Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
5/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A transformación da Europa Social á Europa neoliberal

O poder do capital financeiro, e moi en especial da banca, construíu unha estrutura que imposibilita a saída da recesión. E os dous alicerces desta construción son o BCE, completamente independente de calquera control público, e o Pacto de Estabilidade, reforzado aínda máis co Pacto Fiscal que solidifica a austeridade...

O falso problema da débeda

 A crise actual é unha crise creada por decisións tomadas pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo (BCE) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). E o obxectivo de tales decisións era conseguir o que está agora ocorrendo, é dicir, o desmantelamento do Estado do Benestar (eliminando o principio básico de universalidade -é dicir, da identificación de dereitos sociais co concepto de cidadanía- e a redución da protección social. Tales institucións, xunto co Consello Europeo, quixeron promover a idea (que ao final calou entre a poboación como resultado da colaboración e complicidade dos medios de comunicación) de que un problema, creado no sector privado, consecuencia dun enorme endebedamento privado, ten que se resolver a base da redución do sector público.

 Segundo tal teoría, a “solución” á crise pasa por facer crer á cidadanía que hai que reducir as pensións públicas, recortar o gasto público, incluíndo o social (con recortes na sanidade, na educación, nos servizos de atención domiciliaria, nas escolas de infancia, nos servizos sociais, etcétera) co fin de saír da crise. A intensidade de tal enxurrada ideolóxica é tal (axudada pola falta de medios de información con vocación crítica da sabedoría convencional) que mesmo persoas que se autodefinen de esquerdas acreditan niso e cando gobernan aplican tamén tales políticas neoliberais, recorrendo ao argumento de que non hai alternativas.

 Con iso, a única diferenza entre as esquerdas e as dereitas gobernantes é a intensidade dos recortes e a dilución dos dereitos sociais. A crise da socialdemocracia en Europa, incluído Estado español, débese precisamente a este feito.

 É un indicador do enorme poder mediático e político que teñen aquelas institucións (a troika e o Consello Europeo) e os intereses financeiros e empresariais que representan, que tales políticas, cuxo aval científico é nulo, se converteron na sabedoría convencional do pensamento económico, mediático e político. Os datos, porén, mostran as súas enormes falsidades.

 Primeira falsidade. “O maior problema que hoxe existe é o enorme tamaño da débeda pública”, frase utilizada desde o Presidente do BCE, o Sr. Mario Draghi (ultraliberal) ao Catedrático de Economía, Josep Oliver (socialdemócrata, nunha entrevista en TV3) que crea a desconfianza dos omnipotentes mercados financeiros cara aos estados dos PIGS (Portugal, Irlanda, Grecia e España) e as súas dificultades para poder financiarse. Mais ollemos os datos e vexamos o tamaño da débeda pública de tales países.

 Cando a crise empezou, o Estado español tiña, en realidade, unha das débedas públicas máis baixas da Unión Europea (UE). Grecia, en cambio, tíñaa elevada, 115% do PIB, pero non máis elevada que moitos outros países da UE. En realidade, podería terse reducido se a súa taxa de crecemento económico continuase elevada e puidese acceder ao diñeiro a uns xuros baixos. Pero isto non ocorreu. Máis ben ao contrario, as políticas impostas pola troika empeoraron a situación dramaticamente, de maneira que en case dous anos subiu ao 165% do PIB, cun dramático descenso do seu crecemento económico. En realidade, o PIB caeu en picado (perdeu un 11% do seu PIB), e Grecia entrou en recesión.

 Calquera macroeconomista que non pertenza á seita dogmática neoliberal pode ver que as políticas impostas a Grecia eran unha desfeita. O que tiñan que facer é precisamente o contrario do que fixeron. O PIB de Grecia representa só un 3% do PIB agregado dos países da UE-15 (o grupo de países con maior desenvolvemento económico da UE). Aquelas institucións poderían axudar a Grecia, facilitando o seu crecemento económico á vez que estimulasen as súas reformas internas (incrementando os ingresos ao Estado -en lugar de recortar o seu gasto público social-, ou diminuíndo o seu gasto militar, o máis elevado proporcionalmente da UE-15) e o BCE lle mercase a súa débeda pública. Estas intervencións apenas se consideraron. No seu lugar seguíronse as políticas de austeridade (que tiñan como obxectivo principal que o Estado grego pagase as súas débedas á banca alemá e francesa, e que este privatizase o seu sector público para o beneficio dos intereses financeiros alemáns, franceses e gregos).

 Estas políticas de austeridade ían envolvidas dunha mensaxe que intentaba ser mobilizador das clases populares de Alemaña, presentando tales políticas como necesarias para penalizar o pobo grego que vivía por riba das súas posibilidades. Termos como “lacazáns” eran frecuentes nos maiores medios de información alemáns. En realidade, o traballador grego traballa máis horas ao ano (2.007) que o alemán (1.408), e xubílase máis tarde que o alemán. Un obxectivo daquelas institucións era, e é, dividir ás clases populares para evitar a mobilización popular (que é inevitábel que ocorra) fronte a tales políticas.

A austeridade creou a recesión

 As devanditas políticas de austeridade crearon a recesión, recesión que empeorou a chamada confianza dos mercados, pois os mercados financeiros temen que se o que pasou en Grecia, resultado das políticas impostas pola troika, se reproducise noutros países como o Estado español e Italia, a Recesión se convertería en Depresión. Cando a troika esixiu 74.000 millóns de euros de recortes a Italia (cuxa débeda é cinco veces superior á grega) os xuros dos bonos italianos disparáronse. Algo semellante ocorreu no Estado español.

 As políticas de austeridade e a gran recesión que están causando, explican que os xuros da débeda pública destes países se estean disparando. Tales xuros aumentan porque cada vez é máis difícil vender os bonos do Estado, pois os mercados temen que os Estados, debido ao escaso crecemento económico, non terán os recursos para lles pagar.

 Pero esta desconfianza explica tamén outro feito. E é que cando os mercados ven que os Estados teñen que ofrecer xuros tan altos para poder vender os seus bonos, daquela os bancos (que consideran tales bonos como pouco seguros) véndenos. E hai entón unha fuxida xeral do capital cara a outros países con bonos máis seguros (como o alemán).

 Mais non só os Estados son vulnerábeis, senón que todo o sistema bancario está en dificultades porque as súas tripas están cheas de débeda pública (máis dun billón de euros públicos españois). E así batemos cunha situación paradoxal. Por unha banda é bo para os bancos que os Estados teñan que pagarlles xuros altísimos. Eles reciben diñeiro do BCE a uns xuros baixos (1%) e compran bonos do Estado a uns xuros do 6% ou o 7%. Un negocio redondo. Pero, cando compran moito e especulan con iso, corren o risco de que ao final o Estado non lles poida pagar os xuros. A sorte que teñen é que o BCE (o seu gran lobby) imprime diñeiro e axúdaos.

 A alternativa tamén é fácil de ver. O BCE debería imprimir diñeiro e comprar bonos públicos dos Estados (en lugar de darlles diñeiro aos bancos para que eles o merquen) e con iso diminuír os xuros. Hai que entender que os xuros dos bonos non os deciden os mercados senón o BCE. O feito de que os xuros da débeda se disparasen débese a que o BCE deixou de comprar bonos públicos do Estado español. E por que deixou de compralos? E a resposta que vostede, lector, non lerá nin oirá nos seus medios é que o BCE supedita a súa compra de bonos a que o Estado privatice o Estado do Benestar. Así de claro. Utiliza a enorme presión que ten o Estado para o forzar a que faga estes cambios. É unha chantaxe clara!

 Esta é a realidade. Non hai dúbida de que a troika é consciente de que as súas políticas están creando a crise. Non é un problema de incompetencia (aínda que esta é abundante entre os economistas, como os de Fedea, talibáns neoliberais, senón de arriscarse a crear unha gran depresión, utilizando o pánico da crise para conseguir o que desexan: a privatización do Estado do Benestar, a redución da protección social, e o debilitamento do mundo do traballo.

Por que a recesión non se poderá resolver no Estado español e na UE?

 O xeito en que se construíu a Eurozona fai imposíbel que se resolva o problema. O poder do capital financeiro, e moi en especial da banca, construíu unha estrutura que imposibilita a saída da recesión. E os dous alicerces desta construción son o BCE, completamente independente de calquera control público, e o Pacto de Estabilidade, reforzado aínda máis co Pacto Fiscal que solidifica a austeridade. Vexamos os datos.

 A consolidación do euro como moeda da zona fai que aquel país que acumule máis euros estea nunha situación dominante. Este país é Alemaña, e a súa enorme acumulación de euros débese a que a súa economía se basea en exportacións, dúas terceiras partes das cales van aos países da Eurozona. Alemaña vende, e os demais países compran.

A banca alemá como problema

 Esta política baseada nas exportacións fundaméntase (como sempre ocorre cando un país basea a súa economía en exportacións) nunha moderación da demanda doméstica baseada nunha enorme moderación salarial. As famosas reformas do chanceler Schröder baseábanse neste obxectivo: reducir a protección social e conseguir unha redución das rendas do traballo a custa do crecemento das rendas do capital.

 Hai que sinalar que había outra alternativa: a favorecida polo seu Ministro de Economía, Oskar Lafontaine, que salientaba a necesidade de basear o crecemento económico no crecemento da demanda doméstica, subindo os salarios e a protección social. Lafontaine perdeu, e con iso non só a clase traballadora alemá, senón todas as clases populares da Eurozona, pois o crecemento da demanda doméstica alemá estimularía o crecemento da economía europea, mostrando que os intereses do traballador alemán obxectivamente coinciden máis cos intereses dos traballadores dos países da Eurozona que cos intereses da burguesía financeira e empresarial alemá.

 A enorme acumulación de euros deu gran poder á banca alemá, que investiu cumpridamente na banca española, sendo este investimento un elemento chave en crear a burbulla especulativa inmobiliaria (da cal conseguiu grandes beneficios). Creouse así o enorme problema da débeda privada, que está no centro da crise. Este endebedamento estaba facilitado, en parte, pola accesibilidade ao crédito, pero tamén á redución da capacidade adquisitiva das rendas do traballo, forzando ás familias a endebedarse para manter o seu nivel de vida.

 Aí está a raíz do problema. Este está no sector privado e non no público. Por iso é polo que o problema maior non é o chamado problema da débeda pública, senón da débeda privada. E de aí tamén a enorme vulnerabilidade do sistema bancario europeo. O xeito como se intenta resolver é mediante a excesiva axuda do BCE á banca, que chegou a niveis absurdos. En realidade, a atención á débeda pública é unha maneira de distraer a atención pública.

 Agora ben, había outras alternativas, e que incluían que o BCE fose un banco central (como o é o Federal Reserve Board de EEUU), que comprase débeda pública e que axudase a establecer bancos públicos que garantisen o crédito, posibilidades nunca consideradas nin polo BCE, nin pola troika. Estas políticas resolverían o problema da falta de crédito.

 Mais o BCE non fixo nin unha cousa nin outra. É certo que cando os Estados estaban a piques de colapsar (cuns xuros dos bonos prohibitivos para os Estados), entón o BCE interveu para mantelos vivos, deixando de comprar bonos públicos cando se reanimaban algo. Era o intento de manter vivos os Estados para que os bancos puidesen continuar chuchándolles o sangue como sanguesugas.

 Pero a outra característica do BCE que imposibilita a resolución da recesión é o seu obxectivo de manter a estabilidade de prezos, que quere dicir manter unha inflación moi baixa. Como dixo Jean Claude Trichet, Presidente do BCE até 2011, “o maior labor do BCE foi manter a inflación por baixo dun 2%. En realidade, a media dos trece anos foi de 1,55%, que é moito mellor que o record dos cincuenta anos anteriores”. Mais para conseguir este obxectivo creouse unha recesión que significou que un de cada dous mozos no Estado español non atopa traballo.

 O BCE non ten como obxectivo nin estimular o crecemento económico nin a creación de emprego, obxectivo que existe noutros bancos centrais como o FRB de EE.UU. É certo que a instancias do goberno socialista Jospin, de Francia, se engadiu ao título do Pacto de Estabilidade a expresión “crecemento”. Pero non se lle permitiu ao BCE que desenvolvese as medidas para estimular a economía e crear emprego. Unha delas sería baixar os xuros bancarios (que os define o BCE). Mesmo en tempos de recesión (2011) os xuros creceron dúas veces máis que durante o período previo á recesión. Hoxe son do 1,5%, cando en EEUU os xuros son practicamente cero.

 É máis, as impresoras de moeda que controla o BCE traballan moito menos do que o fan outros bancos centrais. O FRB imprimiu 2.3 billóns de dólares, moito máis que o BCE (unha cuarta parte desta cantidade), axudando, tamén moito máis que o BCE, aos Estados de EE.UU. e ao goberno federal. A axuda do BCE aos Estados da Eurozona foi moito máis limitada que en EEUU. Por iso é polo que o crecemento media de EE.UU. sexa un 2,5% do PIB anualmente, e que na UE sexa só un 0,5%.

A malignidade do Pacto Fiscal

 Mais a segunda medida que está impedindo a saída da crise é o Pacto de Estabilidade, citado anteriormente. O requisito de que os Estados non teñan un déficit público superior ao 3% significou un atranco que dificultou a recuperación. Durante a recesión do 2009, o déficit orzamentario do Estado de EE.UU. foi dun 9% do PIB, permanecendo a este nivel até o ano 2011. Se fose un 3%, o crecemento económico e creación de emprego sería moito menor. E a situación empeorou aínda máis co novo Pacto Fiscal, que obriga os estados a non ter practicamente déficit, o cal é un disparate. Condena á Eurozona e á UE a un crecemento moito menor e imposibilita a saída da crise.

 Unha vez máis, o goberno socialista francés, agora presidido por Hollande, está presionando para que tal Pacto leve tamén o título de crecemento. Mais o dominio conservador da troika non permitirá o desenvolvemento dos instrumentos para alcanzalo, como tamén ocorreu cando se aprobou o Pacto de Estabilidade.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 1 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com