Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
5/8/2010

James Petras (nado en 1937) é profesor emérito de socioloxía na Universidade de Binghamton, Nova York. Traballou co Movemento dos traballadores sen terra do Brasil e co Movemento dos parados da Arxentina. É autor de diversos libros, entre os que salientan: The Power of Israel in the United States (2006), Social Movements and State Power: Argentina, Brazil, Bolivia, Ecuador, con Henry Veltmeyer (2005) e Globalization Unmasked: Imperialism in the 21st Century, con Henry Veltmeyer (2001).

Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A tendencia á barbarie e as perspectivas para o socialismo

O retroceso sostido e xeneralizado dos dereitos sociais e os recursos para o benestar, os salarios, a seguridade laboral, as pensións e os salarios demostran que a idea de progreso lineal do capitalismo é falsa. A inversión do curso dos acontecementos, froito do poder reforzado da clase capitalista, demostra a validez da afirmación marxista de que a loita de clases é o motor da historia; polo menos, na medida en que a condición humana se considere o eixo da historia...

As sociedades e os Estados occidentais avanzan de forma inexorábel cara a unhas condicións que lembran a barbarie; os cambios estruturais están invertendo o curso de décadas de benestar social e sometendo o traballo, os recursos naturais e a riqueza das nacións á explotación, a pillaxe e o saqueo descarnados, ademais de facer descender os niveis de vida e provocando uns niveis de insatisfacción sen precedentes.

Comezaremos por esbozar os procesos económicos e militares que impulsan este proceso de degradación e descomposición para, acto seguido, ofrecermos unha explicación das respostas populares masivas a esta deterioración das condicións. Os cambios estruturais profundos que acompañan o auxe da barbarie convertéronse no fundamento para reflexionar sobre as perspectivas para o socialismo do século XXI.

A marea crecente de barbarie

Nas sociedades antigas, a «barbarie» e os seus portadores, os «bárbaros», percibíanse como unha ameaza de invasores procedentes do exterior, vindos de cidades remotas que se abalanzaban sobre Roma ou Atenas. Nas sociedades occidentais actuais, os bárbaros proveñen do interior, das elites da sociedade, decididas a impor unha nova orde que destrúe o tecido social e a base produtiva da sociedade convertendo uns medios de vida estábeis en condicións para a vida cotiá inseguras e que non deixan de empeorar.

As claves da barbarie contemporánea están nas estruturas profundas do Estado e a economía imperiais. Son as seguintes:

1. O ascenso dunha elite financeira especulativa que saqueou billóns de dólares de aforradores, investidores, titulares de hipotecas, consumidores e do propio Estado, desviando cantidades inxentes de recursos da economía produtiva a mans de elites parasitarias inseridas na economía estatal e especulativa.

2. A elite política militarista ocupada en manter unha sitaución de guerra permanente desde mediados do século pasado. As guerras incesantes, os asasinatos transfronteirizos, o terrorismo de Estado e a suspensión de garantías constitucionais tradicionais desembocaron na concentración de poderes ditatoriais, o encarceramento arbitrario, a tortura e a negación do habeas corpus.

3. No medio dunha recesión e estancamento económicos profundos, os elevados niveis de gasto na construción dun imperio económico e militar a expensas da economía nacional e do nivel de vida reflicten a subordinación da economía local ás actividades do Estado imperial.

4. A corrupción nas altas esferas en todas as facetas do Estado e a actividade empresarial, desde nas adquisicións públicas até na privatización ou as subvencións aos millonarios, favorecen o crecemento do delito internacional de arriba a abaixo, a lumpenización da clase capitalista e a existencia dun Estado no que a lei e a orde pasaron a estar mal vistas.

5. Como consecuencia dos elevados custos de construción do imperio e da pillaxe imposto pola oligarquía económica, a carga socioeconómica foi depositada directamente sobre os ombreiros dos salarios e os asalariados, os pensionistas e os traballadores autónomos, o que se traduciu nunha redución da mobilidade a gran escala e a longo prazo. Coa perda de postos de traballo e a desaparición de empregos ben remunerados, os desafiuzamentos en vivendas disparáronse e as clases traballadoras e medias estabilizadas retroceden e vense obrigadas a aumentar o número de horas e anos de traballo.

6. A medida que as guerras imperiais se espallan por todo o mundo até alcanzar a poboacións enteiras a través de bombardeos reiterados e actividades terroristas clandestinas, xeran a oposición de redes terroristas, que teñen como branco tamén os civís presentes en mercados, medios de transporte e espazos públicos. O mundo parece o universo hobbesiano do «todos contra todos» .

7. O aumento do extremismo étnico e relixioso vinculado ao militarismo apréciase entre cristiáns, xudeus, musulmáns e hinduistas, e substituíu a solidariedade internacional de clase con doutrinas de supremacía racial e penetrado nas estruturas profundas de Estados e sociedades.

8. A desaparición do colectivismo europeo e asiático en aras do benestar (na antiga Unión Soviética e China) aumentou a presión competitiva sobre o capitalismo occidental, e animouno a renunciar a todas as concesións ao benestar outorgadas ao traballo no período inmediatamente posterior á Segunda Guerra Mundial.

9. A desaparición do «comunismo» e a integración da socialdemocracia no sistema capitalista supuxo un grave debilitamento da esquerda, á que as protestas esporádicas dos movementos sociais non lograron substituír.

10. Ante a actual arremetida a gran escala contra o nivel de vida das clases medias e traballadoras só hai, no mellor dos casos, protestas esporádicas e, no peor, impotencia política.

11. A explotación masiva da man de obra nas sociedades capitalistas post-revolucionarias, como China ou Vietnam, vai acompañada da exclusión de centenares de millóns de traballadores emigrantes dos servizos públicos educativos e sanitarios máis elementais. O saqueo sen precedentes e a toma por parte das oligarquías nacionais e as multinacionais estranxeiras de milleiros de empresas públicas estratéxicas lucrativas en Rusia, as antigas repúblicas soviéticas, Europa do Leste, os Balcáns e os países bálticos supuxeron a maior transferencia de riqueza pública a mans privadas no período máis curto da historia.

En resumo, a «barbarie» aflorou como realidade definitoria, froito do ascenso dunha clase dominante financeira parasitaria e militarista. Os bárbaros xa chegaron, están dentro das fronteiras das sociedades e Estados occidentais. Teñen preponderancia e buscan de forma agresiva impor un plan que reduce sen cesar o nivel de vida, transfire riqueza pública ás súas arcas particulares, esquilma recursos públicos, ataca salvaxemente dereitos constitucionais no seu afán de librar guerras imperiais, segrega e persegue a millóns de traballadores inmigrantes e fomenta a desintegración e diminución das clases medias e traballadoras estabilizadas. Máis que en calquera outro período da historia recente, o 1 por cento da poboación máis rica controla unha cota de riqueza e renda nacional cada vez maior.

Mitos e realidades do capitalismo histórico

O retroceso sostido e xeneralizado dos dereitos sociais e os recursos para o benestar, os salarios, a seguridade laboral, as pensións e os salarios demostran que a idea de progreso lineal do capitalismo é falsa. A inversión do curso dos acontecementos, froito do poder reforzado da clase capitalista, demostra a validez da afirmación marxista de que a loita de clases é o motor da historia; polo menos, na medida en que a condición humana se considere o eixo da historia.

A segunda suposición falsa é que os Estados baseados en «economías de mercado» requiren paz, e o seu corolario de que os «mercados» derrotan o militarismo, queda refutada mediante o feito de que a principal economía de mercado, Estados Unidos, leva en estado de guerra continuo desde comezos da década de 1940, implicada activamente até o día de hoxe en guerras en catro continentes, e cun horizonte de guerras novas, maiores e máis sanguentas. A causa e a consecuencia da guerra permanente é o crecemento dun monstruoso «estado de seguridade nacional» que non recoñece fronteiras nacionais e absorbe a maior parte do orzamento nacional.

O terceiro mito do capitalismo maduro «avanzado» é que revoluciona sen cesar a produción mediante a innovación e a tecnoloxía. Co ascenso da elite militarista, financeira e especulativa, as forzas produtivas foron esquilmadas e a «innovación» localízase sobre todo na elaboración de instrumentos económicos que se aproveitan dos investidores, desposúen de bens e arrasan o emprego produtivo.

A medida que crece o imperio, a economía doméstica mingua, o poder centralízase en mans de executivos, as competencias lexislativas minguan e négase á cidadanía a representación efectiva ou, mesmo, esta é vetada a través dos procesos electorais.

As respostas masivas ao auxe da barbarie

O auxe da barbarie entre nós provocou repugnancia pública contra os seus principais practicantes. As sondaxes poñen de manifesto unha e outra vez:

1. O noxo e o rexeitamento profundos que suscitan todos os partidos políticos.

2. A existencia de maiorías abafadoras que desconfían profundamente das elites empresariais e políticas.

3. A presenza dunhas maiorías que rexeitan a concentración de poder empresarial e o abuso do mesmo, sobre todo nos banqueiros e financeiros.

4. O cuestionamiento xeneralizado das credenciais democráticas de líderes políticos que actúan en nome da elite empresarial e fomentan as medidas represivas do estado de seguridade nacional.

5. O rexeitamento dunha gran maioría do saqueo das arcas públicas para sacar de apuros aos bancos e as elites económicas mentres se impoñen programas de austeridade regresivos ás clases medias e traballadoras.

Perspectivas para o socialismo

A ofensiva capitalista causou sen dúbida un impacto de primeira orde nas condicións obxectivas e subxectivas das clases medias e traballadoras aumentando o empobrecimento e provocando unha marea crecente de descontento persoal, pero aínda non deu lugar a movementos anticapitalistas masivos, nin sequera a unha resistencia dinámica organizada.

As transformacións estruturais importantes requiren avirse ás circunstancias adversas actuais e identificar novas estratexias de acción e modalidades de loita de clases e transformación.

Un problema chave é a necesidade de volver crear unha economía produtiva e reconstruír unha nova clase traballadora industrial ante os anos de saqueo económico e desindustrialización; non necesariamente as industrias «sucias» do pasado, pero industrias de xeito evidente novas que utilicen e inventen fontes de enerxía limpas.

En segundo lugar, as sociedades capitalistas, enormemente endebedadas, requiren unha deriva fundamental desde o militarismo e a construción do imperio, cos seus elevados custos, cara a un tipo de austeridade de clase que impoña sacrificios e reformas estruturais aos sectores bancario, financeiro e de comercio almacenista, que substitúen a produción local pola importación barata de artigos de consumo.

En terceiro lugar, reducir o sector financeiro e comerciante polo miúdo esixe mellorar as destrezas dos traballadores desprazados e dos empregados, así como reorientar o sector das tecnoloxías da información e a comunicación para adaptalos aos cambios da economía. É un desprazamento paradigmático desde o salario económico ao salario social, no que a educación pública e gratuíta até os niveis máximos e a atención sanitaria universal ou as pensións integrais substitúan o consumismo financiado con débeda. Estes poden ser os alicerces para fortalecer a conciencia de clase fronte ao consumismo individual.

A pregunta é como avanzamos desde uns movementos sindicais e sociais debilitados, fragmentados e en retirada, ou á defensiva, até unha posición que permita lanzar unha ofensiva anticapitalista.

Neste sentido se cadra estean operando varios factores subxectivos e obxectivos. En primeiro lugar, temos a crecente actitude negativa dunhas maiorías inmensas cara aos políticos en exercicio e, concretamente, cara ás elites financeiras e económicas, ás que se identifica con nitidez como responsábeis do descenso do nivel de vida. En segundo lugar, existe a opinión popular, compartida por millóns de persoas, de que os programas actuais de austeridade son manifestamente inxustos, pois fan pagar aos traballadores a crise que a clase capitalista provocou. Até o momento, estas maiorías son aínda máis «anti» statu quo que «pro» transformación. A transición desde o descontento privado cara á acción colectiva é unha cuestión indefinida no relativo a quen é o suxeito e como é a acción, pero a oportunidade existe.

Hai varios factores obxectivos que poderían desencadear un desprazamento cualitativo desde o descontento furioso e pasivo até un movemento anticapitalista masivo. Unha recesión «con dúas cristas descendentes» ou en forma de W, a fin da actual recuperación anémica e o comezo dunha recesión/depresión máis profunda e prolongada, podería desacreditar os actuais gobernantes e a quen os apoian economicamente.

En segundo lugar, un período de austeridade profunda e interminábel podería restar credibilidade á idea actual da clase dominante de que «é necesario sufrir para obter beneficios no futuro» e abrir as mentes e mover os corpos en busca de solucións políticas que obteñan beneficios actuais facendo sufrir ás elites económicas.

As guerras imperiais interminábeis e imposíbeis de gañar que desangran á economía e a clase traballadora poderían, en última instancia, crear conciencia de que a clase dominante sacrificou a nación sen ningún propósito útil».

Así mesmo, a combinación dunha nova fase de recesión, austeridade económica e guerras imperiais sen sentido pode orientar o actual descontento xeneralizado e a hostilidade difusa cara ás elites económicas e políticas cara a movementos, partidos e sindicatos socialistas.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 5 de agosto de 2010]

cig.prensa@galizacig.com