Un dos aspectos máis polémicos do texto orixinal da chamada Directiva Bolkenstein era o chamado principio do país de orixe, mediante o cal sería de aplicación aos traballadores destacados noutro estado comunitario a lexislación laboral do país de procedencia, e non as normas proprias do país de acollemento onde prestasen os seus servizos.
A contestación social e sindical viña dada pola certeza de que o principio do país de orixe lexitimaría o dumping social, isto é, a obtención de vantaxes competitivas para as empresas amparándose nunha lexislación social menos esixente, que aliás non é difícil de encontrar na heteroxénea Europa dos 27. Finalmente, foi adoptado un acordo de compromiso no Parlamento Europeo que contou co voto favorábel dos grupos socialista, liberal e conservador e co apoio explícito da Confederación Europea de Sindicatos (CES). Este acordo deu lugar á Directiva 2006/123/CE, de servizos no mercado interior.
No texto finalmente aprobado, substituíase o cuestionado principio do país de orixe polo de liberdade de estabelecemento e de circulación de servizos, sen chegar a afirmarse expresamente que debía prevalecer sempre a lexislación do país de acollemento. Isto supuña atribuír ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE) un papel relevante á hora de interpretar os textos propositadamente ambiguos da Directiva, o que implicaba transferir unha cuota importante de poder do Parlamento (que, con todos os seus defeitos, é unha instancia de base democrática) ao TUE (un órgao técnico-xurídico, supostamente neutral, mais moi sensíbel aos intereses e presións das empresas).
E, como era de prever, todo o que podía saír mal saíu mal. O Tribunal de Luxemburgo ditou recentemente tres sentenzas, nos casos Viking Line, Laval/Vaxholm e Rüffert, que supoñen de facto a aplicación do supostamente abortado principio do país de orixe e un convite xudicial ao dumping salarial, o que representa unha grave crise do direito social comunitario.
Resumirei brevemente cada un dos casos:
- Caso Viking Line (sentenza do 11 de decembro de 2007): o TUE condena unha acción sindical levada a cabo en Finlandia, que se opuña a que unha armadora finlandesa, Viking Line, rematriculase o transbordador ‘Rosella’ en Estonia, para aplicar así á tripulación as condicións salariais e laborais estonianas, claramente inferiores ás existentes en Finlandia.
- Caso Laval/Vaxholm (sentenza do 18 de decembro de 2007): o TUE condena de novo os sindicatos, agora en Suecia, por tentaren bloquear os traballos dunha empresa letoa, Laval, subcontratada por unha empresa sueca no municipio de Vaxholm, que se negaba a aplicar as condicións do convenio colectivo sueco do sector aos traballadores letóns.
- Caso Rüffert (sentenza do 3 de abril de 2008): o TUE condena o estado federado da Baixa Saxonia, na Alemaña, por tentar impor o salario mínimo vixente para as empresas encarregadas da execución dun contrato administrativo. O TUE daba a razón a un subcontratista polaco, que traballaba para a empresa alemá Rüffert, pagando aos seus operarios salarios inferiores á metade do marcado pola lei do Estado.
Nos tres casos, a fundamentación xurídica do TUE é moi similar. Considera que a igualdade de trato entre os traballadores constitúe unha restrición da libre prestación de servizos garantida polo Tratado da Unión Europea. O dumping salarial é xustificado de forma explícita, ao afirmar que: «unha lexislación como a lei do Land [da Baixa Saxonia] pode impor aos contratistas de servizos públicos estabelecidos noutro estado-membro, onde as remuneracións salariais mínimas son máis baixas, unha carga económica suplementar que é susceptíbel de impedir, perturbar ou tornar menos atractiva a execución das súas prestacións no estado‑membro de acollemento» (alínea 37, sentenza Rüffert).
Este argumento resulta inaceitábel, pois é evidente que calquer melloría social que se produza nun país contribúe dalgún xeito a tornar o seu mercado «menos atractivo» para as empresas. Parece evidente que o monstro de Bolkenstein (o chamado principio do país de orixe) se manifesta de novo, aínda que agora entre pola porta pequena.
Haberá quen diga que esta é unha leitura alarmista das sentenzas e que non poden extrapolarse consecuencias máis alén dos cenarios locais en que se producen os feitos. É certo, por exemplo, que o caso Laval explícase en boa medida porque no modelo social sueco (a flexecurity que nos queren vender) non existen convenios colectivos de eficacia xeral nen salarios mínimos tal como os coñecemos no Sul de Europa. Porén existen dous dados esenciais que non poden ser pasados por alto:
a) Nos tres casos de referencia, o TUE permitiu a contratación de traballadores doutros estados-membros con salarios moi inferiores aos dos traballadores nacionais. Isto chámase dumping social. Afírmase que: «criar as condicións dunha concorrencia leal, con condicións iguais entre empregadores suecos e empregadores chegados doutros estados-membros» (sentenza Laval) non pode ser considerado como unha razón de orde pública e que, polo tanto, non pode xustificar unha restrición á libre prestación de servizos. A liberdade de comercio é o título xurídico que utiliza o Tribunal para limitar a acción dos sindicatos e os direitos dos traballadores.
b) O TUE vaciou de conteúdo o artigo 3, parágrafo 7, da Directiva 96/71/CE, sobre desprazamento de traballadores, que permite a aplicación de condicións de traballo e de emprego máis favorábeis que as normas mínimas. Nas tres sentenzas citadas, o Tribunal reafirma con forza esta interpretación. Cito, por exemplo, a sentenza Laval: «o nível de protección que debe estar garantido aos traballadores detacados no territorio do estado-membro de acollemento está limitado, en principio, ao previsto no artigo 3, parágrafo 1, alínea primeira, letras a) a g), da Directiva 96/71», isto é, limitado ao factor mínimo de protección.
Por inxenuos que queiramos ser, estes dous dados son dificilmente cuestionábeis, e abren unha fenda profunda no direito social comunitario tal como o víñamos entendendo.
Vou finalizar a miña intervención cunhas consideracións de carácter menos xurídico e máis sindical:
Poucos gobernantes de calquera estado europeo (excepto, claro está, Silvio Berlusconi) se atreverían a explicar á cidadanía dos seus países que os direitos individuais dos empresarios deben prevalecer sobre os direitos individuais e colectivos dos traballadores. Sería suicida apresentarse perante o eleitorado dicendo que está ben que os asalariados procedentes doutros países menos desenvolvidos da UE cobren menos que os nacionais ou que estes non poidan facer unha folga para o impedir. Porén, este é o futuro que as altas esferas comunitarias, sen pasar polas urnas, están a deseñar para os traballadores de Europa.
Estes sentenzas do TUE están en liña coas tendencias máis profundas da Unión Europea actual, que fai da abertura á compencia e da liberdade de empresa o eixo principal da súa construción. Esta era a lóxica do malfadado proxecto de Constitución europea de 2005 e da súa secuela, o Tratado modificativo de Lisboa, en curso de ratificación, que se pretende furtar ao sufraxio directo da cidadanía. A liberdade de circulación de bens, de servizos e de capitais está no cerne dos tratados. Directamente derivado dos tratados europeos, o direito da competencia, de nível comunitario, subordina os outros sectores do ordenamento xurídico. O direito da competencia é o verdadeiro Direito Constitucional europeo. Frente a el, os outros textos normativos aparecen como simples comparsas ou declaracións de intencións. É hoxe responsabilidade do movemento sindical en Europa, e en xeral de todos os movementos sociais e cidadáns, acumular as forzas necesarias para salvarmos o Direito do Traballo e impormos unha lexislación europea que permita a harmonización polo alto dos direitos sociais.
__________________________________________________
* Intervención da CIG na mesa redonda das Xornadas sobre a xurisprudencia laboral en Europa, que tiveron lugar na Faculdade de Dereito da Universidade da Coruña os días 8 e 9 de maio de 2008, organizadas pola Universidade da Coruña, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Instituto de Investigación da Asociación Coruñesa de Dereito Comparado do Traballo e da Seguranza Social.