Os últimos días de xaneiro son, desde un tempo atrás, o momento en que se enfrontan dúas visións do mundo e dos seus problemas: se a primeira se revela, nun conclave paraoficial, en Davos, a segunda, o Foro Social Mundial, aterrou este ano na cidade brasileira de Belém.
Era inevitábel que, as cousas como van, as dúas reunións se fixesen eco dunha crise que está en todas as bocas. En Davos, polo momento, puidemos escoitar que é o que nos contan -despois de pagar os 40.000 euros por cabeza preceptivos para asistir á reunión, unha suma moi superior á que ingresa ao longo de toda a súa vida a metade da poboación do planeta- os gurús do capitalismo, repartidos, se así se quere, en dous bandos. O primeiro bebe do odre neoliberal e nos feitos conténtase con suxerir que hai que cancelar algúns abusos que despuntaron nos últimos tempos. A estas alturas distinguir o neoliberalismo dos abusos acompañantes antóllase, porén, tarefa propia de necios, con máis motivo que o capitalismo realmente existente, incapaz de resolver os seus problemas, promove con descaro impresentábeis operacións de reflotamento de empresas realizadas co diñeiro de todos.
Malia as aparencias, á segunda percepción, a keynesiana, non lle vai moito mellor. Lémbrese que os socialdemócratas destas horas, tras acatar durante decenios a vulgata neoliberal, están pagando os pratos rotos da man de restricións orzamentarias sen conto. Non é iso, con todo, o importante: os keynesianos das últimas fornadas ignoran palmariamente que o planeta arrastra inapelábeis límites ambientais e de recursos. Cando apostan á desesperada por tirar do consumo, como cando se inclinan por acometer a construción de faraónicas infraestruturas que ninguén sabe quen poderá empregar dentro duns poucos anos -tras a suba inevitábel, antes ou despois, nos prezos da enerxía-, retratan ben ás claras os vicios do curtopracismo que nos alaga. Só os máis inxenuos acreditan, entre mentres, en que semellante fuxida cara a diante atopará o seu freo ao abeiro dun keynesianismo verde que, falando en serio, non se albisca por ningures.
Pero esquezamos o fastío que produce Davos e avaliemos o que nos chega de Belém. O momento para os movementos que contestan a globalización capitalista é, á vez, estimulante e delicado. Se, por unha banda, as súas mensaxes atopan hoxe un caldo de cultivo máis amplo, pola outra deben encarar unha tramada estratexia de amedoñamento que convida, desde as instancias oficiais, a renunciar á protesta en proveito da preservación da relativa condición de privilexio da que unha parte da poboación planetaria goza. É verdade, polo demais, que nos movementos perviven diferenzas importantes. Hai quen pensa, por exemplo, que a prioridade maior segue a ser engordar as redes de contestación, e converter estas en fermento dunha sociedade distinta, como hai quen estima que o que se impón é exercer influencia sobre outros, e en particular sobre gobernos máis ou menos receptivos.
Máis aló desas disputas, os movementos asumiron nos últimos meses unha inequívoca radicalización que ten o seu principal botón de mostra no designio de transcender a contestación, a miúdo demasiado cómoda, do neoliberalismo para acometer unha crítica en toda regra dun capitalismo que se considera, por unha banda, xerador de explotación e inxustiza, e, pola outra, promotor de salvaxes agresións contra o medio. En relación coa primeira destas dimensións, nada se afasta máis da verdade que a afirmación de que o universo antiglobalizador está desafortunadamente lonxe do movemento obreiro. Mentres en moitos países do Sur o sindicalismo resistente está, claramente, ao lado dese universo, no Norte temos que nos preguntar se non son moi a miúdo as cúpulas sindicais tradicionais as que, nunha deriva lamentábel, e tras aceptar o inaceptábel, obrigaron ás redes antiglobalización a asumir un crecente protagonismo nas loitas contra as privatizacións, o desemprego ou o traballo precario.
Fosen as cousas como fosen, a maioría das xentes que se fixeron presentes en Davos -por certo que non hai motivos para concluír que entre elas abuden os admiradores aparvados de Obama- son conscientes de que, xunto á crise que debemos etiquetar de financeira , aprécianse outras tres singularmente preocupantes: chámanse cambio climático, encarecemento dos combustíbeis fósiles e, en fin, sobrepoboación. A urxencia de colocar en primeiro plano os problemas correspondentes estimulou, nos movementos radicados no Norte opulento, unha activa discusión no que fai ao crecemento económico e as súas presuntas bondades. A defensa de proxectos de franco decrecemento vai gañando terreo por momentos nun escenario no que a proposta en cuestión se fai acompañar dun feixe de aditamentos: a defensa da vida social fronte á lóxica da propiedade e o consumo, a postulación da repartición do traballo -unha vella práctica sindical que caeu no esquecemento-, a redución do tamaño de moitas infraestruturas, a primacía do local sobre o global e, en fin, a simplicidade e a sobriedade voluntarias.
Se as discusións en torno ao decrecemento -un proxecto que xera unha radical contestación dos catecismos neoliberal e keynesiano- parecen chamadas a gañar terreo, bo é que deixemos constancia dunha percepción que, no que respecta ás sociedades do Sur, despunta en moitos movementos. Esa percepción suxire, con inevitábel cautela, que chegou o momento de sopesar se deixar a esas sociedades en paz, lonxe das aparentes bondades que procuramos endosarlles, non será a nosa mellor contribución ao seu benestar. E é que sobran os datos que sinalan que moitos deses pobos que cualificamos de primitivos e atrasados gardan, como un arcano tesouro, algunhas das chaves que nos permitirán abandonar este triste edificio que habitamos, construído con materiais tan lamentábeis como o consumo desaforado, a explotación, a exclusión e, claro, o desprezo polo que a natureza tivo a ben regalarnos.
[Artigo tirado do sitio web ‘Globalízate’, do 2 de febreiro de 2009]