marco
4/6/2009
Secretario confederal de Formación Sindical e Comunicación da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Burguesías nacionais

Nos países dependentes, neocoloniais e coloniais, a crise da globalización neoliberal e o medre das prácticas protecionistas pode alentar máis unha vez a ilusión de gañar a unha parte da burguesía pra apoiar políticas que aposten polo mercado de consumo interno, o que revalorizaría o nacional e sería un atallo pra mudar a correlación de forzas...

Nunha análise realizada hai uns anos o pensador exipcio marxista Samir Amin reducía as burguesías nacionais exclusivamente as potencias mundiais, ou sexa, Estados Unidos, Xapón e máis a Unión Europea (engado eu: neste último caso son os grandes estados dentro dela, como Alemaña, Francia e o Reino Unido, porén tamén Italia e o Estado español). A estas potencias hexemónicas sumaba en función dos acontecementos futuros a China e Rusia. A súa apreciación era moi correcta, aínda que lle faltaban India e Brasil, o que hoxe se chama o BRIC, e que son denominadas potencias emerxentes e recoñecidas como tais polos estados imperialistas dominantes, non sen disputa, aínda que esta varia segundo a nación emerxente. Ao BRIC poderíaselle engadir algún país máis, como Irán.

Evidentemente non hai nación sen unha burguesía local, porén na enorme maioría dos casos non teñen nen peso cuantitativo nen cualitativo, e carecen de expresión política abondo, polo tanto son incapaces de disputar o poder e moito menos de facerse con el. Hoxe en todas as nacións neocoloniais e dependentes, a burguesía abrazou a globalización neoliberal ou é submisa a ela, é dicir: acepta a hexemonía e os ditados das grandes potencias e das clases dominantes, esperando tirar tallada das vantaxes que isto lles pode reportar ao poder acceder a mercados periféricos máis dependentes (materias primas, consumo e man de obra barata), e a unha maior desregulación do mercado laboral (temporalidade, emigración masiva, baixos salarios, ritmos de traballo máis intensos, etcétera).

O derradeiro intento serio, mesmo serodio, de que en cada estado-nación houbese unha burguesía nacional como expresión dun marco territorial regulado pola soberanía nacional, foi o período posterior á Segunda Guerra Mundial, cando o enfrontamento entre as potencias imperialistas deixounas exhaustas, e xurdiu o Bloque Socialista como unha forza alternativa. Esta etapa corresponde coa da descolonización en África e Asia, e xurden unha xeira de réximes nacionalistas con forte presenza popular, especialmente na América Latina. Lembremos a Perón na Arxentina, Getúlio Vargas en Brasil e Lázaro Cárdenas en México, que son os máis coñecidos. Aínda que estes governos non son todos iguais o peronismo ou justicialismo na Arxentina expresa nidiamente esta corrente ideolóxica e política, fondamente antiimperialista que tiña como lema ‘nen capitalistas nen marxistas, peronistas’.

Todo intento posterior por parte de diversos movementos políticos de dar pulo ao medre dunha burguesía nacional e consolidar un capitalismo autóctono (unha redistribución mundial da riqueza) co apoio e submisión das clases populares, especialmente da clase traballadora, resultou un fracaso. Governos como os de Kirchner e Cristina Fernández na Arxentina, que erguen as bandeiras da revolución produtiva e o capitalismo nacional, teñen os seus principais antagonistas nos sectores aos que pretenden beneficiar, polo que fundamentalmente o proxecto apoiase nas clases populares esmagadas pola globalización neoliberal e orfas dunha proposta propia. Como lle aconteceu a Perón na década dos 40, defenden e apoian a unha fración da burguesía que despois engorda ás forzas do modelo dominante a nivel mundial. Nos países dependentes, neocoloniais e coloniais, a crise da globalización neoliberal e o medre das prácticas protecionistas pode alentar máis unha vez a ilusión de gañar a unha parte da burguesía pra apoiar políticas que aposten polo mercado de consumo interno, o que revalorizaría o nacional e sería un atallo pra mudar a correlación de forzas. Porén isto semella pouco doado neste contexto no que ten unha gran forza o ideolóxico (e a alienación, xa que as clases dominantes son hexemónicas na formación e información, malia a deslexitimación do modelo).

Priman na vivencia cotiá da grande maioría dos empresarios os criterios de acadar maiores taxas de gañancia aumentando a eficacia e rebaixando custes salariais, e non a disputa das taxas de lucros cos grandes grupos económicos, que levan décadas concentrando e centralizando riqueza e poder, tanto en prexuízo das clases populares como tamén das burguesías locais. Polo que é unha excepción que ao abeiro das burguesías nacionais sexa posíbel unha mudanza cualitativa.

[Artigo tirado do xornal ‘La Región’, do 2 de xuño de 2009]