Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
Tormenta en Grecia, calma en Bruxelas

A crise “grega” reflicte problemas estruturais de fondo, pero é tamén o resultado do descontrol dos mercados financeiros. Empezando polo papel que xogou Goldman Sachs na maquillaxe da débeda grega. Algo que confirma o que máis ou menos se sospeitaba: que algúns milagreiros axustes orzamentarios anteriores ao Euro se debían máis á contabilidade creativa (a mesma que favoreceu as máis recentes burbullas financeiras e as estafas máis coñecidas: Enron. Madoff, etc.) que ao efecto dun cambio nas políticas.

I. Clima e economía semellan terse conxurado este inverno para atacar xuntas o Sur de Europa. Poida que os desastres que provocaron os elementos sexan o resultado dun simple proceso aleatorio ou dun mal momento dun ciclo natural. Aínda que bastante ten que ver, polo menos nos seus efectos, o tipo de urbanismo descontrolado practicado nas últimas décadas. E o que sen dúbida non se pode apoñer aos “elementos externos” é o tipo e a forma que adquire a crise económica actual. Unha borrasca global que vai arrasando por onde pasa: Islandia, os países bálticos, agora Grecia. E coa península ibérica no punto de mira.

A crise que padece a economía mundial e que se manifesta de forma máis crúa nalgúns países é un resultado previsíbel do desenvolvemento económico impulsado polo capitalismo triunfante tras a crise da década de 1970. Coa morte do keynesianismo puxéronse as bases da liquidación do único intento serio de articular un capitalismo “civilizado” e crebáronse moitos dos mecanismos regulatorios que evitaban que o sistema evolucionase cara á súa peor versión. Pero, como resulta cada vez máis evidente, a lei de Murphy parece ser a dinámica dominante e as cousas poden en efecto empeorar.

II. Os problemas de Grecia teñen elementos comúns cos que padecen España e Portugal. Os tres países caracterízanse por combinar, no momento actual, dous déficits importantes: balanza exterior e débeda pública. O primeiro é en gran parte o reflexo da súa posición na economía mundial, a súa especialización económica. Pero é tamén o resultado das opcións que ao longo do tempo adoptaron as súas elites políticas e económicas e do deseño de construción europea perpetrado no Tratado de Maastricht e sucesivos. Un modelo de unificación comercial entre territorios de estrutura económica moi diversa por amplitude do mercado, estrutura tecno-produtiva, cultura industrial que ao integrarse sen atrancos comerciais nin políticas compensatorias tiña todas as posibilidades de reproducir e amplificar, como en parte ocorreu, as desigualdades iniciais. Só nos teoremas económicos máis abstractos e baseados en hipóteses de escaso realismo pode chegarse á conclusión que unha eliminación total de barreiras económicas se traducirá nun harmónico equilibrio territorial. No caso que nos ocupa o papel que xogan as economías de escala, as grandes empresas, a concentración de centros tecnolóxicos, ou a especialización en bens sofisticados facía prever que serían os países “máis atrasados” os que acabarían experimentando maiores problemas produtivos. Grecia e Portugal son dos poucos países europeos cos que España mantén un excedente comercial e iso explícase en gran medida polos factores que acabo de citar, algo que en cambio ignoran os que sempre confunden competitividade con baixos salarios.

O modelo de integración europeo propiciou, ademais, outras dinámicas que reforzaron os malos resultados que podían derivarse do modelo produtivo. Dunha parte o Euro significou unha posición monetaria común para países con estruturas produtivas moi diversas. Unha posición que no caso dunha moeda revaluada xera sempre problemas a aqueles territorios especializados na produción de bens que experimentan maior competencia doutros territorios. A elevada apreciación do Euro acelerou as dinámicas desindustrializadoras dos países do Sur de Europa (excepto nalgúns sectores, especialmente italianos, especializados na produción de bens sofisticados). E o contar cunha moeda forte posibilitou ao mesmo tempo acceder a unhas entradas de divisas que incharon as burbullas especulativas e facilitaron a convivencia cun endebedamento exterior crecente. Algo ao que tamén contribuíron, polo seu especial deseño, moitas das transferencias de fondos comunitarios cos que se tratou de compensar o impacto da Unión.

Cando a crise se manifestou en todo o seu rigor, a “arquitectura” comunitaria mostrou todos os problemas que no seu día denunciamos os críticos con Maastricht. Especialmente o da ausencia dunha política industrial e orzamentaria común que traballase por xerar unha economía máis integrada e uns mecanismos que favorecesen os axustes ás áreas en dificultades. A ausencia destes mecanismos non só xerou graves problemas a Grecia senón que puxo en perigo gran parte da estabilidade comunitaria. Os xefes europeos envorcáronse a unha nova representación de teatro político en apoio de Grecia, aínda que sen concretar un plan de axuda. E xerando novas presións para que sexa o propio país o que asuma un axuste drástico, especialmente o adelgazamento do sector público, o que dada a súa posición no contexto europeo só pode xerar unha nova dinámica de deterioración económica e social.

III. A grandeza dun proxecto amóase nas situacións de crises. A resposta da Unión Europea ante a crise foi máis ben a de non sabe/non contesta. O papel do Banco Central Europeo, a megainstitución comunitaria, foi menos que mediocre. Cando a crise xa estaba en avanzada xestación, aprobou aumentos dos tipos de xuro, en resposta á alza das materias primas, que axudaron á desfeita de moitos pequenos acredores. Despois limitouse a ofrecer diñeiro a custo cero aos bancos causantes da crise e a pontificar sobre a necesidade de reformas laborais e recortes do gasto público. Pouco ou nada se avanzou no embridamento dun sistema financeiro absolutamente desestabilizador.

A crise “grega” reflicte problemas estruturais de fondo, pero é tamén o resultado do descontrol dos mercados financeiros. Empezando polo papel que xogou Goldman Sachs na maquillaxe da débeda grega. Algo que confirma o que máis ou menos se sospeitaba: que algúns milagreiros axustes orzamentarios anteriores ao Euro se debían máis á contabilidade creativa (a mesma que favoreceu as máis recentes burbullas financeiras e as estafas máis coñecidas: Enron. Madoff, etc.) que ao efecto dun cambio nas políticas. O que culmina coa actual especulación contra o Euro e a débeda grega, posibilitada polos mesmos mecanismos que xeraron a crise financeira e posibelmente protagonizada polos mesmos actores que a provocaron. Non deixa de ser curioso, observando os resultados financeiros de 2009, que mentres moitas grandes empresas amosan caídas substanciosas dos seus beneficios (o que é normal cando a demanda se contrae), bastantes das primeiras firmas bancarias (os grandes bancos estadounidenses, Deutsche Bank, Credit Suiss, Santander....) presentan espectaculares aumentos de ganancias que seguramente deben atribuírse á combinación de axudas públicas recibidas e operacións financeiras de longo prazo.

Empurrar a un país a un duro axuste económico é doado. Sobre todo se o que o fai ten resortes de presión contundentes. O difícil é recompor un tecido social e produtivo esnaquizado, promover políticas que permitan manter dereitos sociais básicos. Nada diso está na axenda das institucións europeas, nin nas ideas dos seus arrogantes asesores. Tantos anos de crer e predicar modelos de economía máxica, onde os individuos responden automaticamente a uns poucos estímulos, onde non importa cales son os seus recursos, onde se ignoran as sofisticadas redes de poder económico, onde o tempo non existe e as respostas son instantáneas, onde a produtividade é o simple resultado do mérito individual... amoleceron conciencias e sensibilidades. E deixaron a xestión económica colectiva en mans de irresponsábeis sociais. Unha vez, Keynes dixo que moitas ideas económicas eran reféns das teorías dalgún economista morto. Agora máis ben parece que estamos en mans dun verdadeiro exército de zombies.

IV. Os erros da UE deben apoñerse á hexemonía neoliberal e ao poder que teñen os grandes lobbies. Pero isto é só unha parte da historia. Hai tamén unha raíz “populista democrática” que está na base do modelo. E que explica porqué case ningún político é capaz de ofrecer ideas diversas. É unha base que arraiga no nacionalismo económico e a difusión do imperialismo eurocentrista que predomina na visión de moitos cidadáns. Un nacionalismo que considera que os avances dunha economía son o resultado do simple esforzo da nación e que ignora as complexas interrelacións de cada economía nacional coa súa contorna exterior: a depredación ecolóxica do mundo enteiro, o intercambio desigual e o imperialismo sobre outros pobos son aspectos que simplemente se ignoran. É unha visión que non só se nutre de estrabismo económico, tamén moito dun autoconvencemento de que o resto de pobos, grupos sociais desfavorecidos, etc., son realmente inferiores e calquera axuda que se lles preste debe ser feita con reticencias. As formas deste desprezo do pobre variaron co tempo, pero son palpábeis e visíbeis, mesmo en moitos dos debates de política interior onde se enfrontan rexións ou nacionalidades diversas. Para moitos habitantes dos países máis desenvolvidos é convincente a explicación de que os males dos países veciños o son por mérito propio. Hai uns anos, por exemplo, era un lugar común en moitos mentideiros considerar que os males de África se reducían a un problema de corrupción local. E esta mesma reticencia persiste entre países europeos: os do Sur ou os do Leste somos pouco de fiar.

Bastante diso se traduce na construción europea: o medo a que a ingobernabilidade do Sur poña en crise o proxecto explica parte das restricións excesivas ao déficit público ou ao bloqueo de toda iniciativa de crear un mínimo estado de benestar a escala comunitaria.

A crise grega destapou de novo estes temores e alenta respostas populistas que acabarán traducíndose, se triúnfan, en novas imposicións aos países en dificultades. E que poden ter o efecto engadido de reforzar as múltiples e perigosas tendencias populistas que promoven saídas irracionais á crise e que levan consigo novas cargas de racismo, xenofobia e illamento exterior. Efectos colaterais dunha crise económica que ante a ausencia de alternativas globais e de actores que as defendan parece achegarnos paso a paso ao corazón das tebras.

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 4 de marzo de 2010]

cig.prensa@galizacig.com