Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
5/11/2010
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Protesta social en Francia

Ninguén acaba de entender como a Francia arruinada de 1945 puido pagar o Estado de benestar, e a Francia de hoxe, quinta potencia económica mundial, é incapaz de facelo. Nunca houbo tanta riqueza. Os cinco principais bancos franceses obtiveron, en 2009, unhas ganancias de 11.000 millóns de euros. E as corenta principais empresas obtiveron, ese mesmo ano, beneficios de 47.000 millóns de euros...

 Non é unha sorpresa. Desde hai máis de dous séculos, a protesta está no código xenético político da sociedade francesa. Ademais de ser dereitos constitucionais, a mobilización na rúa e a folga constitúen modos naturais de exercer a plena cidadanía. Cada nova xeración considera que participar nos cíclicos arrebatos de carraxe social é un rito de paso para acceder á maioría de idade democrática.

 Esta vez, o detonante da crise foi o presidente francés. Desacreditado e enlamado en varios fedorentos escándalos, teimudo no FMI e as axencias de cualificación, Nicolas Sarkozy móstrase xordo ás queixas do pobo e pretende demoler unha das xoias principais do Estado de benestar: o dereito a xubilarse aos 60 anos.

 Conquistado tras decenios de enfrontamentos, este avance social é percibido, no imaxinario colectivo, como un totem intocábel. Sarkozy -que, en 2008, prometeu respectalo- subestimou a querena dos cidadáns por ese dereito. E aproveitando o choque causado pola crise, desexa impor unha reforma que atrasa a idade legal de xubilación dos 60 aos 62 anos, amplía o período de pago de cotizacións a 41,5 anos e atrasa a idade para cobrar unha pensión completa dos 65 aos 67 anos.

 Algúns cren que, en realidade, Sarkozy quere romper o réxime público de xubilación por repartición, baseado na solidariedade entre as xeracións, e substituílo por un réxime privado que representaría un mercado de entre 40.000 e 100.000 millóns de euros. Denuncian que a compañía de seguros que máis se beneficiaría diso é o grupo Malakoff Médéric, a cal posúe como conselleiro delegado a... Guillaume Sarkozy, o irmán do Presidente.

 A reacción dos principais sindicatos é unánime. Sen rexeitala en totalidade, reclaman modificacións argumentando que o custo da reforma recaerá esencialmente sobre os asalariados, abatados xa pola crise, e que iso agravará as desigualdades. Organizaron varias xornadas de mobilización antes do verán. Pero o Goberno, nunha actitude prepotente, mantivo o seu rexeitamento de negociar.

 Grave erro. Coa volta ao traballo, en setembro, fixéronse asembleas xerais en centenares de empresas e administracións. Os asalariados confirmaron a súa decisión de non dar "nin un paso atrás". Convencidos de que se se cedía en algo tan sacro como a xubilación aos 60 anos ía irlles enriba unha enxurrada de novos recortes na Seguridade Social, a sanidade, a educación e os servizos públicos.

 Estas asembleas demostraron que as direccións sindicais eran moito menos radicais que as súas bases adoecidas polos constantes retrocesos sociais. Inmediatamente, ducias de accións colectivas deron en estenderse por todo o país; millóns de persoas botáronse á rúa; a folga popular prolongada entorpeceu o funcionamento dos transportes; algunhas cidades, como Marsella, quedaron paralizadas... A medida que se repiten as xornadas de acción, novas categorías sociais dan en sumarse a unha protesta que adopta expresións inéditas.

 O máis orixinal é o bloqueo das refinerías e os depósitos de carburante. O máis salientábel é a masiva incorporación dos estudantes de secundaria. Algúns imaxinaban a esta "xeración Facebook" ensumida e autista, pero a súa enerxía contestataria revelou a súa angustia fronte á derruba do futuro... E o seu temor a que, por vez primeira desde 1945, se nada cambia, lle toque vivir en peores condicións que seus pais. O novo modelo neoliberal esnaquiza o ascensor social...

 A protesta cristaliza un malestar social profundo e unha suma de descontentos acumulados: desemprego, precariedade, pobreza (hai oito millóns de pobres), dureza da vida diaria... Xa non é só un asunto de pensións senón unha batalla por outro modelo social.

 O máis significativo é o apoio popular, entre o 60% e o 70% dos franceses aproba a protesta. Ninguén acaba de entender como a Francia arruinada de 1945 puido pagar o Estado de benestar, e a Francia de hoxe, quinta potencia económica mundial, é incapaz de facelo. Nunca houbo tanta riqueza. Os cinco principais bancos franceses obtiveron, en 2009, unhas ganancias de 11.000 millóns de euros. E as corenta principais empresas obtiveron, ese mesmo ano, beneficios de 47.000 millóns de euros... Por que non gravar, en proveito dos pensionistas, tan cuantiosos capitais? A Comisión Europea estima que unha pequena taxa sobre as transaccións financeiras achegaría ao conxunto dos Estados da Unión Europea, cada ano, entre 145.000 e 372.000 millóns de euros... Máis que suficiente para pagar o aumento dos sistemas de pensións.

 Pero o dogma neoliberal esixe que se exonere o capital e se axusten máis os salarios. De aí o pulso actual en Francia. A sensación xeral é que ningún dos dous antagonistas pode transixir. As organizacións sindicais, empurradas por unha corrente de radicalización, seguen unidas logo de varios meses de ofensiva. Ceder constituiría un fracaso semellante ao dos mineiros británicos en 1985 fronte a Margaret Thatcher. O que significou a fin da resistencia obreira no Reino Unido e abriu a porta ás "terapias de choque" ultraliberais.

 Nicolas Sarkozy conta co apoio da Unión Europea (1), do FMI, da banca e do empresariado europeo(2) medorento de que a "faísca francesa" incendie a pradería social do continente. O abandono da súa reforma condenaríao á derrota electoral en 2012.

 A historia social francesa ensina que cando unha protesta foi tan lonxe como a actual, endexamais se desinflou. Sempre venceu.

________________________________________________________

 Notas:

(1) O Consello Europeo, en Barcelona, en marzo de 2002, recomendou: "Para 2010 deberá intentarse elevar progresivamente ao redor de cinco anos a idade media en que se produza o cesamento efectivo de actividade das persoas na Unión Europea".

(2) No Estado español, o presidente da CEOE, Gerardo Díaz Ferrán, defende como "imprescindíbel e aconsellábel", a suba de "a idade de xubilación aos 70 anos". Engade que "os asalariados deben traballar máis e, infelizmente, gañar menos". Pide ampliar o período de cálculo da pensión a "toda a vida laboral", e que os cidadáns fagan "pensións privadas". Europa Press, 26 de xullo de 2010, e ABC, Madrid, 15 de outubro de 2010.

________________________________________________________

 

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. de novembro de 2011]

cig.prensa@galizacig.com