marco
5/2/2010
Director do Le Monde Diplomatique e profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Cofundador de Attac e de Media Watch Global.
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Aprender de Haití

Nos anos 1970, aínda gozaba Haití de soberanía alimentaria, os seus agricultores producían o 90% dos alimentos que consumía a poboación. Pero o Plan Reagan-Bush, imposto por Washington, obrigou a suprimir os aranceis sobre a importación de arroz, produto básico do cultivo local. O arroz estadounidense, máis barato porque estaba subvencionado, alagou o mercado local e arruinou a miles de campesiños que emigraron en masa á capital, onde o sismo os atrapou...

Por moi "natural" que pareza, ningunha catástrofe é natural. Un sismo de intensidade idéntica causa máis vítimas nun país empobrecido que noutro rico e industrializado. Exemplo: o terremoto de Haití, de magnitude 7,0 na escala de Richter, ocasionou máis de cen mil mortos, mentres que o de Honshu (Xapón), de idéntica forza (7,1), acontecido seis meses, apenas provocou un morto e un ferido.

"Os países máis pobres e os que teñen problemas de gobernabilidade están máis expostos a riscos que os outros", confirma un recente informe da ONU (1). Nunha mesma cidade, o impacto humano dunha calamidade pode ser moi distinto segundo as características dos barrios. En Porto Príncipe, o sismo asañouse coas desfeitas barriadas populares do centro. En cambio, os distritos privilexiados da burguesía mulata comerciante apenas padeceron estragos.

Tampouco son iguais os pobres ante a adversidade. A Federación Internacional da Cruz Vermella sostén que, en caso de desfeita, "as mulleres, os discapacitados, os anciáns e as minorías étnicas ou relixiosas, vítimas habituais da discriminación, son máis castigados que os demais" (2).

Por outra banda, aínda que un país non sexa rico, se se dota dunha política eficaz de prevención de catástrofes pode salvar moitas vidas. En agosto de 2008, o ciclón Gustav, o máis violento dos últimos cincuenta anos, bateu no Caribe con ventos de 340 quilómetros por hora. En Haití matou a 66 persoas. Porén, en Cuba non causou ningunha vítima mortal...

É Haití un país pobre? En verdade, non hai países pobres; só existen "países empobrecidos". Non é o mesmo. No último terzo do século XVIII, Haití era a Perla das Antillas e producía o 60% do café e o 75% do azucre que se consumía en Europa. Pero, da súa gran riqueza só se beneficiaban uns 50.000 colonos brancos, e non os 500.000 escravos negros que a producían.

Invocando os nobres ideais da Revolución Francesa, eses escravos subleváronse en 1791 ao mando de Toussaint Louverture, o Espartaco negro. A guerra durou trece anos. Napoleón enviou unha expedición de 43.000 veteranos. Triunfaron os insurrectos. Foi a primeira guerra racial anticolonial e a única rebelión de escravos que desembocou nun Estado soberano.

O 1 de xaneiro de 1804, proclamouse a independencia. Soou como unha aldrabada no continente americano. Os escravos negros demostraban que, pola súa propia loita, sen a axuda de ninguén, podían conquistar a liberdade. Afro-América emerxía na escena política internacional.

Pero o "mal exemplo" de Haití -así o cualificou o Presidente de Estados Unidos, Thomas Jefferson- aterrorizou as potencias que seguían practicando a escravitude. Non se lle perdoou. E ninguén recoñeceu, nin axudou á nova república negra, pesadelo do colonialismo branco. Aínda hoxe, o vello terror non desapareceu. Pat Robertson, telepredicador estadounidense, non acaba acaso afirmar: "Miles de hatianos morreron no sismo porque os escravos de Haití fixeron un pacto co diaño para obter a súa liberdade" (3)?

O novo Estado independente foi boicoteado durante decenios coa idea de "recluír a peste" nese país. Haití caeu en guerras civís que arrasaron o seu territorio. Perdeuse a necesaria etapa de construción dun Estado-nación. Institucionalmente, a pesar da gran calidade dos seus numerosos intelectuais, o país quedou estancado.

Despois veu o tempo da ocupación por Estados Unidos que durou de 1915 a 1934. E da guerra de resistencia. O heroe da rebelión, Charlemagne Péralte, foi crucificado polos marine, cravado na porta dunha igrexa... Washington acabou por ceder Haití a novos ditadores, entre eles: Papa Doc Duvalier, un dos máis despóticos.

Nos anos 1970, aínda gozaba Haití de soberanía alimentaria, os seus agricultores producían o 90% dos alimentos que consumía a poboación. Pero o Plan Reagan-Bush, imposto por Washington, obrigou a suprimir os aranceis sobre a importación de arroz, produto básico do cultivo local. O arroz estadounidense, máis barato porque estaba subvencionado, alagou o mercado local e arruinou a miles de campesiños que emigraron en masa á capital, onde o sismo os atrapou...

A única experiencia de goberno realmente democrático, foi a de Jean-Bertrand Aristide, dúas veces Presidente (1994-1996 e 2001-2004). Pero os seus propios erros e a presión de Washington empurrárono ao exilio. Desde aquela, de feito, Haití áchase baixo tutela da ONU e dun conglomerado de ONGs internacionais. O Goberno de René Préval foi sistematicamente privado de medios de acción. Por iso resulta absurdo reprocharlle a súa inoperancia ante os efectos do sismo. Hai tempo que o sector público foi desmantelado e as súas principais actividades transferidas, se eran rendíbeis, ao sector privado, ou ás ONGs cando non o eran. Antes de converterse no Ground Zero do planeta, Haití xa era o primeiro caso de "colonialismo humanitario". A traxedia reforzará a dependencia. E por conseguinte as resistencias. O "capitalismo de choque", descrito por Naomi Klein,verá unha nova ocasión de reclamar -en nome da eficacia- a privatización integral de todas as actividades económicas e comerciais ligadas á reconstrución.

Estados Unidos está en primeira liña, coas súas Forzas Armadas despregadas nunha ofensiva humanitaria de gran envergadura. Resultado sen dúbida dun xeneroso desexo de socorrer. Pero tamén de indiscutíbeis intereses xeopolíticos. Wáshington prefire invadir Haití de axuda que ver invadidas as súas costas por decenas de miles de boat people haitianos. No fondo, trátase da mesma vella obsesión: "recluír a peste"...

_______________________________________________________________

Notas:

(1) Risco e pobreza nun clima cambiante. Investir hoxe para un mañá máis seguro, Nacións Unidas, Nova York, maio de 2009.

(2) Informe Mundial sobre os desastres 2009, Cruz Vermella Internacional, Xenebra, xullo de 2009.

(3) Christian Broadcasting Network, 14 de xaneiro de 2010.

_______________________________________________________________

[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, núm. 172, de febreiro de 2010]

http://www.mondiplo.com/isum/Direct.jsp?ISUM_Shortcut=MONDIPLO_EDITORIAL