
Nado en 1946 (Seoane-Allariz), foi secretario xeral da central sindical nacionalista INTG e membro da Executiva confederal da CIG até o ano 2009.
Na actualidade, é director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza, vinculada á CIG.
Malia que aínda non se divulgaron polo miúdo cales van ser todas as medidas que o Governo de Grecia vai tomar pra cumprir coas condicións que lle esixe a Unión Europea e o Fundo Monetario Internacional, todo reflicte que serán tremendamente duras coas clases populares.
Coméntase que este ano o país debe reducir o déficit en 30 mil millóns de euros ao ano, aumentando a recadación fiscal e diminuíndo os gastos públicos. Fálase dun IVE do 23% e dos impostos especiais, de rebaixar os salarios dos traballadores públicos e do despedimento duns 200.000, así como de rebaixar as pensións.
Resulta significativo que mentres se aplican estas duras medidas de axuste, que atinxen fundamentalmente aos sectores máis febles da sociedade, está comprometido un paquete de 15 mil millóns de euros pra apoiar ao sistema bancario. Como compensación, seica vaise aprobar un imposto sobre as grandes fortunas, con escaso peso no conxunto de medidas decididas polo governo de Papandreu, máxime tendo en conta o enorme fraude fiscal.
Os meios de comunicación indican que o préstamo, pra facer fronte as débedas, atinxirá os 110.000 millóns de euros nos vindeiros tres anos, cunha primeira entrega de 60.000 millóns (cuns xuros moi elevados, un novo atranco pra recuperación). En todo caso falamos de moito diñeiro, o que amosa o rápido que se están deteriorando as contas públicas, por mor da crise sistémica.
Por máis que desde Bruxelas se teime en que Grecia é unha excepción, e presenten aos helenos como uns corruptos, que desaproveitaron as axudas europeas e viviron por riba das súas posibilidades, pode que o andazo se estenda a outros estados (Portugal? Irlanda?...) que teñen dificultades semellantes. Dentro da Unión Europea non son só algúns países da zona euro os que teñen graves problemas. Neste intre a situación económica e social é moi difícil en Letonia e Estonia, porén tamén en Hungría, Romanía e Bulgaria.
Sen lugar a dúbidas podemos afirmar que estoupou en poucos anos o espellismo de pensar que se ían a converter en réplicas das prósperas Suecia, Finlandia ou Dinamarca. Non foi máis que unha ilusión óptica, moi explotada politicamente no seu día polas novas clases dirixentes e a burocracia da Unión Europea. Convén non esquecer as promesas de xeración de emprego e aumento do nivel de vida que se lle fixeron á povoación, e a demonización de calquera resistencia a unha integración que se apresentaba como resposta a todos os males.
Porén, indo ao tema grego. Moitos analistas e dirixentes políticos e sociais din que as medidas impostas polo FMI e Bruxelas non van resolver os problemas económicos do país, senón que mesmo poden agravalos reducindo o consumo, dando folgos á recesión. Este é un dos escenarios posíbeis, como xa aceptan pra os dous vindeiros anos os expertos, e posteriormente dan un moderado ascenso da economía. Agora ben, resulta difícil pensar nun futuro tan optimista, máxime cando voltan con forza a especulación financeira, as burbullas económicas, e todo indica que van medrar as diferencias sociais e territoriais. Non é polo tanto un contexto axeitado pra que se recuperen os estados máis débiles.
Debemos ter en consideración que Grecia é o elo máis débil da Unión Europea, porén ademais non se pode esquecer que ten un movemento sindical moi mobilizado e combativo. Hai no país heleno manifestacións cotiás, e mesmo pra este mércores convocouse unha nova folga xeral. A aplicación das medidas de axuste terá polo tanto moita contestación popular e, de manterse no tempo, poden chegar a mudar a correlación de forzas, cuestionando a hexemonía electoral dos dous principais partidos nos que se apoia o sistema, o PASOK e máis a Nova Democracia. Dentro da gravidade, este sería un aspecto positivo a medio prazo, pra abrir camiño a alternativas máis xustas.
[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 4 de maio de 2010]