
Hai tempo que a socialdemocracia europea decidiu alentar as privatizacións, estimular a redución dos orzamentos do Estado á conta dos cidadáns, tolerar as desigualdades, promover a prolongación da idade de xubilación, practicar o desmantelamento do sector público, á vez que encirraba as concentracións e as fusións de megaempresas e que protexía os bancos. Leva anos aceptando, sen grandes remorsos, converterse ao social-liberalismo...
As ideas tamén morren. O cemiterio dos partidos políticos soborda de tumbas onde xacen os restos de organizacións que outrora desataron paixóns, moveron a multitudes e hoxe son pasto do esquecemento. Quen se acorda en Europa, por exemplo, do Radicalismo? Unha das forzas políticas (de centroesquerda) máis importantes da segunda metade do século XIX, que os ventos da historia levaron... Que foi do Anarquismo? Ou do Comunismo estaliniano? Que foi daqueles formidábeis movementos populares capaces de mobilizar a millóns de campesiños e obreiros? Que foron senón desatinos? (1)
Polos seus propios abandonos, abxuracións e renuncias, á socialdemocracia europea tócalle hoxe verse arrastrada cara ao sepulcro... O seu ciclo de vida parece rematar. E o máis incomprensíbel é que semellante perspectiva se produce no momento en que o capitalismo ultraliberal atravesa un dos seus peores momentos.
Por que a socialdemocracia morre, cando o ultraliberalismo está en plena crise? Sen dúbida porque, fronte a tantas urxencias sociais, non soubo xerar entusiasmo popular. Navega ás apalpadelas, sen compás e sen teoría; dá a impresión de estar avariada, cun aparello dirixente mirrado, sen organización nin ideario, sen doutrina nin orientación... E sobre todo sen identidade: era unha organización que debía facer a revolución, e renegou dese empeño; era un partido obreiro, e hoxe éo das clases medias urbanas acomodadas.
As recentes eleccións demostraron que a socialdemocracia europea xa non sabe dirixirse aos millóns de electores vítimas das brutalidades do mundo postindustrial procreado pola globalización. Esas multitudes de obreiros desbotábeis, de neo-pobres dos suburbios, de mileuristas, de excluídos, de xubilados en plena idade activa, de mocidade precarizada, de familias de clase media ameazadas pola miseria. Capas populares damnificadas polo shock neoliberal... E para as cales, a socialdemocracia non parece dispor de discurso nin de remedios.
Os resultados das eleccións europeas de xuño de 2009 demostraron a súa desfeita actual. A maioría dos partidos desa familia no poder retrocederon. E os partidos na oposición tamén recuaron, particularmente en Francia e en Finlandia.
Non souberon convencer da súa capacidade para responder aos desafíos económicos e sociais expostos pola deleiba do capitalismo financeiro. Se faltaba un indicio para demostrar que os socialistas europeos son incapaces de propor unha política diferente da que domina no seo da Unión Europea, esa proba dérona Gordon Brown e José Luis Rodríguez Zapatero cando apoiaron a lamentábel elección á Presidencia da Comisión Europea do ultraliberal José Manuel Durão Barroso, o cuarto home do Cumio dos Açores...
En 2002, os socialdemócratas gobernaban en quince países da Unión Europea. Hoxe, a pesar de que a crise financeira demostrou o impasse moral, social e ecolóxico do ultraliberalismo, xa só gobernan en cinco Estados (Estado español, Grecia, Hungría, Portugal e Reino Unido). Non souberon tirar proveito da desfeita neoliberal. E os Gobernos de tres deses países -Estado español, Grecia e Portugal, atacados polos mercados financeiros e afectados pola "crise da débeda"- afundiranse nun descrédito e impopularidade aínda maiores cando empecen a aplicar, con man de ferro, os programas de austeridade e as políticas antipopulares esixidas pola lóxica da Unión Europea e os seus principais cérberos.
Repudiar os seus propios fundamentos volveuse habitual. Hai tempo que a socialdemocracia europea decidiu alentar as privatizacións, estimular a redución dos orzamentos do Estado á conta dos cidadáns, tolerar as desigualdades, promover a prolongación da idade de xubilación, practicar o desmantelamento do sector público, á vez que encirraba as concentracións e as fusións de megaempresas e que protexía os bancos. Leva anos aceptando, sen grandes remorsos, converterse ao social-liberalismo. Deixou de considerar como prioritarios algúns dos obxectivos que formaban parte do seu ADN ideolóxico. Por exemplo: o pleno emprego, a defensa das vantaxes sociais adquiridas, o desenvolvemento dos servizos públicos ou a erradicación da miseria.
A finais do século XIX e até os anos 1930, cada vez que o capitalismo deu un salto transformador, os socialdemócratas, case sempre apoiados polas esquerdas e os sindicatos, achegaron respostas orixinais e progresistas: sufraxio universal, ensino gratuíto para todos, dereito a un emprego, seguridade social, nacionalizacións, Estado social, Estado de Benestar... Esa imaxinación política parece hoxe esgotada.
A socialdemocracia europea carece de nova utopía social. Na mente de moitos dos seus electores, mesmo nos máis modestos, o consumismo triúnfa, así como o desexo de enriquecerse, de divertirse, de nadar na abundancia, de ser feliz sen mala conciencia... Fronte a ese hedonismo dominante, machucado en permanencia pola publicidade e os medios masivos de manipulación, os dirixentes socialdemócratas xa non se atreven a ir ao contracorrente. Chegan mesmo a convencerse de que non son os capitalistas os que se enriquecen co esforzo dos proletarios, senón os pobres quen se aproveitan dos impostos pagados polos ricos... Pensan, como afirma o filósofo italiano Raffaele Simone, que "o socialismo só é posíbel cando a desgraza excede en exceso á dita, cando o sufrimento pasa con moito o pracer, e cando o caos triúnfa sobre as estruturas" (2).
Por iso se cadra, e en contraste, está renacendo hoxe con tanta forza e tanta creatividade, un novo socialismo do século XXI nalgúns países de América do Sur (Bolivia, Ecuador, Venezuela). Mentres en Europa, á socialdemocracia chégalle a súa fin de ciclo.
___________________________________________________________________
Notas:
(1) Jorge Manrique, "Coplas a la muerte de su padre" (1477).
(2) Raffaele Simone, "Les socialistes proposent toujours le sacrifice", en Philosophie Magazine, n° 36, febreiro de 2010, París.
___________________________________________________________________
[Artigo tirado da edición en español de ‘Le Monde Diplomatique’, do mes de marzo de 2010]