Un feito confirma que a tropas de EEUU van quedar en Haití por un tempiño, como adiantou o tenente coronel Keim: a Casa Branca encargou á DynCorp International, empresa semioficial do Pentágono e da CIA, a ampliación da base militar dos ocupantes Para iso expropiaranse e derrubaranse as vivendas de centenares de haitianos nas choupanas de Café Soleil, o barrio de Porto Príncipe que máis buracos de balas estranxeiras exhibe...
A noticia apareceu en Stars and Stripes, unha publicación destinada a militares, ás súas familias e ao persoal civil do Pentágono, que se publica desde 1942: os marines que EE.UU. enviou a Haití para prestar axuda humanitaria estanse adestrando para loitar en Afganistán (www.stripes.com, 29-3-10). A explicación é candorosa: como hai semanas que as tarefas humanitarias diminuíron -explica o xornal-, os efectivos teñen pouco que facer e entón adéstranse simulando combates e practicando tácticas ad hoc. O dereito internacional establece que este acto é unha violación de soberanía nacional, pero a iso Washington está moi afeito, especialmente en Haití.
É notorio que a primeira ocupación dos marines norteamericanos se estendese de 1915 a 1934 para impedir que os guerrilleiros haitianos tomasen o goberno. Chamábanlles “cacos” e respondían a diferentes grupos políticos dos que algúns querían aos invasores fóra. Durante eses vinte anos imperou a lei marcial, as forzas de EE.UU. tomaron o control do tesouro e das aduanas de Haití e, ademais, do Parlamento, para que este elixise o presidente que a Casa Branca elixira. Todo moi democrático. Tres mil haitianos foron mortos, pero dos hábiles marines só caeron 16. En 1994 volveron intervir para pór a Jean-Bertrand Aristide na presidencia, e dez anos despois regresaron para sacalo. Washington dedit, Washington abstulit.
O tenente coronel Gary Keim, xefe dun batallón de loxística, recordou ou aprendeulles esta historia aos efectivos que EE.UU. enviou despois do terremoto. “Pedíronnos que a relésemos -dixo-. Estivemos antes aquí. Tivemos éxito antes” (www.usatoday.com, 25-1-10. Terán algo que ver as intervencións estadounidenses en Haití cun operativo de asistencia humanitaria? Ou o tenente coronel sabía que o humanista non quitaría o militar, como ben se ve? Ignórase cando os ocupantes deixarán esa case metade da illa La Española. Segundo Keim, dixéronlles que quedarían por “un tempo indefinido”.
É ben preguntarse como se obtivo “o éxito de antes”. Os marines inauguraron tácticas que aplicaron e seguen aplicando despois: o bombardeo aéreo en apoio da infantaría, a práctica da tortura e as execucións sumarias, a creación dunha forza represiva local dirixida por oficiais estadounidenses. A oposición civil acompañou á guerrilleira. A unha folga estudantil sumáronse os traballadores urbanos e, en decembro de 1929, miles de campesiños enfrontaron ás metralladoras do ocupante con pedras, garrotes e machetes. Resultado: 24 haitianos mortos, 51 feridos e un marine lesionado. O comandante da tropa foi condecorado coa Cruz Naval polo mérito indubidábel de dirixir a matanza.
O daquela maior Smedley Butler foi un dos primeiros en desembarcar en Haití, onde recibiu a súa segunda Medalla de Honra por valor no combate. Pasou a retiro co grao de maior xeneral en 1931 e en agosto dese ano sincerouse nunha convención da Lexión Americana (Jules Archer, The Plot to Seize the White House, Hawthorn Books, Nova York, 1973). Paga a pena citar as súas palabras in extenso: revelan a verdadeira natureza das intervencións militares estadounidenses en países estranxeiros.
Dixo Butler: “Pasei 33 anos sendo un músculo de gran clase para os Grandes Negocios, para Wall Street e os banqueiros. En síntese, fun un depredador do capitalismo... Axudei a purificar Nicaragua para o banco internacional Brown Brothers en 1909-1912. Axudei a facer de México, especialmente de Tampico, un lugar seguro para os intereses petroleiros estadounidenses en 1916. Achandei a República Dominicana para os intereses azucreiros estadounidenses en 1916. Axudei a converter a Haití e a Cuba nun lugar decente para que os rapaces do (banco) National City puidesen obter ganancias. Axudei a saquear unha media ducia de repúblicas centroamericanas para beneficio de Wall Street... En China, en 1927, axudei a que a Standard Oil puidese facer o seu traballo sen molestias... tiña unha cuadrilla distinguida. Recompensáronme con honras, medallas, promocións... Podería terlle feito algunhas chiscadelas a Al Capone. O máis que puido facer é operar en tres cidades. Os marines operaron en tres continentes”. Archer asegura que a audiencia estaba atónita. E que poucos xornais se atreveron a publicar aínda que só fose un fragmento inocente do discurso.
Un feito confirma que a tropas de EEUU van quedar en Haití por un tempiño, como adiantou o tenente coronel Keim: a Casa Branca encargou á DynCorp International, empresa semioficial do Pentágono e da CIA, a ampliación da base militar dos ocupantes (www.michelcollon.info, 10-2-10). Para iso expropiaranse e derrubaranse as vivendas de centenares de haitianos nas choupanas de Café Soleil, o barrio de Porto Príncipe que máis buracos de balas estranxeiras exhibe.
[Artigo tirado do xornal arxentino ‘Página12’, do 1 de abril de 2010]