Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: banca : : Bankia : : crise : : Estado español :
O fracaso da política bancaria no Estado español

O sucedido durante estas semanas con Bankia, a dialéctica xurdida entre o BCE e o Goberno Español e a dimisión do Gobernador do Banco de España son claros síntomas dunha realidade de fondo cada vez máis evidente: o fracaso da política bancaria española no contexto das políticas anticrise. A crise do sector bancario tivo algunhas características específicas no Estado español. É rechamante a gran importancia que o sobreinvestimento no sector inmobiliario tivo nos balances das entidades financeiras. Os activos tóxicos teñen no Estado español un peso do sector inmobiliario netamente superior ao doutros países.

 Outra característica é a máis que sorprendente crise das caixas de aforros. Noutros países, as caixas de aforros, ao realizaren menores investimentos nos mercados de capitais e permaneceren máis comprometidas co seu contorno natural, enfrontáronse á crise desde unha posición máis fortalecida que a banca privada. No Estado español, ao contrario, como consecuencia en parte de problemas de desenfoque estratéxico e de corrupción, pero fundamentalmente, polo maior peso dos seus investimentos no sector inmobiliario, as caixas atopáronse nunha situación máis deteriorada á hora de afrontar a crise.

As políticas bancarias anti-crise poden analizarse en función das estratexias deseñadas para facer fronte aos activos tóxicos. É de salientar neste sentido que un dos obxectivos básicos das políticas bancarias é reducir o peso dos activos tóxicos e illalos. Diversas estratexias poden darse para impedir que os activos tóxicos freen a reactivación do crédito produtivo.

 Con frecuencia, inténtanse concentrar os activos tóxicos nunha ou varias entidades, situando os activos non tóxicos nas restantes. Desta forma, conséguese un duplo obxectivo: Unha xestión máis focalizada dos activos tóxicos, para unha liquidación eficiente e ordenada destes e recuperar con maior facilidade a confianza nas restantes entidades financeiras, facilitando a reactivación do crédito produtivo que é un dos obxectivos das políticas anticrise.

 É curioso que as políticas desenvolvidas no Estado español durante os anos de crises actúen, na práctica, en dirección contraria. A través do que se denominou como «política de consolidación bancaria», as entidades con maior carga de activos tóxicos fusionáronse ou integráronse noutras entidades.

 Ante a opinión pública, tratábase supostamente de crear entidades máis grandes e eficientes. O certo é que, fóra do Estado, ninguén entendía o que estaba sucedendo. Nin por que o Estado español liquidaba un activo social e económico tan esencial como as caixas de aforros, nin por que se abordaba como estratexia anticrise unha política de «consolidación» incomprensíbel.

 O certo é que non había ningún problema coa dimensión das entidades financeiras. Nin existía ningún tipo de argumentación que permitise xustificar que estas, como consecuencia das operacións de fusión, alcanzasen unha maior eficiencia.

 En realidade, o efecto destas políticas bancarias non era outro máis que atrasar o estalido de posíbeis crises en entidades concretas e aumentar a dimensión do problema. As crises de pequenas entidades transformáronse en crises de entidades de tamaño medio e agora, no 2012, estanse manifestando, a través de casos como o de Bankia.

 É dicir, pouco se fixo no Estado español para reducir o peso dos activos tóxicos en mans das entidades financeiras. Pouco se fixo para «illar» os activos tóxicos en determinadas entidades que puidesen despois necesitar unha reestruturación específica ou para intentar salvar o tecido de caixas, intentando segregar os masivos investimentos fóra do seu contorno natural ou en determinados activos especulativos acumulados na última década.

 As caixas españolas funcionaron eficientemente durante 90 anos, antes de que, como consecuencia das desviacións estratéxicas destas e do absurdo cuestionamento do seu status tradicional, se estendesen de forma sistemática fóra do seu contorno natural e en operacións de risco e de dimensións que fosen inaceptábeis dentro da tradicional cultura de prudencia das caixas.

 O fundamental é que, coas caixas de aforros, o Estado español perdeu un activo esencial para o futuro desenvolvemento produtivo, para os investimentos de autónomos e pemes e para o desenvolvemento local e rexional. Como consecuencia destas políticas, o sector bancario está alcanzando uns niveis de concentración inhabituais nos países occidentais, máis propios de países en vías de desenvolvemento e que xerarán problemas de competencia e de xestión política deste sector. Á vez, a dimensión das entidades en situación crítica incrementouse substancialmente, convertendo en «sistémica» calquera crise bancaria.

 En síntese: Se fóra do Estado ninguén entendía as políticas bancarias anticrise, agora podemos dicir aínda máis claramente que dificilmente se podía ter feito peor. Especulouse moito sobre as verdadeiras razóns latentes detrás desta «política de consolidación» ou sobre os posíbeis intereses particulares existentes.

 O importante agora é que a dimisión do Gobernador do Banco de España sexa realmente o detonante para novas estratexias, máis comprometidas cunha reestruturación do sector bancario dirixida a asegurar a reactivación do crédito produtivo e a preparar as bases dun futuro sistema financeiro plural, diversificado e comprometido co tecido produtivo.

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 4 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com