Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
4/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A chamada do abismo: crise financeira, Unión Europa e débeda

A insostíbel arquitectura europea é en gran parte o resultado do desigual equilibrio de poderes existente en Europa, e sobre todo do predominio alemán. Tantos anos de falar de globalización, mercados etc., fíxonos esquecer un vello concepto da análise económica crítica, o de imperialismo...

 I

 Outra volta, volvemos estar no precipicio. Máis ben, apreixándonos aos últimos saíntes para evitar a caída definitiva. E, outra volta, é o sector financeiro a principal orixe das maiores preocupacións. Desde o crash de Lehman Brothers asistimos ao afundimento sucesivo de economías nacionais e á intervención pública masiva nos mercados financeiros. Nin as economías máis afectadas esgrimen síntomas de mellora, nin os problemas do sector financeiro desapareceron. As tensións nos mercados financeiros foron continuas e a estas alturas resulta evidente que o de salvar os bancos para dar liquidez á economía real era un conto bastante parecido ao da leiteira. A pesar das masivas inxeccións de capital que en moitos países se realizaron aos grandes bancos os problemas do sistema bancario non se solucionaron. Só se puido retornar un 20% das axudas recibidas (nada que ver co rescate dos bancos suecos a principios dos noventa) e o feixe de bancos que volveron a presentar problemas graves (Dexia, JP Morgan, Barclays...) vai crecendo cada semana. O fracaso das sucesivas avaliacións e tests de tensións practicadas á banca europea é unha boa mostra da capacidade das institucións financeiras para eludir controis serios, ou da dificultade de realizar unha avaliación sensata de riscos no enguedellado mundo das finanzas.

 O caso da banca española é paradigmático. Considerada ao principio da crise como unha das máis sólidas do mundo (porque na anterior crise bancaria -a dos setenta- se introduciron unha serie de medidas cautelares), en pouco tempo derreteu o seu prestixio e pasou a converterse en conxunto nunha “banca-lixo”. Alguén debería explicar por que fracasaron estrepitosamente os controis do Banco de España, as sucesivas avaliacións de riscos, as variadas reformas bancarias. Unha xeira de intervencións que ao pouco tempo se mostraron ineficaces ou erróneas. Non hai ningunha garantía de que a última avaliación que sitúa o buraco da banca española en 62.000 millóns de euros vaia ser a definitiva, posto que os ben pagos avaliadores se limitaron a realizar un informe a partir dos datos previos que lles forneceu o propio Banco de España. Sen contar a pouca credibilidade que pode ter unha consultora como Oliver Wyman, que anteriormente cualificara o irlandés Allied Irish Bank como o mellor banco do mundo, poucos meses antes de se coñecer a súa situación de verdadeira ruína.

 O sistema financeiro converteuse nun verdadeiro sumidoiro de recursos e un atractor fatal para as contas públicas e o endebedamento de moitos gobernos. E converteuse nun verdadeiro perigo sistémico para a economía mundial. Un sumidoiro que é o produto da extrema liberdade de acción que as políticas neoliberais permitiron ás entidades financeiras, á inxente capacidade de creación de activos financeiros que posibilitan a opacidade, a especulación, a dificultade de control dos movementos fiscais. Unhas políticas lexitimadas por centos de economistas empregados na academia e as grandes institucións que contribuíron a crear o marco analítico que as permitiu e que serviron tamén como parachoques fronte aos que defenderon a necesidade dunha regulación en serio. É de salientar a rapidez coa que os gobernos se aplicaron a levar a cabo reformas laborais, recortes de dereitos sociais ou axudas masivas aos bancos, fronte á lentitude -por dicilo suavemente- da reforma en profundidade do sistema financeiro. Aí só se aplicaron reformas marxinais. Nin sequera se foi eficaz en controlar os disparatados emolumentos autoadxudicados polos grandes directivos do sector. Unha reforma radical do sistema financeiro non é a panacea a todos os problemas da economía mundial, pero si unha das cuestións básicas a abordar para evitar que o sector siga devorando recursos xerando riscos masivos. Podemos empezar esixindo que a banca nacionalizada e inevitabelmente “rescatada” á conta do erario público sexa reformada como unha verdadeira banca pública e xa que logo sirva, canto menos, para xerar un contrapunto en espera dunha reforma radical de todo o sistema financeiro.

 II

 A Unión Europea xa gañou a pulso pasar aos futuros libros de historia económica como o peor exemplo de xestión da crise. Estaba claro, e denunciouse no seu día, que o actual deseño do Banco Central Europeo e o euro ían pasar un serio exame cando se producise unha recesión. Non só se consumaron aqueles temores senón que a inconsciencia coa que se actuou superou todos os niveis esperados.

 A orixe do problema é a existencia dun espazo económico onde persisten enormes desigualdades de estrutura produtiva. Desigualdades que a propia integración agravou ao propiciar unha reestruturación das actividades produtivas e ao contar cun euro sobrevalorado que empeorou as condicións en que deben operar os sectores exportadores das economías máis débiles. Neste contexto os territorios máis desfavorecidos tenden a experimentar déficits comerciais, e xa que logo endebedamento a medio e longo prazo. A única posibilidade de facer viábel unha economía deste tipo é xerando mecanismos de redistribución da renda entre territorios que permitan financiar o seu exceso de importacións fronte ao resto. Isto é o que ocorre no interior de moitos estados: as rexións empobrecidas contan coas transferencias das máis ricas. Ao non existir este mecanismo na Unión Europea é inevitábel que algúns países acaben cun elevado endebedamento, como é o caso de Grecia.

 Esta situación estrutural está agravada polo deseño da política monetaria. Onde ao Banco Central Europeo se lle encomendou a única tarefa de manter baixo control a inflación, non en cambio actuar de prestamista dos Gobernos, co que estes non poden acudir a un mecanismo relativamente barato de financiamento cando xorden os problemas. Paga a pena considerar que o endebedamento público dos países europeos ten orixes diversas. Nuns casos é un simple produto da caída de ingresos provocada pola caída da actividade, noutros é debido ás axudas que tiveron que realizar á banca, en certos casos ambas as cousas. Só en poucos casos se explica polo exceso persistente do gasto público sobre os ingresos, como en Grecia, e aínda aquí se chegou en parte a esta situación pola propia da economía local dentro do contexto europeo. A negativa a utilizar o Banco Central Europeo como financiador dos estados en dificultades e emisor de débeda europea agravou a situación das economías máis débiles, pois estas acoden aos mercados financeiros sen apoio dos seus “socios” e marcadas co sambenito do seu endebedamento.

 Esta insostíbel arquitectura europea é en gran parte o resultado do desigual equilibrio de poderes existente en Europa, e sobre todo do predominio alemán. Tantos anos de falar de globalización, mercados etc., fíxonos esquecer un vello concepto da análise económica crítica, o de imperialismo. Este -como explicou hai anos Bob Sutcliffe na nosa revista- naceu do intento dos marxistas de segunda xeración de conciliar a súa base teórica coa análise da realidade. Para o primeiro marxismo -e algunha das súas variantes máis dogmáticas seguen niso- o único que contaba era o enfrontamento mundial entre clases sociais. Pero a realidade mostraba que os estados contan e que a acumulación de capital ten tamén unha matriz nacional. A tendencia dunhas nacións a impor os seus intereses ao resto é innegábel: diso poden extraer vantaxes para as súas clases capitalistas e, en menor medida, estendelas a gran parte da súa poboación (en forma de intercambio desigual, acaparamento de materias primas, rendas financeiras). Aínda que a liberalización dos mercados, e a atroz experiencia das grandes guerras inter-imperialistas cambiaron a forma de se dar a cuestión, estes intereses imperialistas persisten e explican parte das enormes e crecentes desigualdades económicas existentes entre estados. A construción europea recente é, en parte, outra forma de configurar un espazo económico ao redor dos intereses da potencia hexemónica na área. Intereses reais e tamén configuración do modelo acorde coa visión do mundo que teñen as elites dominantes, por desatinada que sexa (a magna obra de Josep Fontana ‘Polo ben do imperio’ ilustra con profusión de exemplos cantas veces estas elites imperiais adoptaron decisións baseadas en visións paranoicas da realidade). E conta tamén a visión que estas mesmas elites transmiten á súa poboación con obxecto de lexitimar a súa propia hexemonía nacional. A construción europea está lastrada polas ideas das elites alemás (euro revaluado, inflación cero, orzamento equilibrado, etc.) e tamén polo medo que xeraron en gran parte da súa poboación do custo social que lles xeraría aceptar unha certa redistribución de ingresos a escala europea. De aí a súa negativa a avanzar cara a un modelo fiscal e monetario integrado e o seu determinación a obrigar a cada país a pagar até as últimas consecuencias as súas débedas e os seus déficits.

 O resultado deste “diktat” é palpábel: situar a moitos países a piques da derruba, xerar uns custos sociais inaturábeis, deprimir a economía europea, crear niveis de desemprego e pobreza persistente, bloquear calquera oportunidade de avance cara a un modelo sostíbel.

 III

 A terceira parte desta situación é a da débeda e a forma de abordala. Se algo se debería ter aprendido da desregulación financeira é que os bancos teñen unha enorme capacidade de xerar grandes burbullas de débeda que acaban xerando un enorme problema de dixestión. Desde o inicio do período neoliberal xeráronse sucesivas ondas de débeda, empezando pola dos países latinoamericanos, seguindo pola crise xaponesa e, tras sucesivos e numerosos episodios, chegando á situación actual. Cando se analiza o caso español, o papel xogado polo sector financeiro resulta claro. A brutal inxección de crédito a este sector serviu primeiro para xerar unha enorme suba do prezo do solo (os promotores competían entre si ofrecendo prezos crecentes porque estaban apoiados polos xenerosos préstamos bancarios) que se transmitía aos prezos das vivendas que á súa vez se podían comprar polo fácil acceso ao crédito. Pola súa banda, os bancos españois podían desenvolver esta insensata política polo fácil acceso ao crédito internacional. Unha onda de diñeiro que inchou a burbulla e alimentou un descerebrado investimento en solo. A onda crediticia conduciu a unha desaforada sobrevaloración da vivenda e a un endebedamento difícil de soster. E agora que está clara a burbulla, obrígase á xente a devolver empréstitos desaforados. Os creadores da burbulla non fan máis que se comportar como Shylocks contemporáneos e esixen a súa libra, ou a súa tonelada, de carne (incluíndo o seu contido en sangue).

 O tamaño da débeda é tan grande que non parece posíbel unha devolución no curto prazo. Ou a economía do país debedor é simplemente saqueada polos acredores -quedando os seus activos a baixo prezo ou impondo algún tipo de servidume financeira-, ou hai que facer que os acredores renuncien a unha parte substancial dos seus dereitos. Á fin e ao cabo o único que fixeron foi inchar un globo que explotou. Isto é o que ocorre a miúdo no mundo económico empresarial: os acredores téñense que conformar con recobrar só parte dos seus créditos (no mundo empresarial no que traballei de mozo, cando unha empresa suspendía pagamentos as empresas afectadas adoitaban comentar “pilláronme nunha suspensión”, o que equivalía a recoñecer que daban por perdidos parte dos seus ingresos potenciais). Pero no mundo das finanzas modernas (o do FMI e o BCE) pechouse esta posibilidade de repartir o custo da burbulla e de sanear as economías endebedadas. Detrás están non só os grandes grupos financeiros internacionais, senón tamén a presión dos potentes xestores de fondos de pensións que representan a franxa de asalariados máis opulentos da economía mundial.

 A situación agrávase porque ao transmitirse a débeda financeira do sector privado ao público e transformarse dalgún xeito en débeda pública rompe a posibilidade de usar as políticas públicas como potentes instrumentos para recompor a situación. No paquete de medidas para atallar a débeda vai incluído o dogma do orzamento equilibrado e a xibarización do público. O que acaba por ter o dobre efecto de descargar gran parte do axuste sobre os sectores sociais máis empobrecidos e impedir unha reorganización produtiva e social. Enfocar a economía e o emprego cara a outras actividades supón alterar a distribución da renda, expandir servizos básicos. Pero o combinado de orzamento equilibrado e carga da débeda vaino impedir por moito tempo. Sen unha repartición máis equitativa das perdas xeradas pola burbulla, sen unha formulación diferente do endebedamento e as políticas públicas, as clases traballadoras de moitos países están condenadas a un enorme retroceso social. En lugar dunha transición ordenada cara a unha economía sostíbel e unha austeridade racional o que se nos propón é unha marcha espasmódica cara ao imperio da desigualdade.

 A esquerda, a institucional e a dos movementos, móstrase impotente para impor outra axenda socio-política e facer avanzar reformas necesarias. Debe comezar a pensar, polo menos, en como organizar a xente para paliar a desfeita social, en como xerar unha rede solidaria que sirva á vez para xerar tecido social.

Postscriptum: Fin de semana ítalo-español

 Aparentemente, o resultado do cumio desta semana en Bruxelas repetiu os éxitos futbolísticos dos países do sur. Alemaña acepta que os empréstitos ás entidades con problemas (a banca italiana posibelmente está á cabeza dos novos candidatos ao rescate) sexan financiados directamente polo Mecanismo Europeo de Estabilidade Financeira, en lugar de facerse a través dos estados. Tamén se recolle a posibilidade de que as institucións financeiras europeas poidan comprar débeda soberana e que os créditos europeos deixen de ter o carácter de preferentes (isto é, os primeiros en ser cobrados en caso de dificultades). É sen dúbida un cambio, mostra de que todo o mundo é consciente de que se está nunha situación insostílbel e que un crash do Estado español ou Italia podería xerar un desastre de inconmensurábeis consecuencias. Sen dúbida o cambio político en Francia axudou a introducir unha pequena cota de sensatez.

 Pero o que se deu un pequeno avance non implica un cambio radical na situación xeral nin despexa case ningunha incógnita. En primeiro lugar, aínda que os créditos se dean aos bancos, como a maioría dos máis afectados son de titularidade pública se as cousas van mal persisitrá o problema do endebedamento público. En segundo lugar, non está claro que o tamaño de fondos que van ter as autoridades europeas vaia ser suficiente para lavar un volume tan elevado de débeda. Sen reformas estruturais no financiamento e un cambio na carga que soportan países e grupos sociais, a espada de Damocles seguirá aí. En terceiro lugar, vanse esixir contrapartidas sobre as políticas públicas. E xa sabemos o que pensan as elites europeas sobre reformas estruturais como para esperar que sexan capaces de canalizar a economía europea cara a un modelo social e ecoloxicamente sustentábel. En cuarto lugar, porque o impulso ao desenvolvemento que se aprobou -alén da súa insuficiencia cuantitativa- segue baseado nas mesmas ideas que nos conduciron até aquí: grandes infraestruturas para impulsar o crecemento. Poida que sexa unha boa noticia para o poderoso lobby da construción e os grandes equipamentos, pero dificilmente xerará o reequilibrio de estruturas produtivas.

 Despois de cada cumio é difícil discernir o que hai de teatro político do que representa un impulso real. Un segue sospeitando que neste envite os grandes poderes simplemente sacrificaron algún peón, pero foron incapaces de repensar o xogo enteiro.

De autoestradas e hospitais: a eficacia da colaboración público-privada

 Levamos anos baixo o paradigma da pouca eficiencia do público e a necesidade de ceder a súa xestión ás empresas privadas. Elas si dominadas pola racionalidade económica, preocupadas en reducir o malgasto posto que iso pon en perigo os seus propios recursos.

 Unha idea que non por repetida nos convence. E non só en canto usuarios de servizos privatizados. Senón como simples avaliadores da pretendida eficiencia económica desa xestión. Cada pouco tempo temos mostras do discutíbel do dogma neoliberal.

 As novas do mes van nunha dobre dirección. Dunha parte anúnciase a enésima axuda do Estado á rede de autoestradas ruinosas que o Goberno de Aznar impulsou ao redor de Madrid e na área Alacant-Murcia. Uns proxectos que se desvelaron ruinosos e innecesarios. Os custos aumentaron cando os xuíces decretaron que se debían subir substancialmente as indemnizacións aos propietarios expropiados -no proxecto inicial podíase falar dun simple saqueo-. E os coches seguen sen pasar por unhas vías que teñen alternativas gratuítas. Parte do negocio xa está feito, pois os promotores do proxecto son na súa meirande parte as construtoras que os realizaron e cobraron por iso. Cando foi evidente que o negocio era ruinoso, o Goberno -o anterior e o actual- acudiu ao rescate, aumentando os prazos da concesión e adiantando diñeiro polo lucro perdido. Unha mostra de que vai isto da cooperación: o Estado fai o proxecto para xerar negocios ás construtoras e despois achega recursos para cubrirlles unhas perdas desde o principio previsíbeis.

 O outro foco de información recente é o da sanidade catalá. Levamos meses en que se van destapando chanchullos millonarios en diversos hospitais, case todos xestionados por consorcios semiprivados característicos do “modelo sanitario catalán” impulsado por CIU -e que o anterior goberno tripartito foi incapaz de transformar-. As formas de saqueo do diñeiro público son diversas: sobrecustos nos investimentos, monopolios na prestación de servizos auxiliares, pagamentos por servizos inexistentes, sobresoldos a directivos... En moitos casos, os beneficiarios son grupos económicos claramente relacionados con CIU, pero as corruptelas tamén salpican a algunha persoa próxima ao PSC. En todo caso resulta evidente que na perda de control que supón unha xestión por concertos económicos e profusión de subcontratas se crean fugas financeiras. Con tamaño saqueo, non sorprende que a sanidade teña problemas de financiamento.

 Podemos tremer coa que nos espera tras a anunciada xestión das políticas públicas de emprego por parte das ETTs. Os partidarios deste modelo de cooperación ou son simples saqueadores, ou dogmáticos ideólogos incapaces de ver a distancia que media entre as súas ideas e a realidade. Ou simplemente confunden a eficiencia co lucro privado.

Gobernos de cipaios

 Nunha nota anterior xa me dediquei a comentar o vergoñento do proxecto de Eurovegas. Esta semana a indignación subiu un chanzo máis coa visita dun delegado de Sheldon Anderson a Barcelona e Madrid: mándase a un delegado a negociar con contrapartes de segunda orde, que é o que son eses políticos que -coa complicidade de parte das súas forzas vivas, sempre agradecidas polas subvencións ou os negocios que lles facilitan- se pregan ante un proxecto que por si só forza a unha regresión de regulacións e dereitos. Un proxecto que se enmarca no mesmo modelo de especulación urbana, turismo e ladrillo, que levou a economía española a unha situación de difícil saída. Que, no caso catalán, acaba cunha das áreas agrícolas máis fértiles, unha economía que produce benestar e apropiada para desenvolver un novo modelo de alimentación sa e ecolóxica. Pero o peor de todo iso non é a irracionalidade do proxecto, senón o espectáculo duns gobernantes que aceptan alegremente cambiar leis cando llo pide un individuo con suficiente diñeiro. Ou nin iso, porque se o entendemos ben -xa se sabe que cando a negociación non é pública nunca se sabe de que se está falando realmente- ao que viñeron os de Nevada é a pedirnos financiamento. Ou sexa, que acabaremos correndo con todos os custos e riscos por conta allea. O máis terríbel constatar que en lugar duns representantes políticos dunha democracia desenvolvida o que temos son simples delegados de república (ou reino) bananeira(o).

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras tanto’, núm. 104, de xullo de 2012]

cig.prensa@galizacig.com