático no que cada individuo está convencido de vivir na maior liberdade, a realización do obxectivo represivo máximo das sociedades totalitarias.

"Sempre eses ollos que miraban, vixiantes, no traballo ou comendo, en casa ou na rúa, no baño ou na habitación, en vixilia ou no soño: non había privacidade posíbel" (George Orwell, 1984).

Xa ninguén dubida de que estamos todos vixiados, observados e fichados. No paseo, no mercado, no autobús, no banco, no metro, no estadio, no aparcadoiro, nas estradas... alguén está a mirar para nós polo ollo das novas fechaduras dixitais.

Múltiples mallas de vixilancia nos acosan por todo o planeta, a ollada penetrante dos satélites dan en perseguirnos desde o espazo, as pupilas silenciosas das cámaras contrólannos polas rúas, o sistema Echelon (1) inspecciona as nosas comunicacións, e os chips RFID (2) revelan o noso perfil de consumidor. Cada uso do computador, de Internet (Google, YouTube, MySpace...) ou do cartón de crédito deixa pegadas indelebles que delatan a nosa identidade, a nosa personalidade, as nosas inclinacións. Cumpriuse o vello receo de George Orwell que nos pareceu, durante tanto tempo, utópico ou excesivamente paranoico (3).

Rachou o necesario equilibrio entre liberdade e seguridade. Coa intención de protexer o conxunto da sociedade, as autoridades, nas nosas modernas democracias, tenden hoxe a ver en cada cidadán a un virtual maleante. A guerra sen cuartel contra o terrorismo -preocupación dominante no último decenio- procurou unha impecábel coartada moral e favoreceu a acumulación dun impresionante arsenal legal (4) que está permitindo levar a cabo o proxecto de control social integral. Os "progresos" tecnolóxicos (informático e dixital) tamén axudaron e as autoridades teñen cada vez mellores ferramentas para a vixilancia electrónica.

"Haberá menos privacidade, menos intimidade, pero maior seguridade", dinnos. E no nome dese novo imperativo categórico, instalouse de xeito progresivo e indoloro, un réxime de dominación que podemos cualificar de "sociedade de control". Coa particularidade de que -a diferenza das precedentes "sociedades disciplinarias" que confinaban os rebeldes ou descarriados en lugares pechados (cárcere, reformatorio, manicomio)-, a sociedade de control encerra os sospeitosos (ou sexa, a case todos os cidadáns) ao aire libre e mantenos baixo axexo constante. Ás veces, mediante os aparellos-chivatos que libremente eles mesmos adquiriron: computadores, teléfonos móbiles e outros dispositivos informáticos (cartón de crédito, axenda electrónica tipo Palm, billetes de transporte, GPS, etc.). E outras veces, grazas ao uso de sistemas discretos e emboscados que enxergan os movementos de cada persoa, como os radares de estradas ou as cámaras de videovixilancia (5).

Estas multiplicáronse até tal punto que, no Reino Unido, por exemplo, onde se instalaron máis de catro millóns delas (unha por cada quince habitantes), unha persoa pode ser filmada até 300 veces ao día... As novas cámaras Gigapan, de ultra alta resolución (máis de mil millóns de píxeles) permiten, nunha soa imaxe e por un vertixinoso efecto de zoom, a fichaxe biométrica do rostro de cada un dos millares de espectadores presentes nun estadio, nunha manifestación ou nun mitin político (6).

Aínda que os estudos serios demostran a pouca eficacia da videovixilancia, a confianza nesta tecnoloxía segue en aumento. Aproveitando a paranoia antiterrorista que eles mesmos crearon, algúns gobernos constituíron batallóns de confidentes voluntarios civís que informan do que oen e ven ás autoridades. O Departamento de Xustiza de Estados Unidos lanzou en 2002, baixo a presidencia de George W. Bush, a Operation Tips (Operación Sopros) para converter en confidentes a máis dun millón de traballadores cuxa particularidade era a de entrar nos fogares da xente (fontaneiros, antenistas, albaneis, electricistas, xardineiros), que debían chamar a un número de teléfono da policía se notaban algo sospeitoso.

Pasar dunha sociedade informada a unha de informantes é o proxecto que acaba de lanzar a Asociación de Xerifs de fronteira de Texas (Texas Border Sheriff’s Coalition ) que colocou quince cámaras de videovixilancia ao longo da fronteira con México en puntos illados e estratéxicos. As cámaras están conectadas a Internet (www.blueservo.net) e cada cidadán, a través do mundo, instalado na súa casa fronte ao seu computador, pode espiar as áreas desérticas texanas ou as ribeiras do Río Grande. Se ve pasar algún emigrante clandestino pode denuncialo cun simple correo electrónico. Preto de trinta millóns de individuos, de diversos países, xa aceptaron a función de confidente voluntario da policía de Texas para loitar contra a inmigración clandestina. É fácil de imaxinar que, coa agravación da crise económica actual e o brutal aumento da xenofobia, se se instalase en Europa, ao longo das costas do Mediterráneo, un sistema semellante de cámaras de vixilancia, o número de espías civís voluntarios sería sen dúbida importante.

É unha das perversións da actual sociedade de control: desexa converter os cidadáns, á vez, en vixiados e en vixiantes. Cada un debe espiar os demais, á vez que é el mesmo espiado. Ou sexa, nun marco democrático no que cada individuo está convencido de vivir na maior liberdade, a realización do obxectivo represivo máximo das sociedades totalitarias.

_______________________________________________________________________

Notas:

(1) Sistema de espionaxe planetaria das chamadas telefónicas e do correo electrónico, dependente da Axencia de Seguridade Nacional estadounidense (NSA, polas súas siglas en inglés).

(2) Identificación por radiofrecuencia.

(3) Orwell concibiuno, en 1948, para denunciar a sociedade estalinista, en contraste co Occidente "de democracia e liberdade".

(4) A Lei de Videovixilancia aprobada en 1997 permitiu, no Estado español, a instalación en lugares públicos de cámaras de vixilancia "para velar pola seguridade cidadá". Un dos aspectos máis criticados desta Lei é que a maioría dos cidadáns ignora que están sendo filmados, algo que vulnera a Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) de 1999.

(5) Léase Armand Mattelart, Un Mundo vigilado, Paidós, Barcelona, 2009.

(6) Véxase, por exemplo, a imaxe da toma de posesión do Presidente Barack H. Obama: http://gigapan.org/viewGigapanFullscreen.php?auth=033ef14483ee899496648c...

Léase tamén, Carlos Martínez, "Todos fichados", Rebelión , 30 de marzo de 2009.

_______________________________________________________________________

Notas:

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 163, maio de 2009]

cig.prensa@galizacig.com