Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/7/2011
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Escravos en Europa

Dous séculos despois da abolición da escravitude, regresa unha práctica abominábel: a trata de persoas. A Organización Internacional do Traballo (OIT) estima que 12,3 millóns de persoas no mundo se ven sometidas, por redes ligadas á criminalidade internacional, á explotación da súa forza de traballo en contra da súa vontade e en condicións inhumanas.

 Tratándose de mulleres, a maioría son vítimas de explotación sexual mentres moitas outras son especificamente explotadas no servizo doméstico. Tamén se dá o caso de persoas novas e en bo estado de saúde que, baixo diversos enganos, son privadas da súa liberdade co fin de que partes dos seus corpos alimenten o tráfico ilegal de órganos humanos.

 Mais a trata estase estendendo cada vez máis á captura de persoas que sofren explotación da súa forza de traballo en sectores da produción moi necesitados de man de obra barata como a hostalaría, a restauración, a agricultura e a construción.

 A ese tema preciso, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) dedicou en Viena, os días 20 e 21 de xuño pasado, unha Conferencia internacional coa participación de autoridades políticas, organismos internacionais, ONG e recoñecidos expertos (1).

 Aínda que o fenómeno é mundial, varios especialistas subliñaron que a praga do traballo escravo está aumentando imparabelmente no seo mesmo da Unión Europea. O número de casos revelados pola prensa, cada vez máis numerosos, só constitúen a punta do iceberg. As organizacións sindicais e as ONG estiman que hai en Europa centenares de miles de traballadores sometidos á execración da escravitude (2).

 No Estado español, en Francia, en Italia, nos Países Baixos, no Reino Unido e noutros países da UE, numerosos migrantes estranxeiros, atraídos pola miraxe europea, acaban atrapados nas redes de mafias que os obrigan a traballar en condicións semellantes ás da escravitude de outrora. Un informe da OIT revelou que, ao sur de Nápoles, por exemplo, uns 1.200 braceiros extracomunitarios traballaban 12 horas diarias en invernadoiros e outras instalacións agrícolas sen contrato de traballo e por soldos miserábeis. Vivían confinados en condicións propias dun campo de concentración, vixiados militarmente por milicias privadas.

 Este “campo de traballo” non é o único en Europa. Descubriuse, por exemplo, noutra rexión italiana, a centenares de migrantes polacos explotados do mesmo xeito, ás veces até a morte, esencialmente para a recollida de tomates. Confiscáraselles a súa documentación. Sobrevivían subalimentados nunha clandestinidade total. Os seus “propietarios” maltratábanos até o punto de que varios deles perderon a vida por esgotamento, ou polos golpes recibidos, ou botados ao suicidio por desesperación.

 Esta situación concirne a miles e miles de inmigrantes sen papeis, vítimas de negreiros modernos nos máis diversos países europeos. Segundo varios sindicatos, o traballo clandestino no sector agrícola representa case o 20% do conxunto da actividade (3).

 Nesta expansión da trata de traballadores escravos, o modelo económico dominante ten unha gran responsabilidade. En efecto, a globalización neoliberal -que se impuxo nos tres últimos decenios grazas a terapias de choque con efectos devastadores para as categorías máis fráxiles da poboación- supón un custo social exorbitante. Estableceuse unha competición feroz entre o capital e o traballo. En nome do libre-cambio, os grandes grupos multinacionais fabrican e venden no mundo enteiro. Cunha particularidade: producen nas rexións onde a man de obra é máis barata, e venden nas zonas onde o nivel de vida é máis alto. Dese xeito, o novo capitalismo erixe a competitividade en principal forza motriz, e establece, de feito, a mercantilización do traballo e dos traballadores.

 As empresas multinacionais, ao deslocalizar os seus centros de produción a escala mundial, poñen en competencia aos asalariados de todo o planeta. Cun obxectivo: minimizar os custos de produción e abaratar os salarios. No seo da Unión Europea, iso desestabiliza o mercado do traballo, deteriora as condicións laborais e fai máis fráxiles os soldos.

 A globalización, que ofrece tan formidábeis oportunidades a uns cantos, resúmese para a maioría dos demais, en Europa, a unha competencia sen límites e sen escrúpulos entre os asalariados europeos, pequenos empresarios e modestos agricultores, e os seus equivalentes mal pagos e explotados do outro lado do mundo. Dese xeito organízase, a escala planetaria, o dumping social.

 En termos de emprego, o balance é desastroso. Por exemplo, en Francia, nos dous últimos decenios, ese dumping causou a destrución de máis de dous millóns de empregos unicamente no sector industrial. Sen falar das presións exercidas sobre todos os salarios.

 En semellante contexto de desleal competencia, algúns sectores en Europa, nos que existe unha carencia crónica de man de obra, teñen tendencia a utilizar a traballadores ilegais. O cal estimula a importación de migrantes sen papeis, introducidos no seo da UE por traficantes clandestinos que en moitos casos os obrigan ao traballo escravo. Numerosos informes aluden claramente á “venda” de braceiros agrícolas migrantes.

 No sector da construción, moitos traballadores novos extracomunitarios, sen papeis, están baixo o control de bandas especializadas na trata de persoas, e “alugados” a empresas alemás, italianas, británicas ou gregas. Estes traballadores escravos vense forzados polas bandas que os explotan a pagar os seus gastos de viaxe, de alimentación e de aloxamento, o total dos cales é en xeral superior ao que gañan. De tal xeito que axiña, mediante o sistema da débeda, pasan a “pertencer” aos seus explotadores (4).

 Malia o arsenal xurídico internacional que sanciona eses crimes, e aínda que se multipliquen as declaracións públicas de altos responsábeis que condenan esa praga, hai que recoñecer que a vontade política de pór fin a ese pesadelo resulta máis ben escasa. En realidade, as patronais da industria e da construción e os grandes exportadores agrícolas inflúen en permanencia sobre os poderes públicos para que fagan a vista gorda sobre as redes de importación de migrantes ilegais. Os traballadores sen papeis constitúen unha man de obra abundante, dócil e barata, unha reserva case inesgotábel cuxa presenza no mercado do traballo europeo contribúe a acougar os ardores reivindicativos dos asalariados e dos sindicatos.

 Os partidarios dunha inmigración masiva sempre foron as patronais. E sempre polo mesmo motivo: abaratar os soldos. Os informes da Comisión Europea e de Business Europe (a patronal europea), desde hai decenios, reclaman sempre máis inmigración. Os patróns saben que canto maior sexa a oferta de man de obra, máis baixos serán os salarios.

 Por iso xa non só os negreiros modernos explotan os traballadores escravos; agora estase desenvolvendo unha sorte de “trata legal”. Véxase, por exemplo, o que sucedeu en febreiro pasado en Italia, no sector da industria do automóbil. O grupo Fiat colocou o persoal das súas fábricas ante unha chantaxe: ou os obreiros italianos aceptaban traballar máis, en peores condicións e con salarios reducidos, ou as fábricas deslocalizábanse a Europa do Leste. Enfrontados á perspectiva do paro e aterrorizados polas condicións existentes en Europa do Leste onde os obreiros están dispostos a traballar sábados e domingos por salarios miserábeis, o 63% dos asalariados de Fiat votaron a favor da súa propia sobreexplotación...

 En Europa, moitos patróns soñan, no marco da crise e das brutais políticas de axuste, con establecer esa mesma “trata legal”, unha especie de escravitude moderna. Grazas ás facilidades que ofrece a globalización neoliberal, ameazan os seus asalariados con poñelos en competencia salvaxe coa man de obra barata de países afastados.

 Se se quere evitar esa nociva regresión social, hai que empezar por cuestionar o funcionamento actual da globalización. É hora de comezar a desglobalizar.

_________________________________________________________________

Notas:

(1) Baixo o título: "Preventing Trafficking in Human Beings for Labour Exploitation: Decent Work and Social Justice", a Conferencia foi organizada pola Representante especial e Coordinadora para a loita contra a trata de seres humanos, Maria Grazia Giammarinaro, e o seu equipo, no marco da Alianza contra a trata de persoas.

(2) Léase o informe: Combating trafficking as modern-day slavery: a matter of rights, freedom and security, 2010 Annual Report, OSCE, Viena, 9 de decembro de 2010.

(3) Léase o informe: The Cost of coercion, OIT, Xenebra, 2009.

(4) Cf. Non traballar sós. Sindicatos e ONG unen as súas forzas para loitar contra o traballo forzoso e a trata de persoas en Europa, Confederación sindical internacional, Bruxelas, febreiro de 2011.

_________________________________________________________________

 

[Artigo tirado de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 189, xullo de 2011]

cig.prensa@galizacig.com