
Desde os anos 1980 e a moda da economía reaganiana, en todos estes países -e nomeadamente nos Estados europeos debilitados hoxe pola crise da débeda-, as receitas dos gobernos (de dereitas ou de esquerdas) foron as mesmas: reducións drásticas do gasto público, con recortes particularmente brutais dos orzamentos sociais. Un dos resultados foi a alza espectacular do paro xuvenil.
“O mundo será salvado, se pode selo, só polos insubmisos” (André Gide)
Primeiro foron os árabes, despois os gregos, a continuación os españois e os portugueses, seguidos polos chilenos e os israelís; e o mes pasado, con ruído e carraxe, os británicos. Unha epidemia de indignación está sublevando os mozos do mundo. Semellante á que, desde California até Tokio, pasando por París, Berlín, Madrid e Praga, percorreu o planeta nos anos 1967-1968, e cambiou os hábitos das sociedades occidentais. Nunha era de prosperidade, a mocidade pedía paso entón para ocupar o seu espazo propio.
Hoxe é diferente. O mundo foi a peor. As esperanzas esvaéronse. Por vez primeira desde hai un século, en Europa, as novas xeracións terán un nivel de vida inferior ao dos seus pais. O proceso globalizador neoliberal brutaliza aos pobos, humilla aos cidadáns, desposúe de futuro aos mozos. E a crise financeira, coas súas ?solucións? de austeridade contra as clases medias e os humildes, empeora o malestar xeral. Os Estados democráticos están renegando dos seus propios valores. En tales circunstancias, a submisión e o acatamento son absurdos. En cambio, as explosións de indignación e de protesta resultan normais. E vanse a multiplicar. A violencia está subindo...
Aínda que, en concreto, o formato mesmo do estalido non é semellante en Tel Aviv e Santiago de Chile ou Londres. Por exemplo, a impetuosa detonación inglesa distinguiuse, polo seu alto grao de violencia, do resto das protestas xuvenís, esencialmente non violentas (aínda que non falten os enfrontamentos puntuais en Atenas, Santiago de Chile e varias capitais).
Outra diferenza esencial: os amotinados ingleses, se cadra pola súa pertenza de clase, non souberon verbalizar o seu desacougo. Nin puxeron a súa carraxe ao servizo dunha causa política. Ou da denuncia dunha iniquidade concreta. Na súa guerrilla urbana, nin sequera saquearon con ira sistemática os bancos... Deron a (lamentábel) impresión de que só as marabillas dos escaparates encirraban a súa rabia de desposuídos e de frustrados. Pero, no fondo, como tantos outros “indignados” do mundo, estes revoltados expresaban a súa desesperación, esquecidos por un sistema que xa non sabe ofrecerlles nin un lugar na sociedade, nin un porvir.
Un trazo neoliberal que, de Chile a Israel, irrita particularmente é a privatizacion dos servizos públicos. Porque significa un roubo manifesto do patrimonio dos pobres. Aos humildes que non posúen nada, quédalles polo menos a escola pública, o hospital público, os transportes públicos, etc., que son gratuítos ou moi baratos, subvencionados pola colectividade. Cando se privatizan, non só se lle arrebata á cidadanía un ben que lle pertence (foi custeado cos seus impostos) senón que se desposúe os pobres do seu único patrimonio. É unha dobre inxustiza. E unha das raíces da ira actual.
A este respecto, para xustificar a carraxe dos insurrectos de Tottenham, unha testemuña declarou: “O sistema non cesa de favorecer os ricos e de esmagar os pobres. Recorta o orzamento dos servizos públicos. A xente morre nas salas de espera dos hospitais logo de esperar a un médico unha infinidade de horas...” (1).
En Chile, desde hai tres meses, ducias de miles de estudantes, apoiados por un sector importante da sociedade, reclaman a desprivatización do ensino (privatizada baixo a ditadura neoliberal do xeneral Pinochet, 1973-1990). Esixen que o dereito a unha educación pública e gratuíta de calidade sexa inscrito na Constitución. E explican que “a educación xa non é un mecanismo de mobilidade social. Ao contrario. É un sistema que reproduce as desigualdades sociais” (2). A fin de que os pobres sexan pobres para a eternidade...
En Tel Aviv, o 6 de agosto pasado, ao berro de “O pobo quere a xustiza social!”, unhas 300.000 persoas manifestáronse en apoio ao movemento dos mozos “indignados” que piden un cambio nas políticas públicas do goberno neoliberal de Benyamin Netanyahou (3). “Cando a alguén que traballa -declarou unha estudante- non lle chega nin sequera para comprar para comer é que o sistema non funciona. E non é un problema individual, é un problema de goberno” (4).
Desde os anos 1980 e a moda da economía reaganiana, en todos estes países -e nomeadamente nos Estados europeos debilitados hoxe pola crise da débeda-, as receitas dos gobernos (de dereitas ou de esquerdas) foron as mesmas: reducións drásticas do gasto público, con recortes particularmente brutais dos orzamentos sociais. Un dos resultados foi a alza espectacular do paro xuvenil (na Unión Europea: 21%; no Estado español: 42,8%!). Ou sexa, a imposibilidade para toda unha xeración de entrar na vida activa. O suicidio dunha sociedade.
No canto de reaccionar, os gobernos, axotados polas recentes derrubas das Bolsas, insisten en querer custe o que custe satisfacer os mercados. Cando o que terían que facer, e dunha vez, é desarmar os mercados (5). Obrigalos a que se sometan a unha regulamentación estrita. Até cando se pode seguir aceptando que a especulación financeira impoña os seus criterios á representación política? Que sentido ten a democracia? Para que serve o voto dos cidadáns se resulta que, a final de contas, mandan os mercados?
No seo mesmo do modelo capitalista, as alternativas realistas existen. Defendidas e apoiadas por expertos internacionalmente recoñecidos. Dous exemplos: o Banco Central Europeo (BCE) debe converterse nun verdadeiro banco central e prestarlles diñeiro (con condicións precisas) aos Estados da eurozona para financiar os seus gastos. Cousa que lle está prohibida ao BCE actualmente. O que obriga aos Estados a recorrer aos mercados e pagar xuros astronómicos... Con esa medida acábase a crise da débeda.
Segundo: deixar de prometelo e pasar a esixir xa a Taxa sobre as Transaccións Financeiras (TTF). Cun modesto imposto dun 0,1% sobre os intercambios de accións en Bolsa e sobre o mercado de divisas, a Unión Europea obtería, cada ano, entre 30.000 e 50.000 millóns de euros. Suficiente para financiar sen problemas os servizos públicos, restaurar o Estado de benestar e ofrecer un futuro luminoso ás novas xeracións.
Ou sexa, as solucións técnicas existen. Pero onde está a vontade política?
_____________________________________________________________
Notas:
(1) Libération, París, 15 de agosto de 2011.
(2) Le Monde, París, 12 de agosto de 2011.
(3) Segundo unha enquisa de opinión, as reivindicacións dos “indignados” israelís contan coa aprobación do 88% dos cidadáns. (Libération, op. cit.)
(4) Le Monde, París, 16 de agosto de 2011.
(5) Léase Ignacio Ramonet, “Desarmar a los mercados”, Le Monde diplomatique en español, decembro de 1997.
_____________________________________________________________
[Artigo tirado da edición española de ‘Le Monde Diplomatique’, nº 191, de setembro de 2011]