Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
5/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Irlanda: Resignación e medo, claves do resultado do referendo

O resultado do referendo a favor do tratado fiscal europeo foi un voto de resignación ante as políticas de austeridade, máis que unha mostra de confianza, e unha expresión de medo ante as ameazas de illamento e penuria Este é un tempo estraño en Europa, onde o Goberno alemán parece levar a voz cantante nas decisións, non só da Comisión Europea, senón dos propios gobernos.

 Irlanda votou a favor do tratado fiscal pero, mesmo para os partidos que buscaban ese resultado, hai pouco que celebrar. Para o Goberno irlandés, formado por unha coalición de conservadores (Fine Gael) e laboristas, é evidente que este non é un voto de confianza cara a eles ou as súas políticas. Para Fianna Fail, que desde a oposición tamén apoiou o voto favorábel ao tratado, a vitoria tampouco se pode interpretar como unha recuperación do partido, decimado nas últimas eleccións polos escándalos de corrupción e por políticas que aplicadas durante os seus doce anos de goberno os irlandeses consideran son a causa da dimensión da crise. O que si reflicte o resultado son os sentimentos dos cidadáns durante a campaña; a resignación ao mandato da troika formada polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Comisión Europea; e o medo dos irlandeses ante a ameaza de que un voto en contra do tratado significaría a fin do rescate europeo.

 Este é un tempo estraño en Europa, onde o Goberno alemán parece levar a voz cantante nas decisións, non só da Comisión Europea, senón dos propios gobernos. Hai unhas semanas, un documento interno -e confidencial- da Comisión sobre a situación fiscal de Irlanda acabou sendo o centro do debate no Parlamento alemán. Entón pedíronse explicacións, pero non transcenderon á opinión pública. Que un documento confidencial sobre un Estado membro se filtre ao Parlamento alemán é preocupante. Máis aínda o é que os políticos alemáns se consideren con dereito a debater a situación económica doutro Estado soberano. En Irlanda, o chiste di que polo menos o novo xefe do Goberno irlandés sabe o que fai: o seu nome é Angela Merkel.

 Se cadra é por iso polo que os diarios irlandeses se fixeron eco inmediato da reacción da chanceler ante o resultado da votación, que cualificou de «boas noticias para Irlanda e Europa». Especialmente, boas noticias para os bancos alemáns, porque garanten a continuación dos pagamentos desde Irlanda aos investidores alemáns, na súa maioría bancos, que especularon nos días de bonanza en Irlanda, e aínda hoxe seguen sen perder, xa que seguen cobrando polos seus investimentos a pesar da quebra desas entidades. Esta é unha historia de «lavado» de diñeiro do sector público ao privado: o diñeiro dos cidadáns europeos (diñeiro público, por definición) viaxa a Dublín para acabar nas mans dos bancos alemáns (privados, claro). O que non se comprende é como Merkel pode considerar boas noticias «as demandas» do programa de consolidación e reforma, «que significarán novos recortes e dificultades» para os irlandeses, segundo ela mesma advertiu.

 Esta advertencia contradí as promesas dos políticos irlandeses favorábeis á ratificación do tratado. O tratado é o «cravo ardendo» ao que se aferran os irlandeses, xa que algúns -unha minoría dos que votaron a favor do tratado- se seguen agarrando ás promesas dos empresarios e gobernos, de que o resultado lles proporcionará postos de traballo, investimentos e o final dos pagamentos ao pozo sen fondo da débeda bancaria. Estas son promesas que xa se produciron durante o referendo do tratado de Lisboa e nunca se materializaron. Merkel xa lles dixo aos irlandeses o que lles espera, que o que vén é peor que o que está, pero, claro, reservouse esa aclaración até despois da votación.

 Que entre os grupos de poboación que máis saben de promesas rotas o voto contra o tratado fose especialmente alto mostra que, en tempos de crises, a división política se nutre da división clasista. É nas áreas onde máis se sufriron os recortes e que engrosan as listas de desemprego, onde a oposición ao novo tratado foi máis evidente. Fronte ao apoio á ratificación dos agricultores e as clases medias, o «non» gañou nas zonas traballadoras. O «si» gañou no rico sueste de Dublín, mentres que a oposición se fixo patente no condado de Donegal, no noroeste da illa -vítima da emigración, a falta de investimento e industria e, en consecuencia, dos recortes nas axudas sociais- e nos distritos de clase obreira de Dublín. Por exemplo, en Ballymun, no norte de Dublín, case un 90% dos votos se opuñan ao tratado fiscal.

 En Donegal, norte e sur do condado, votaron contra o tratado fiscal. O voceiro de Finanzas de Sinn Féin, Pearse Doherty, é un nativo de Gwedore, na área gaélicoparlante de Donegal. Apuntou que o rexeitamento ao tratado no noroeste non é sorprendente, debido ao alto desemprego, á alta emigración e ao impacto dos recortes orzamentarios en servizos locais e escolas rurais. Daba conta do transfondo do resultado do referendo, advertindo de que «esta non é unha gran vitoria para o Goberno». Doherty engadiu que «centos de miles de persoas se manifestaron contra o tratado porque a austeridade que trae consigo foi un fracaso e seguirao sendo. Este Goberno necesita tomar unha nova dirección se queremos dar ao pobo irlandés o futuro que merece».

 O que si fixo o referendo é reforzar a crenza de analistas e académicos de que a clase social-económica está empezando a xogar un papel importante nas tendencias de voto. Esta nova división política, baseada na clase social, emerxeu recentemente e podería significar o punto final á chamada «política de guerra civil» que marcou a historia de Irlanda desde a súa independencia de Gran Bretaña, a principios do século XX, e que mantivo a dous partidos conservadores, Fine Gael e Fianna Fail (os dous bandos da guerra civil) nunha alternancia de goberno durante os últimos oitenta anos. As enquisas de opinión tamén confirman esta nova tendencia, con Sinn Féin como segundo partido na república irlandesa, superando a laboristas e a Fianna fail. Queda por ver se estas enquisas e a tendencia de voto no referendo se verán reflectidas nas eleccións xerais.

 

 

[Artigo tirado do xornal vasco ‘Gara’, do 4 de xuño de 2012]

cig.prensa@galizacig.com